“As ganderías temos que ser rendibles sen a PAC e sen as axudas”

Javier é titular da gandería Conde e Lozano SC, que conta con 160 cabezas das razas rubia galega, blonde e flevick nas parroquias das Sasdónigas (Mondoñedo) e Romariz (Abadín). Desde a súa incorporación, este mozo está a aumentar de xeito parello o número de animais e as hectáreas de pasto.

“As ganderías temos que ser rendibles sen a PAC e sen as axudas”

Javier Conde na súa gandería

Con só 21 anos Javier Conde incorporouse a Gandería Conde e Lozano, a explotación de vacas de carne de seus pais. Foi un proceso natural para un rapaz que se criou rodeado de animais. “Para min non foi difícil decidirme a coller isto porque sempre me tirou. Gustábame máis vir cambiar unhas vacas co meu pai ca ir á escola”, conta.

Catro anos despois xa aumentou nun terzo o número de cabezas e conta con 160 animais repartidos en dous CEAS nos concellos de Mondoñedo e Abadín. A 480 metros de altitude, a carón do alto da Xesta, está considerada como zona de alta montaña na PAC. Pero Javier ten claras as ideas: “Moitos gandeiros teñen que rezar para que non saquen a PAC porque a rendibilidade das súas granxas depende das axudas europeas porque o prezo que cobramos polo leite ou pola carne non é o que debera ser, non é un prezo xusto, pero eu penso que a explotación ten que ser viable sen a PAC e sen as axudas, que as vacas teñen que dar para vivir eu e para vivir elas e que a PAC ten que ser aparte, ten que quedar libre. Foi o que me inculcou sempre meu pai, que as vacas teñen que dar por si mesmas e que para ter vacas hai que ter terreo para elas. Eu aconsello adicarse a isto se tes base territorial, se tes que mercar ou alugar non é rendible”, asegura.

Na actualidade Javier conta con 92 hectáreas de terreo, das que só 10 son alugadas e o resto en propiedade. “Temos unha zona moi boa para a gandería porque aquí non hai seca nunca. A néboa, que é tan mala na autovía e obriga a cortala, para a gandería é boa. Aquí non sufrimos seca, o problema é o contrario, témolo para secar a herba. Se hai tres días bos seguidos hai que aproveitalos igual que se fosen ouro”, relata.

Javier busca un manexo sinxelo e a redución de custos a través dunha alimentación a base de pasto

Javier busca un manexo sinxelo e a redución de custos a través dunha alimentación a base de pasto. “Eu á miña explotación non lle busco moita complicación, simplemente que dea o máximo rendemento posible. Teño o gando sempre fóra e no inverno facilítolle silo e herba seca, fágolle os tratamentos sanitarios e desparasito. Non ten máis misterio”, enumera.

Este mozo procura que a súa explotación sexa o máis autosuficiente posible. Fai ao ano 850 bolas de silo e 70 rolos de herba seca. Os xatos cébaos con palla e penso, que procede da cooperativa Os Irmandiños (CLUN). A palla mércoa e úsoa para estrar e para cebar. É a única forraxe que non produce a miña explotación”, indica.

Os becerros están coas nais no prado até que teñen 7 meses

Os becerros están coas nais no prado até que teñen 7 meses

Os becerros maman até que teñen 7 meses, tempo no que están coas nais nos pastos. Despois pasan a unha nave que usa de cebadeiro e que está na parroquia de Romariz, de onde era o seu avó paterno. Ceba todos os animais que nacen na súa granxa e mesmo merca a algún veciño, aínda que conta con limitacións: “Non poido superar no total dos que merco a cifra do 30% a respecto dos que nacen na propia explotación”, explica.

Manda os animais ao matadoiro ben directamente ou ben a través dalgún tratante. “A maioría márcoo como Ternera Gallega Suprema pero as crías das vacas que están nas fincas máis altas sácoas antes por mor da invernía e non van para Suprema”, indica.

Malia estar pegadas, fai máis frío en Romariz que nas Sasdónigas. “Pode haber 3 ou 4 grados de diferenza porque xea máis ca aquí. Nas Sasdónigas o que afecta máis é a auga”, conta. Sen embargo, o gando pasa todo o inverno fóra. “Só meto algunha que está débil ou por enfermidade, porque se tes que medicar unha vaca non vas ir correr tras dela todos os días ao prado para tratala”, argumenta.

Relevo xeracional

A gandería leva os apelidos do seu pai e da súa nai, Javier e Herminia, que forman parte tamén da SC. A historia desta explotación é a mesma que a de outras moitas en Galicia. “Na miña casa sempre houbo gando. Meus pais tiñan 15 vacas de leite pero vendéronas cando valían ben as cuotas e apostaron pola carne. Cando me incorporei había 60 reprodutoras e agora temos 98”, explica.

A incorporación de Javier supón seiva nova para toda a parroquia das Sasdónigas. “Somos 27 veciños e son eu o único que ten menos de 30 anos. O resto dos gandeiros que hai están aguantando simplemente mentres non se xubilan porque non teñen relevo”, conta.

Desde que se incorporou mercou un tractor, rotoempacadora, esparexedora de esterco, trituradora e comedeiros novos. O próximo proxecto é unha nave para almacén de palla e herba seca.

Esforzo en mellorar as pradeiras e o tamaño das fincas

Javier adica toda a superficie da que dispón a pasto e fai un corte a maiores para ensilado e outro para herba seca. “As condicións aquí son perfectas para o gando de carne, o que hai é que estar ben preparados para o inverno con forraxe suficiente”, defende.

Cruce de rubia galega e parda alpina. Javier ten tamén bonde e flevick.

Cruce de rubia galega e parda alpina. Javier ten tamén blonde e flevick.

Desde que se incorporou fixo un grande esforzo en mellorar as pradeiras e o tamaño das parcelas. “Roturei unhas 30 hectáreas e teño pensado seguir mellorando o terreo e aumentando a superficie até dispoñer dunhas 100 hectáreas. Segundo vaia aumentando ao terreo irei aumentando ao gando até ter entre 10 e 15 reprodutoras máis pero tampouco quero ter máis gando da capacidade que teñan as miñas fincas”, avanza.

Renova as fincas que lle son máis cómodas e que non sacan moita pedra. Para controlar as malas herbas defende o sistema da arrincalas, aínda que iso supón estar moi pendente das pradeiras para que as malas herbas non tiren a semente e se multipliquen.

Nas Sasdónigas a concentración parcelaria empezouse fai 40 anos e rematouse hai 3 anos

Tamén logrou mellorar de maneira moi considerable o tamaño das parcelas. Nas Sasdónigas hai 3 anos que se rematou a concentración parcelaria, que levaba empezada desde hai 40 anos. “Estivo moitos anos parada e algúns veciños xa foramos cambiando e permutando fincas entre nós pero houbo outros que non deixaron entrar ás fincas até o último momento”, conta.

O resultado da concentración foi positivo. “A parroquia son unhas 600 hectáreas e había antes da concentración 3.000 fincas. Algunhas, do pequenas que eran, máis ca fincas eran hortos. Agora quedaron en 600”, resume. “O máis importante para ter gando é ter terreo e telo cómodo”, defende. Trala concentración, todas as fincas que ten Javier “son dun tamaño xeitoso e boas de traballar”. As parcelas máis grandes teñen 9, 11 e 15 hectáreas e o resto están por riba das 2 hectáreas.

“Gastei moitos cartos nos peches”

Javier conta con auga en todas as parcelas e as fincas están pechadas a conciencia. “Gastamos moitos cartos nos peches, que son de 3 ou 4 fíos de aramio e cancela nas entradas”, explica. “De momento non tiven que reparar peches porque están novos. Plantei tamén moitas tullas ao redor das fincas para cortar o vento e piñeiros para dar sombra”, describe. A súa gandería ten sufrido algún ataque do lobo, aínda que “hai dous anos que non me toca”, di.

En canto á distancia entre elas, a finca que está máis lonxe está a 2 quilómetros. “Téñoas préto unhas das outras, que é o que me interesa para facilitar a labor á hora de realizar os cambios de parcela”. A necesidade de manexo do gando tamén condiciona a súa escolla. “Teño que ter gando manso e que se deixe manexar; é dicir, que poida manexar un só, porque se me fan falta 3 ou 4 persoas para cambiar unhas vacas de finca case non teño nin a onde ir buscalas, porque as aldeas quédanse sen xente”, quéixase.

Ten 5 touros como sementais que vai rotando    

Calimero, de raza Rubia Galega, un dos 5 touros que hai na explotación

Calimero, de raza Rubia Galega, un dos 5 touros que hai na explotación

Gandería Conde e Lozano ten cinco touros que usa como sementais para evitar problemas de consanguineidade. Dous son de raza blonde pura, outro é de raza rubia galega (chámase Calimero, ten catro anos e é fillo dunha vaca marcada por Acruga) e os outros dous son cruzados. Os touros, que están no medio das vacas para non ter que estar pendente dos celos, vainos rotando polas distintas fincas.

Ademais de empregar os seus propios touros como sementais, en casos concretos Javier prefire poñer seme mercado. “Sempre insemino algunha vaca dalgún touro que me gusta para mellorar a xenética”, conta. Busca sobre todo facilidade de parto e un maior desenvolvemento corporal no momento do destete.

“Hoxe hai que ter gando bo, o ruín non vale nada”

“Hoxe hai que ter gando bo, o ruín non vale nada”, di convencido. E engade: “que a vaca sexa boa de leite é un factor importante porque aforra moitos cartos en penso, porque o becerro que entra á corte para cebalo adiantado sale con moitos máis quilos á hora de vendelo”, asegura.

Xato no cebadeiro a onde pasan logo do destete

Xato no cebadeiro a onde pasan logo do destete

Tamén por iso di que “agrupar os partos é complicado porque para facer coincidir ben a venda co pico de demanda os becerros terían que nacer no inverno e é máis difícil sacalos adiante porque as nais dan menos leite nesa época”, argumenta.

Mondoñedo é terra de cabalos, con feiras anuais como a das Quendas ou a das San Lucas nas que son protagonistas. Ademais de coidar das súas vacas Javier ten tamén tres eguas, un cabalo e un poni femia, de nome Venus, e que fai vida no medio da recría.

“Sempre me gustaron moito os animais, xa tiven de todo, canarios, pavos reais, faisáns, perdices, codornices … préstame ir ver as vacas a cabalo e vou tamén a algunha ruta cando poido”, explica.

Banco de Terras Municipal

Monte roturado e convertido en pradeira nas Sasdónigas logo da concentración parcelaria

Monte roturado e convertido en pradeira nas Sasdónigas logo da concentración parcelaria.

Entre as parcelas que serviron para que Javier aumentase a súa base territorial está unha finca dunha hectárea pertencente ao Banco de Terras Municipal que o Concello de Mondoñedo puxo en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia coas masas comúns resultantes das concentracións parcelarias de Mondoñedo Norte (que engloba as parroquias de Masma, Couboeira e Vilamor) e das Sasdónigas.

En total, formalizouse a cesión en precario dun total de 15 parcelas a distintos produtores, nun proceso pioneiro amparado pola Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga). Os beneficiarios, seis nas Sasdónigas e nove en Masma, Couboeira e Vilamor, fan uso das fincas desde o verán pasado. O periodo de cesión é por 5 anos sen custo algún para o gandeiro.

Cando se remata unha concentración parcelaria, os Concellos teñen a potestade de solicitar a cesión en propiedade dos predios da masa común para o aproveitamento por parte dos veciños da zona. Se o Concello non solicita estas fincas, o destino destas parcelas será o Banco de Terras de Galicia, algo que se producirá un ano despois de que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.

A cesión destas masas comúns resultantes de concentracións parcelarias a produtores da zona ten múltiples beneficios xa que, dunha banda, pon a producir estas parcelas permitindo ao mesmo tempo a gandeiros coma Javier aumentar a súa superficie agraria e, ao mesmo tempo, aforra importantes custos anuais ás administracións en tarefas de mantemento destas parcelas e xestión da biomasa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información