“As vacas de concurso son tamén vacas máis rendibles”

Entrevista a Xavier Álvarez Lastra, membro do equipo directivo de “La Ponderosa Holsteins” e xuíz internacional que ven de impartir a 22 edición da Escola de Xuíces Gandeiros de Fefriga.

“As vacas de concurso son tamén vacas máis rendibles”

Xavier Álvarez Lastra, membro do equipo directivo de “La Ponderosa Holsteins” e xuíz internacional

A pasada semana celebrouse a 22 edición da Escola de Xuíces Gandeiros, organizada Federación Frisona Galega (Fefriga) co apoio da Consellería do Medio Rural.

Un total de 85 participantes, na súa maioría xente moza, participaron durante tres días nunhas intensas xornadas de formación para aprender a valorar a morfoloxía da vaca frisoa. A escola, que se volveu celebrar despois dun parón de dez anos, incluíu xornadas prácticas en ganderías punteiras de vacún de leite das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A persoa encargada de impartir a formación foi Xavier Álvarez Lastra, natural de Ribadeo, e cunha ampla e recoñecida traxectoria como xuíz gandeiro, tanto a nivel español como internacional.

Este enxeñeiro técnico agrícola en explotacións agropecuarias, levou a cabo a súa labor profesional tanto en Africor Lugo como en Fefriga, así como na desaparecida Finca de Bos, e na actualidade compaxina o seu traballo en “La Ponderosa Holsteins”, un referente en España en xenética Frisoa, coa xestión da explotación familiar de vacún de carne que ten na Mariña.

¿Como valoras a recuperación da Escola de Xuíces Gandeiros de Fefriga, dez anos despois da última edición?
É algo moi meritorio e creo que é algo que se debe celebrar cada ano. Non se trata só dunha escola para ser xuíz gandeiro, senón que o primeiro obxectivo é aprender a valorar unha vaca, ver cales son os seus defectos e as súas virtudes e ser capaces de valorar cales son as vacas que debemos ter no noso establo. Ademais, esta cita permite aos gandeiros compartir experiencias e visitar granxas das que poden extraer aprendizaxes para aplicar nas súas ganderías.

Ademais, nas visitas que realizamos ás ganderías participantes (Sat San Vicente de Niveiro, Gandería Carro, Sat Rei de Miñotelo, Sat A Vereda, Gandería Pozo e Sat Carballeiras), e ás que lles hai que agradecer o seu esforzo para colaborar coa escola, comprobei o gran progreso xenético que realizaron os gandeiros galegos nos últimos anos. Podemos dicir que en Galicia estamos ao mesmo nivel xenético que o resto de Europa, con grandes profesionais e granxas moi competitivas a nivel europeo.

Nesta edición chamoume positivamente a atención que boa parte dos 85 participantes eran xente moza. Podemos falar de dous grupos, un de veteranos, máis participativos, que xa se formaron en escolas de xuíces en edicións anteriores, e outro da xente nova que viña por primeira vez, que ten moito interese en formarse e á que lle hai que axudar a veces a participar e a perder o medo escénico.

¿Cales son as claves dun bo xuíz gandeiro?
Un xuíz debe ter moi claro o criterio que el quere seguir segundo o patrón oficial de xulgamento e a morfoloxía e a calidade do animal que quere buscar. En primeiro lugar, debe ser capaz de transmitirlle á xente os motivos obxectivos polos cales establece cales son as colocacións correctas.

“O futuro é unha vaca máis intermedia en estatura e con moi boas ubres e patas”

Neste curso participaron 6 animais por sección, pero nun concurso nacional ou internacional podes chegar a ter 28 animais na mesma sección e é preciso, por tanto, non só saber de vacas e de morfoloxía dos animais, senón ser capaz de transmitirlle ao público as túas decisións e os motivos que te levaron a facer esas colocacións.

¿En que aspectos se debe fixar un xuíz para valorar unha vaca nun concurso morfolóxico?
Os xuíces valoramos catro apartados dunha vaca: o ubre, que supón un 40% da valoración, as patas cun 25%, a estrutura e capacidade do animal cun 20% e a estrutura leiteira, que é a capacidade da vaca de producir leite e ser rendible nunha explotación, que supón un 15% da nota final.

Con estes criterios vanse descartando os animais, seguindo un canon da vaca ideal, de forma que se busca o animal que máis se parece a ese modelo.

A vaca ideal tería unha estrutura leiteira perfecta, un costillar profundo e ben arqueado, unha vaca alta, un animal cunha altura, textura e un equilibrio do ubre ideal…etc. É dicir, nos cánones de cualificación establecidos por Conafe, debería aproximarse ao máximo a eses referentes.

Existe o estereotipo de que as vacas de concurso non son as máis rendibles. ¿Que replicarías?
Discrepo totalmente. As vacas de concurso son boas vacas de establo, porque o que buscamos nun concurso son animais con ausencia de defectos, e con boas ubres, patas e estrutura moi funcionais dentro da granxa. Isto vai permitir que sexan máis lonxevas, máis fáciles de muxir, que presenten unha boa declaración de celos que nos vai permitir inseminalas a tempo….etc. Os criterios dos concursos morfolóxicos son tamén criterios de selección para a propia explotación de cara a lograr vacas máis rendibles.

¿Cara onde crees que se orientarán no futuro os criterios de selección da raza Holstein en Europa?
Creo que a tendencia será seleccionar animais máis intermedios en estatura, non vacas tan grandes nin tan profundas en costillar. Isto débese a que a estabulación en interior cada vez está máis estendida, e precisamos animais que se adapten aos cubículos e a este tipo de manexo estabulado. Por outra parte, seguirán collendo cada vez máis peso os ubres e as patas: os primeiros porque nos darán capacidade de producir con menos problemas e as segundas porque permiten que sexa máis lonxeva na explotación.

O futuro, por tanto, é unha vaca máis intermedia en estatura e con moi bos ubres e patas. Tamén se incidirá cada vez máis nos caracteres secundarios; é dicir, na transmisión de caracteres de mastite e de fertilidade, que é onde máis está pecando a raza.

Ademais de xuíz gandeiro, tamén dirixes La Ponderosa Holsteins, unha das ganderías referentes en xenética en España. ¿Como é o teu traballo alí?
Estou dirixindo esta explotación, que está englobada dentro do proxecto Blanca from the Pyrenees, un centro de investigación que se marca como obxectivos levar a cabo o desenrolo de diversos estudos encargados por distintas empresas orientados á redución de metano nas emisións dos animais, reducir o uso de antibióticos na explotación…. etc, así como a mellora xenética, entre outros.

“Debemos concibir a gandería como unha empresa e descartar as vacas menos rendibles”

¿Que fortalezas e que feblezas ves nas ganderías de vacún de leite de Galicia de cara a ser competitivas no futuro?
En Galicia moitos gandeiros seguen tendo un apego moi emocional ás vacas que lles impide descartar as menos produtivas. Debemos cambiar cara unha mentalidade máis empresarial, de forma que o gandeiro vexa a súa explotación como unha empresa que ten que ser rendible e que lle permita ter calidade de vida.

Por outra parte, en Galicia temos unha situación privilexiada en canto a clima, o que permite un maior benestar animal e favorece a produción de forraxes propias.

Creo que o principal obxectivo é pensar as ganderías como unha empresa e non como unha parte da familia.

As calidades do leite cobran cada vez maior importancia para o gandeiro. Cambios na ración, cruces da raza Holstein con outras máis produtoras de graxa e proteína ou cambios a razas puras son algunhas das vías que están a poñer en práctica algunhas explotacións. ¿Cal é a túa opinión sobre a forma máis rendible para o gandeiro de mellorar as calidades do leite?
Dende o meu punto de vista o que creo que debemos é traballar cada raza na súa pureza, mellorando o seu manexo, variando a súa alimentación de cara a conseguir un aumento de calidades e incluso facendo unha selección xenética para mellorar calidades.

“Creo que debemos traballar cada raza na súa pureza”

Incluso introducir outras razas dentro dos establos, pero todas elas na súa pureza, razas que dende hai moitos anos no resto de Europa conviven no mesmo establo coas Holstein sen problema.

Galería de imaxes da XXII Escola de Xuíces Gandeiros de Fefriga:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información