Así é a folla de ruta para reducir as emisións de gases no agro

O plan nacional de Enerxía e Clima, xunto co de Control da Contaminación Atmosférica, definen as restriccións ambientais que van chegar ás granxas ó longo desta década

Así é a folla de ruta para reducir as emisións de gases no agro

Proxecto Fertiporc, en Ourense, no que se regan cultivos coa fracción líquida do xurro. / Arquivo.

O agro ten un escaso papel na emisión de gases de efecto invernadoiro, que se pode cuantificar en arredor dun 12% do total das emisións españolas. Tampouco é unha actividade á que se lle poida achacar unha gran responsabilidade na contaminación atmosférica, pero en calquera caso, o agro, igual que o resto de sectores produtivos, verase na obriga nos próximos anos de adoptar medidas para reducir as emisións. É un compromiso político a nivel europeo que semella non ter volta de folla.

Analizamos as restriccións ambientais que chegarán ás granxas nos próximos anos da man de Juan Sagarna, técnico de Cooperativas Agroalimentarias de España, que vén de falar sobre estas cuestións nunha xornada da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

“Podemos falar das medidas que aparecen recollidas no Plan Nacional de Energía y Clima e no Plan Nacional de Control de la Contaminación Atmosférica, pero probablemente pasen anos antes de que estas medidas se plasmen en decretos ou ordes ministeriais. Polo de agora son tendencias, un compromiso de que no futuro se regularán estes aspectos”, explica Juan Sagarna.

Medidas propostas a Europa para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro

A actividade gandeira produce emisións de metano e óxido nitroso, dous dos gases responsables do cambio climático. Para diminuílas, o plan nacional de Enerxía e Clima propón, entroutras, as seguintes medidas:

– Establecemento de plans de fertilización por cada produtor e rexistro de tódalas aplicacións nun caderno de explotación.

– Baleirado frecuente de purín nas granxas de porcino.

– Cobertura das balsas de puríns nas novas instalacións de vacún e porcino.

– Separación sólido-líquido dos puríns en zonas con alta concentración de porcino e bovino. Elaboración de compost a partir da fracción sólida dos xurros nesas zonas.

Medidas propostas a Europa para reducir as emisións de amoniaco

O amoniaco é outro dos gases producidos pola gandería que preocupa a nivel europeo, pois considérase que ten impacto na saúde humana. Malia que o porcino é o gran responsable das emisións gandeiras de amoniaco (40%), o vacún de leite, que só produce o 10%, e o vacún de carne (20%) terán tamén que afrontar medidas de reducción con toda probabilidade. As que se propoñen no plan nacional de control da contaminación atmosférica son as seguintes:

Xestión dos xurros

– Ampliar a prohibición de repartir puríns en abanico ós fertilizantes orgánicos con máis dun 40% de humidade.

– Limitar a aplicación de nitróxeno ureico a un 30% do total das unidades de nitróxeno aportadas.

– Evacuar dúas veces por semana o esterco en explotacións de gando bovino e porcino.

– Incorporar as mellores técnicas dispoñibles (MTDs).

Alimentación animal

– Implementar a alimentación multifase en vacún, aves de carne e porcino. É dicir, a ración deberase axeitar ás necesidades do animal en cada momento, evitando os excesos de nutrintes na dieta.

– Reducir a proteína na alimentación do gando. A menos proteína, menos nitróxeno e menos amoniaco nas dexeccións.

Que pasará coa aplicación de puríns en abanico?

O Plan Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, que foi aprobado polo Goberno e remitido a Bruxelas este outono, aspira a que no 2030 o 80% dos xurros se apliquen coa tecnoloxía de tubos colgantes e a que sexan enterrados antes das 24 horas. Por tanto, a medio prazo o reparto de puríns en abanico semella sentenciado.

Para o 2020, todo apunta a que se permitirá a continuación das excepcións dos últimos anos, pero Juan Sagarna é escéptico sobre o que sucederá en anos vindeiros. “É complicado que se poidan manter as excepcións, pois previsiblemente haberá presións da Comisión Europea”, valora.

Papel das axudas da PAC
O novo periodo de axudas da Política Agraria Común (PAC), que non arrancará antes do 2022, incluirá liñas de axudas para mellorar as prácticas ambientais no agro. Serán os chamados ecoesquemas, que previsiblemente apoiarán ás ganderías que adopten medidas para reducir as emisións.

Como se lexislarán as restriccións e os incentivos para mellorar as prácticas gandeiras é a gran incertidume que pende sobre o sector. A esperanza das organizacións do agro é que as medidas sexan consensuadas co sector antes da súa publicación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información