As primeiras imaxes do bloqueo ás industrias lácteas

Larsa, Feiraco, Leyma, Leche Celta, a planta de Leche Rio no Ceao, Lácteos Pérez Olveira, Nestlé e Ríos Sangiao xa están bloqueadas polos gandeiros, que demandan prezos xustos para o leite.

Os gandeiros galegos iniciaron esta noite un bloqueo ás industrias lácteas instaladas en Galicia para demandar uns prezos xustos do leite que lles cubran os costes de produción. O bloqueo comezou con varias industrias lácteas da provincia da Coruña e de Pontevedra e prevén que ao longo de mañá se estenda ao resto de Galicia.

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, que está a coordinar as mobilizacións, tamén ten previsto estender o bloqueo a plataforma loxística de GADISA e á de VEGALSA-Eroski. O de DIA levantárono despois de que a empresa ameazase con despedir aos 120 traballadores da súa planta en Mercagalicia.

Os primeiros bloqueos foron levados a cabo por gandeiros de Mazaricos, Negreira, Santa Comba que a esta hora teñen bloqueados os accesos ás plantas de Feiraco en Negreira; á de Lácteos Pérez, en A Pereira (Santa Comba); Sangiao, en Sigueiro (Oroso), propietario de Logística Alimentaria, Lácteos Merza..etc

A estes seguíronlle os bloqueos da planta de Leite Celta, propiedade da portuguesa LACTOGAL, en Pontedeume, e da planta de Leyma, propiedade de Leite Río, en Arteixo.

En Pontevedra os gandeiros bloquearon o acceso á planta de Nestle en Pontecesures e á de Larsa en Vilagarcía, propiedade de Corporación Alimentaria Peñasanta. Esta mañá teñen previsto realizar o bloqueo da planta de CLESA en Caldas de Reis.

En Lugo, a pesar dos intentos da dirección da asemblea de gandeiros por evitalo, produtores da Terra Cha empezaron tamén a bloquear as plantas. Ata agora está confirmado o bloqueo da planta de Leite Río, propiedade de Jesús Lence, en Ou Ceao.

Dende a Plataforma din que se ven na necesidade de realizar estas medidas de presión para que o acordo para o sector lácteo que se está a negociar en Madrid teña garantías para os gandeiros. En concreto, piden que no documento se defina o que se considera prezo sostible para o gandeiro e que se establezan sancións por incumprimento, para garantir un compromiso real de industria e distribución.

Velaquí unha galería de imaxes dos primeiros bloqueos:

Bloqueo de Leyma en Arteixo

2 ideas sobre “As primeiras imaxes do bloqueo ás industrias lácteas

  1. María

    Home!! que eu sepa A Pereira pertence a Santa Comba de toda a vida, aínda que esté preto de Mazaricos….

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información