As perdas no millo pola seca poñen de manifesto o descoido dos regadíos en Galicia

A produción en veráns como o actual chega a reducirse nalgunhas parcelas en máis do 40 por cento. O sector suxire acometer pequenas obras hidráulicas para almacenar excedentes invernais de auga das choivas, así como impulsar as enerxías renovables para sistemas de rega. Unións pide axudas como as de Baleares para a compra de alimentos para o gando

As perdas no millo pola seca poñen de manifesto o descoido dos regadíos en Galicia

O millo presenta unha alta variabilidade de rendementos en función da choiva.

Cando vén un verán seco, como o actual, a produción de millo pode caer en máis dun 40 por cento. A alta variabilidade de rendementos do cultivo representa un serio revés para as explotacións lácteas, que teñen no millo unha parte fundamental da ración das vacas ó longo de todo o ano. O problema das secas estivais, que previsiblemente irá a máis co cambio climático, pon de manifesto o descoido dos sistemas de regadío no agro galego.

Esta primavera, cando as dificultades viñan da choiva que retrasou a sementeira, o xefe do Departamento de Pastos e Cultivos de Mabegondo, Gonzalo Flores, advertía nunhas xornadas en Lalín da importancia da auga estival para o millo. “O 77% da variabilidade da produción anual do millo explícase polas precipitacións do mes de xullo”, concluía Flores en base ás investigacións desenvoltas polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)

“O 77% da variabilidade na produción do millo explícase polas precipitacións do mes de xullo” (Gonzalo Flores, CIAM)

“Esa merma da produción pode reducirse en parte con regas estratéxicas. Unha boa opción consistiría en almacenar parte dos excedentes da choiva invernal en pequenas obras hidráulicas”, valoraba.

O xullo máis seco desde 1873
A construción de balsas de almacenamento de auga, que poderían ser financiables con cargo ó Plan de Desenvolvemento Rural, permitiría afrontar anos como o actual, co xullo máis seco desde 1873, segundo o observatorio de datos que mantén na Coruña a Axencia Española de Meteoroloxía (Aemet). Este xullo, o 80% das estacións de medición da Aemet en Galicia rexistraron menos de 6 litros por metro cadrado. Un xullo normal, as precipitacións superan os 30 litros.

As penalizacións ó autoconsumo enerxético lastran a implantación de enerxías renovables nos sistemas de rega

Así as cousas, no agro danse xa por seguras fortes perdas, sobre todo na produción de millo, pero tamén noutros cultivos como a pataca. Os regadíos na comunidade son escasos, salvo en comarcas como A Limia, e no caso de produtores illados que optaron por acometer regas nas súas parcelas de millo, os custos eléctricos disparáronse este verán.

Desde o proxecto Resfarm, que coordina Unións Agrarias e no que tamén participan Sindicato Labrego e Agaca, avogaban esta primavera por impulsar as enerxías renovables nos regadios, se ben tamén advertían de que cos actuais impostos do goberno ó autoconsumo de enerxía, o periodo de amortizacións duns paneis fotovoltaicos duplicábase.

Proxecto da USC sobre agricultura adaptada ó clima
A Universidade de Santiago informa hoxe de que a Escola Politécnica Superior de Lugo liderará un programa europeo dirixido a identificar prácticas e innovacións que contribúan a fomentar unha agricultura adaptada ó clima. No proxecto, denominado Afinet, participan universidades e centros de investigación de nove países.

O seu prazo de execución vai do 2017 ó 2020 e conta cun presuposto de tres millóns de euros. Coordina o proxecto a profesora do Departamento de Produción Vexetal da EPS Rosa Mosquera.

Petición de Unións de axudas para alimentación do gando

A mala colleita deste ano obrigará ás explotacións gandeiras a un aumento da compra de piensos e forraxes. O problema chega xusto nun intre no que as granxas de leite se ven apretadas polos baixos prezos do leite, que se prolongan desde hai máis dun ano, e polas débedas que arrastran, entre outras, coas empresas suministradoras de alimentación animal.

Baleares abriu liñas de axudas para a compra de alimentación para o gando

Ante esta situación, Unións Agrarias pide que a Xunta habilite axudas para a alimentación do gando, como xa fixo este ano o Goberno de Baleares. O Goberno balear abriu liñas de subvencións pola seca destinadas ás explotacións de gando vacún, ovino, cabrún e porcino extensivo das illas. As subvencións cubren ata o 40% dos gastos, cun tope de axuda por animal.

Unións tamén emprazou á Consellería do Medio Rural a habilitar en Galicia unha mesa de seguemento dos efectos que está a ter a seca. A organización agraria advirte do seu impacto tanto na produción de forraxes como na hortofrutícola, na de patacas e previsiblemente no viñedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información