Areeiro recomenda vixilancia para evitar danos por mildio

Os técnicos advirten de que poden aparecer brotes do fungo, que se atopa agora nun período de incubación. Instan a controlar as viñas que xa teñan danos e renovar os tratamentos antes de que chova

Publicidade
Areeiro recomenda vixilancia para evitar danos por mildio

Danos por mildiu.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) advirte no seu último aviso fitosanitario de necesidade de vixiar o viñedo fronte o mildio, pese a que este non sexa un dos períodos de maior risco. Os técnicos alertan da presencia de mildio nunha fase de incubación debido ás condicións meteorolóxicas rexistradas na última semana, que incluíron altas temperaturas e tormentas.

Recomendan seguir vixiando o viñedo para atallar os brotes de mildio que poidan xurdir. Sobre todo, inciden na importancia de vixiar aquelas cepas que xa presentan danos e renovar os tratamentos fitosanitarios antes de que chova se non cesa a aparición de síntomas.

Aínda que non se detectou moita incidencia de Oídio, dende a EFA apuntan a que os casos que se están a rexistrar teñen que ver con infeccións anteriores que non se conseguiron erradicar e continúan aparecendo síntomas. Nas fincas onde se constata unha incidencia do fungo, recomendan realizar tarefas de aireación e iluminación dos acios, sobre todo naquelas parcelas con exceso de vigor.

Entre as tarefas que se poden realizar están as podas en verde, as esfollas e a eliminación dos gromos chupóns con rebuscos, que son moi sensibles ó Oídio ademais de ser unha fonte de novas contaminacións. Inciden en que estas accións deben ser lixeiras e estar centradas nun lateral do acio, concretamente na oposta á radiación solar. Os técnicos recalcan a importancia de executar con precisión estes tratamentos posto que poden afectar á maduración da uva e provocar golpes de sol.

Polo de agora, non hai moita presenza de Botrite, nin tan sequera nas variedades máis sensibles nin onde hai rachos nin feridas na uva xa que, ata o momento, as condicións meteorolóxicas non favoreceron a aparición do fungo. Pese a iso, tamén aconsellan manter a vixilancia.

Por outra banda, tamén diminúe o risco de infección de Black rot ó pecharse a formación do acio e cada vez é menos probable que se produzan danos por esta afección pero, con todo, aínda pode haber danos nas uvas ata o pintado.

Tamén está a ser anecdótica, tanto nas parcelas da Estación como no resto de parcelas da rede, a aparición de síntomas das couzas do acio. Namentres, continúan as capturas nas trampas de feromona, onde cada vez atrapan menos machos de Lobesia botrana.

Aparición do vector da flavescencia dourada

Esta semana mantivéronse estables as capturas de mosquito verde e doutros cicadélicos, sendo máis abundante a ‘Zygina rhamni’ fronte a ‘Empoasca vitis’. Nos últimos días detectaron nunha viña de Goián (Tomiño) a primeira ninfa de ‘Scaphoideus titanus’, vector da flavescencia dourada. Ata o de agora, na comarca do Rosal so se detectara a presenza do insecto no 2009 e 2017. Polo xeral, os anos que se ten atopado este insecto adoita localizarse na comarca do Condado. Coa presenza da ninfa, dende Areeiro chaman a incrementar a vixilancia por se aparecen novos exemplares, xa que poden ser un veículo da enfermidade, ata o de agora non detectada en Galicia.

No referido ós ácaros, detectaron un lixeiro incremento na presenza de síntomas de erinose de verán, que son especialmente notorios nalgunhas viñas pero, polo de momento, afectan a plantas illadas.

Tamén constataron xa que nalgunhas viñas hai plantas con síntomas de alteracións da madeira e tamén atoparon os primeiros acios con golpe de sol.

Froiteiras

En canto ás froiteiras, polo momento non se detectou maior incidencia no xaspeado das maceiras aínda que advirten que é preciso vixialas posto que os danos poden aparecer ata a colleita. De non facer esta vixiancia é preciso manter a protección ás plantas, especialmente naquelas variedades máis sensibles.

Tampouco está a rexistrarse moita incidencia da couza da mazá, pero é preciso revisalas maceiras ata que o froito madure e comezar, en breve, a colocación de trampas para as eirugas hibernantes.

Nas froiteiras con oso, en Areeiro insisten no importante que resulta eliminar os froitos danados tanto no propio árbore, para evitar o contaxio a outras froitas, como daqueles que caen ó chan xa que favorecen a aparición da mosca da froita que acelera a degradación.

Ó igual que coas froiteiras, na EFA inciden en que é fundamental eliminar tódolos restos de colleitas e pragas unha vez que se realiza a colleita, co gaio de reducir o nivel de parasitos para a campaña seguinte.

Avance irregular da praga do buxo

A afección da cydalima perspectalis do buxo está a desenvolverse dun xeito moi irregular de forma que na EFA detectaron plantas nas que o tratamento recomendado non logrou frear o avance da praga ou exemplares sen danos polas eiruga. Esta situación mesmo se produciu en sebes de buxos que se atopaban moi próximas, o que ratifica que hai que valorar caso por caso para a aplicación de tratamentos acertados. Ademais, tamén insisten en que os tratamentos fronte a estas eirugas deben ser aplicados con elevada presión e mollando ben tódalas caras das follas e o conxunto da planta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información