As chuvias, necesarias para o viñedo, implican risco de enfermidades

A mera e o oidio, con escaso impacto este ano, convértense xa en preocupacións menores a estas alturas de campaña, pero convén poñer atención aos riscos de botrite e á polilla do acio

Publicidade
As chuvias, necesarias para o viñedo, implican risco de enfermidades

Racimo de Albariño en maduración. / Imaxe: Xunta.

Reproducimos a continuación o aviso fitosanitario da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra) para os viñedos de Rías Baixas:

As precipitacións que se están a rexistrar (valores comprendidos entre 5 e 18 l/m2 segundo a estación meteorolóxica), aínda que necesarias para o viñedo e outros cultivos, implican un risco maior de aparición de enfermidades.

Segundo diferentes informacións séguense barallando para a vendima as mesmas datas apuntadas no aviso anterior (inicio en 2ª ou 3ª semana de setembro). De feito, este fin de semana é a data límite de tratamentos que fixaron algunhas das grandes adegas da provincia para os seus socios e provedores.

Mildeu
A pesar de que houbo condicións para as infeccións, en ningunha das nosas parcelas de seguimento observamos síntomas de mera, nin en folla nin nos acios aínda susceptibles dos brotes. É máis, mesmo en brotes especialmente vulnerables como son os próximos ao chan das parcelas/plantas testemuña sen tratamentos, non había síntomas recentes na visita realizada ás nosas parcelas o pasado mércores día 12.

Non obstante, dende ese día rexístranse precipitacións e é posible que empecen a aparecer manchas sobre todo nos brotes máis tenros dos terreos que non reciben tratamentos dende hai tempo. En todo caso, como dixemos a semana anterior, estes síntomas non deberían provocar a caída prematura das follas antes da vendima salvo en plantas debilitadas que xa estivesen a perder follas debido a seca, escaseza de chan, etc.

Segundo as previsións meteorolóxicas, pode haber precipitación (que en xeral será de escasa contía) algún día. Aínda así, non consideramos imprescindible que se aplique un novo tratamento debido a que este ano a incidencia da mera foi escasa, pero pode aplicarse cun funxicida cúprico, pois o cobre favorece o endurecemento da pel da uva e a de variedades de pel fina poderá sufrir rachados con estas precipitacións.

Oídio
Unicamente nunha das parcelas da nosa rede, e só sobre as plantas máis sombreadas, vimos máis síntomas en folla. Aínda así, xa non é necesario tratar debido a que o fungo non pode afectar ao acio e non pode, polo tanto, comprometer a cantidade nin a calidade da colleita.

Botrite
Non vimos síntomas da enfermidade en ningunha das nosas parcelas de seguimento. Non obstante, a visita realizámola antes das precipitacións, e é posible que algúns grans sufran rachados despois dun período tan longo sen chuvias, sobre todo nas variedades de pel máis fina. Ademais, as capturas de polilla incrementáronse (sensiblemente nalgúns terreos) e polo tanto pode subir o número de penetracións nos grans.

Como é sabido, as feridas favorecen a entrada do fungo. Segundo as axencias meteorolóxicas, aínda que algunhas anuncian certa precipitación, en xeral o tempo vaise manter seco e con temperaturas suaves. Non obstante, os que proporcionen as súas uvas a unha adega que fixase unha data límite para os tratamentos, deben aplicalo antes desa data. No resto de casos, a conveniencia ou non de realizalo dependerá de como evolucione a uva e a climatoloxía, xa que non esquezan que hai funxicidas de 3 días de prazo de seguridade que se poden utilizar máis adiante.

RECORDEN MANTER OS ACIOS BEN AIREADOS para evitar retencións de humidade

Polillas do acio
En xeral, en todas as parcelas da nosa rede capturamos un número de machos superior ao da semana anterior. O incremento foi especialmente significativo en Vide (90 capturas fronte a 12 na revisión anterior).

Nos últimos anos, o atraso que houbo na vendima a consecuencia das chuvias provocou o desenvolvemento de botrite nas penetracións de polillas, polo que aconsellamos a aplicación dun tratamento naqueles terreos en que se incrementasen as capturas.

Consulten aos técnicos o tipo de insecticida a utilizar para que o tratamento sexa eficaz, posto que algúns deben ser aplicados nunha fase concreta do ciclo da polilla para maximizar a súa acción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información