“As ganderías galegas acadaron unha alta xenética en gando Frisón e é hora de poñela á venda”

Entrevista a Puri López Ramil, administradora de Embriovet&Embriomarket, a empresa organizadora da I Poxa de Gando Frisón de Elite que se celebrará este domingo 7 de maio no Recinto Feiral de Curtis.

“As ganderías galegas acadaron unha alta xenética en gando Frisón e é hora de poñela á venda”

Puri López Ramil, administradora de Embriovet&Embriomarket

Este vindeiro domingo, 7 de maio, terá lugar en Curtis (A Coruña), a I Poxa de Gando Frisón de Elite. A poxa, promovida polo Concello de Curtis, poñerá á venda 13 animais de alto valor xenético procedentes de ganderías galegas.

Falamos con Puri López Ramil, administradora de Embriovet&Embriomarket, a empresa galega que está a organizar esta poxa pioneira en Galicia e en España.

¿Como xurdiu a idea de organizar esta poxa? ¿Faltaba en Galicia unha subasta deste tipo, e máis en concreto da provincia da Coruña?
A proposta parte do Concello de Curtis que nos propón a organización deste evento. O plantexamento é apoiar ao sector gandeiro, concretamente ao lácteo, e poñer en valor o enorme esforzo que veñen facendo dende hai anos moitos gandeiros para mellorar xenéticamente o seu gando vacún de raza Frisona. Queremos que a poxa sexa un escaparate para os logros alcanzados.

Nesta I Subasta de Elite de Gando Frisón, que está promovida polo Concello de Curtis e organiza Embriomarket, temos como obxectivo poñer en valor ese esforzo, facelo visible e rendible económicamente. Rendible para o gandeiro que ten invertido en mellorar a xenética da súa explotación e rentable tamén para o gandeiro comprador que dese modo accede a animais de alto valor que sin dúbida mellorarán a rendibilidade da súa explotación.

¿Que diferencia esta subasta do resto de poxas de gando Frisón que se organizan en Galicia e en España?
Nós pensamos que esta subasta é o complemento perfecto a todas as que dende os Africores provinciais se están a facer nos últimos anos. Trátase de sumar sempre, non de restar.

“Aos animais que sairán esixímoslles un índice mínimo de 3.000 puntos”

Este evento é especializado nun tipo ou perfil concreto de animais, de forma que para poder participar os animais teñen que respectar uns parámetros mínimos de índices xenéticos e/ou nivel de pedigrí que se fixa no regulamento de participación. Neste caso foi dun ICO/GICO igual ou superior a 3000 e/ou 4 ou máis xeracións MB ou EX no seu pedigrí. Ademais, as explotacións deben estar en Control Leiteiro e todos os animais contan loxicamente con Carta de Rexistro Xenealóxico.

Os gandeiros, e neste caso os gandeiros galegos, levan moitos anos investindo moitos cartos, sobre todo por parte das explotacións máis punteiras en mellorar a xenética, algo que nun principio fíxose case exclusivamente importando. Agora apoiamos a eses gandeiros a darlle saída ao seu material xenético ao resto do mercado nacional ou para a exportación.

As ganderías de frisón en España levan realizado un enorme esforzo económico e persoal nun entorno de crise case permanente para mellorar as súas explotacións no máis importante: a calidade dos seus animais.

Neste sentido, queremos facer visible que temos moitos gandeiros en Galicia e en España que son auténticos profesionais, á altura das mellores ganderías europeas e norteamericanas.

A maior parte dos animais proceden de SAT A Campa. Conta un pouco cales son as súas características comúns…
Por suposto todos os animais participantes nesta poxa -procedentes principalmente de SAT A Campa e en menor medida de Alfa Holstein- cumpren as condicións básicas de participación. Isto xa define un tipo de animal.

Desta forma, nesta poxa poderanse adquirir animais das mellores familias frisonas do mundo ( Fools Gold Red, Starbuck Ada, Megate, Secret, Balear Twine…).

 “Os gandeiros asistentes van poder atopar ese animal que queren incorporar á súa explotación”

Temos animais na subasta con 10 xeracións MB/EX, outros con 136 estrelas no seu pedigrí, animais de familias en Holstein rojo que ocupan os primeiros postos no ránking de tenreiras roxas xenómicas de España, animais con GICO superior a 4000, …. Penso que os gandeiros asistentes van poder atopar ese animal que queren incorporar á súa explotación, sexa por tipo, ou por índices de produción, calidades, lonxevidade..etc.

Ademais, tamén se presentan distintas idades, dende becerras de 6 meses ata vacas ou xovencas preñadas ou recén paridas. Todo isto fai que cada gandeiro poida levar aquelo que máis se adapte á situación actual do seu proxecto.

¿Que vantaxes lle ofrecedes aos participantes na poxa e aos que merquen os exemplares?
Hai tres puntos destacados. En primeiro lugar, o custe do transporte vai incluído no prezo, ou o que é o mesmo: o porte ata a gandería compradora é gratuíto.

En segundo lugar, todas as femias subastadas levan incluído o desconto do 20% nunha recollida de embrións. Pensemos que estes animais ademais de mellorar o seu rabaño teñen que ser rendibles e producir máis xenética destacada para a explotación compradora.

E en terceiro lugar, ningún prezo de saída será superior a 2.500 €.

¿Ten vocación de continuidade esta subasta? ¿Pensades organizala neste formato noutros lugares de Galicia ou de España?
Dende logo. Por unha banda o Concello de Curtis xa manifestou a súa intención de que este sexa un evento con continuidade e tamén que a partir de vindeiras edicións sexa aberto. É dicir, que poidan participar cos seus animais os gandeiros interesados non só da provincia da Coruña.

Ademais, o concello ten previsto dotalo de máis entidade promocionando actividades complementarias da propia poxa e que se celebrarían na mesma fin de semana e co mesmo obxectivo de apoio ao sector lácteo.

Por outra parte, dende Embriomarket estamos encantados de poder aportar o noso traballo. Como empresa que se adica ao asesoramento dos gandeiros na mellora xenética das súas explotacións, xunto co resto de servizos que ofertamos consideramos que este tipo de eventos son unha excelente maneira de recoñecer o traballo e os méritos alcanzados nas explotacións. Pero igual de importante é rentabilizar ese traballo dunha maneira profesional. Tratamos de que os gandeiros teñan un escaparate, unha plataforma profesional onde ofrecer e comprar xenética e á que se poida acudir non só dende o ámbito local, senón nacional e incluso internacional.

“Temos calidade suficiente en España para poder facelo igual de ben que en Norteamérica ou en Europa”

Non temos que ser sempre espectadores de eventos deste tipo en Europa ou Norteamérica, temos calidade suficiente en España para poder facelo igual de ben.

Temos consultas doutros organismos tanto de Galicia como de fóra para a posible celebración de eventos similares nos vindeiros meses e estamos traballando con ilusión nesas propostas.

poxa_embriomarket_curtis¿Detectades unha recuperación económica no sector cunha maior aposta pola mellora xenética?
É moi atrevido falar de recuperación económica nun sector tan inestable. O que si temos claro é que a xenética da explotación é un factor de competitividade claro de cara á supervivencia e á rendibilidade da mesma. A marxe neta por litro de leite depende de moitos factores , incluíndo a xenética.

A gran maioría de expertos e analistas aseguran un futuro de prezos do leite con tendencia inestable. Por outra banda, o prezo do leite non é un factor non que poidamos influír.

Por tanto, será imprescindible traballar con eficiencia e sacar o máximo partido de todos os recursos dispoñibles. Isto inclúe seleccionar o gando de cara ás vacas máis eficientes posibles. Existen moitos factores ligados directamente ás vacas con gran impacto na economía da explotación, todas elas influenciables e modificables co manexo pero todas elas cunha base xenética que marca a diferencia.

“Ningún prezo de saída será superior a 2.500 €”

A mellora xenética non pode parar, evoluciona constantemente e cada vez máis rápido. Neste sentido, temos neste momento en Embriovet & Embriomarket varios proxectos en marcha, con gandeiros a título individual pero tamén asociacións ou cooperativas de gandeiros que utilizando as técnicas de transferencia de embrións,e a ferramenta da xenómica buscan animais que cumpran os criterios que demanda o mercado. Proxectos de mellora xenética personalizados que buscan a maior rendibilidade das explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información