As vendas de viño español ao Reino Unido resisten ao Brexit

Increméntase nun 3% o volume de viño español importado por Gran Bretaña en 2019 ata acadar os 125,7 millóns de litros, por valor de máis de 244 millóns de libras

Publicidade
As vendas de viño español ao Reino Unido resisten ao Brexit

O Observatorio Español do Mercado do Viño (Oemv) acaba de facer públicos os datos das importacións británicas de viño do pasado ano no informe que elabora para a Organización Interprofesional do Viño de España. No 2019, o Reino Unido reduciu as súas importacións de viño, sobre todo en volume, situándose en 1.165,8 millóns de litros. Aínda que tamén foi menor o seu valor (3.125,2 millóns de libras), incrementouse o prezo medio nun 10,5%.

Así, o Reino Unido reduciu no 2019 un 10% o volume de viño importado, motivado polo período de incerteza comercial ante a entrada en vigor do Brexit. Estas cifras sitúan por primeira vez a Estados Unidos como segundo importador mundial de viño en volume, aínda que lonxe de Alemaña.

España atópase como terceiro provedor de viño en Reino Unido, por detrás de Italia e Francia, que representan o 57% do viño importado polo país británico. España ocupa a terceira posición en valor, con 244,4 millóns de libras, un 2,9 % menos que no 2018. Tamén ostenta ese posto en canto a volume exportado, con 125,7 millóns de litros, un 3,3% máis que no exercicio anterior.

O prezo medio do viño español importado a Gran Bretaña é de 1,94 libras por litro

Porén, o prezo medio do viño español importado a Gran Bretaña é de 1,94 libras por litro fronte á media do mercado, que se sitúa en 2,68 libras por litro. No caso do viño envasado, que representa máis do 78% do viño español que Inglaterra importa, o prezo medio sitúase en 2,09 euros por litro, en valores próximos ós que se manexan para os viños italianos (cun valor medio de 2,22 euros) ou os alemáns (2,05 euros). Mentres, os que máis se cotizan son os franceses, cun prezo medio de 4,81 euros; ou os viños de Nova Zelanda, cun valor medio de 4,17 euros por litro.

Caída das ventas do viño a granel

Inglaterra importa sobre todo viño envasado, que representa un 66,3% do valor importado e un 59% dos litros que chegan ó país. Aínda que no último ano se importou menos cantidade, aumentou nun 1,8% o valor das importacións deste tipo de viños. En España exportáronse para Inglaterra 98 millóns de litros de viño envasado, por valor duns 205,2 millóns de libras.

Mentres, as importacións de Inglaterra de viño a granel caeron máis dun 25%, tanto en valor como en volume aínda que, no caso de España estas cifras incrementáronse con respecto do 2018. Así, España sitúase como oitavo provedor en termos de valor, con 9,9 millóns de libras, e cun incremento do 8%. Exportáronse 14,5 millóns de litros de viño a granel, o que supuxo un incremento do 55% e que fixo que España fose o sexto país en volume de viño a granel.

Outro dos produtos importados por Gran Bretaña é o bag-in-box, que experimentou un crecemento no último ano. España ocupa a cuarta posición tanto en valor como en volume, cunha evolución positiva en ambos. Conseguiu incrementar nun 14% o valor por estas ventas e un 39% a cantidade de litros exportados.

En canto a viños espumosos, España tamén se sitúa na terceira posición, con 11,1 millóns de litros e 269,1 millóns de libras, aínda que tanto en volume como en valor se produciu unha redución do 3,3% e o 4% respectivamente con relación ó 2018.

info_2020_03_oive_importaciones_reino_unido_ano_2019-20 info_2020_03_oive_importaciones_reino_unido_ano_2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información