As industrias frean a suba do leite no campo a pesar do repunte dos produtos lácteos

A cotización da manteiga disparouse en Europa un 56% nos últimos 5 meses, en tanto o leite en po desnatado subiu un 20%. A Fruga advirte de penalizacións encubertas que forzan baixadas nas granxas

As industrias frean a suba do leite no campo a pesar do repunte dos produtos lácteos

O sector atribúe as subas de Río á necesidade de recuperar volumes de leite no mercado.

O mercado dos produtos lácteos industriais está a remontar desde hai 5 meses, pero esa mellora non ten perspectivas de chegar ó campo. As principais industrias lácteas que operan en Galicia, como Lactalis, Capsa ou Celta, teñen contratos suscritos coas súas granxas ata comezos do 2017, sen que se lles vexa vontade de renegocialos. Río anunciou subas, pero a Federación Rural Galega (Fruga) pon esas subas en cuestión, pois considera que Leche Río é unha das empresas que adoita “forzar baixadas encubertas” con penalizacións unilaterais.

O repunte dos produtos lácteos industriais arrancou en maio, cando se comezou a constatar unha redución da produción de leite en toda a UE. A manteiga subiu desde entón un 56%, pasando de 250 euros ós 391 euros actuais; en tanto o leite en po desnatado pasou de 162 a 195 euros. A mellora do mercado dos produtos lácteos industriais adoita anticipar a suba de prezos do leite no campo, se ben as melloras nas granxas foron polo de agora escasas.

“A actitude dalgunhas industrias é hipócrita, pois anuncian subas no leite, pero á vez forzan baixadas con penalizacións unilaterais” (Fruga)

En agosto, o leite remontou 0,4 céntimos no campo tanto en Galicia (27,2 céntimos de media) como en España (29 céntimos), aínda que para os próximos meses non se agardan grandes cambios, pois a maioría das industrias teñen contratos suscritos ata comezos do 2016.

Os cambios que se produciron ata o de agora viñeron da man de Lactalis, que sustituiu o seu anterior contrato, cun prezo base inferior a 26 céntimos, por outro para 6 meses a 27 céntimos a partir do 1 de setembro. Leche Río tamén anunciou melloras de 1 céntimo para granxas intensivas e de 2 céntimos para as produtoras da súa marca ‘Natura’, se ben as organizacións agrarias poñen en entredito esas subas.

O sector atribúe as subas anunciadas por Leche Río a un intento de recuperar volumes de leite. A Federación Rural Galega (Fruga) sinala tamén que industrias como Río están a forzar na práctica baixadas encubertas por medio de penalizacións unilaterais: “A actitude dalgunhas industrias resulta un tanto hipócrita, pois ó tempo que anuncian subas no prezo do leite, impoñen baixadas con penalizacións unilaterais”, cuestiona a Fruga en nota de prensa en alusión a Leche Río.

O prezo B de Capsa superará en outubro por primeira vez ó prezo A pola recuperación dos lácteos industriais

“Hai distintas varas de medir” -explican desde a Fruga-. “Os parámetros que se usan para pagar a proteína varían dunha empresa a outra. Algunhas priman cando se supera o 3,1% e outras por superar o 3,2%. Tamén hai casos en que se descontan 5 céntimos litro se non se chega ó 3,2%, pero non hai primas se se pasa do 3,2%. Esta situación permite constatar a continuación dos abusos por parte das industrias”, valora a Federación Rural Galega.

Os mesmos problemas repítense con outros parámetros, como o punto crioscópico, pois a Fruga advirte de que hai industrias que aplican penalizacións de ata 5 céntimos por litro se hai unha única mostra no mes que incumpre ese punto crioscópico fixado pola industria.

Reny Picot asegura que efectuou unha suba xeralizada superior a 2 céntimos a partir do 1 de outubro

Desde a Fruga demandan a intervención da Consellería do Medio Rural para establecer unha maior homoxeneidade nos contratos de compra venda de leite. O coordinador de gandería da organización, Elías Somoza, pide a constitución dun foro de negociación con participación dos produtores e das industrias.

Prezos A e prezos B

Parte das industrias teñen contratos coas granxas cun prezo A, de mercado, para un 60-70% do leite; e un prezo B, para un 30-40% do leite, referenciado ós prezos dos produtos lácteos industriais. Durante os últimos 18 meses, ese prezo B foi inferior ó prezo do mercado, o que levaba a significativas baixadas no prezo medio percibido polos gandeiros. A recuperación dos produtos lácteos industriais levará a que en outubro, por primeira vez, o prezo B sexa superior ó prezo A nos contratos de Capsa, segundo as estimacións de Unións Agrarias.

Unións Agrarias porase en contacto coas principais industrias para pedir unha renegociación dos contratos

Distinto era o caso de Reny Picot, outra das industrias con contratos a prezos A e B. A industria asturiana modificou os seus contratos en maio, de xeito que o prezo B deixou de referenciarse ás cotizacións de mercado da manteiga e do leite en po e pasou a referenciarse ós prezos de intervención, que non cambian. Reny Picot está agora a ofrecer subas xeralizadas dos prezos de entre 2 e 3 céntimos e tamén modificou os seus contratos.

Petición de renegociación
Así as cousas, Unións Agrarias ten previsto iniciar contactos estes días coas principais industrias para solicitarlles unha renegociación de contratos. “Cando en Francia ou Alemania, hai unha variación das condicións de mercado de máis menos 5%, é habitual que se renegocien os contratos. Por tanto, o lóxico é que con subas dos lácteos industriais superiores ó 40%, haxa unha renegociación”, sinala o secretario xeral de Unións, Roberto García.

A organización agraria advirte tamén da necesidade de erradicar as compras de leite a 21-22 céntimos por parte dalgúns primeiro compradores intermediarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información