Árbores candidatas a resistir ó nematodo do piñeiro

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán identifica 16 familias galegas de 'Pinus pinaster' que presentan unha menor mortandade ante a praga. Continuará os ensaios no 2017 para contrastar os resultados das probas iniciais

Árbores candidatas a resistir ó nematodo do piñeiro

Visita ó invernadoiro no que o CIF de Lourizán desenvolve os ensaios co nematodo, no marco das xornadas celebradas onte.

O peor pesadelo dos piñeiros galegos e do resto de Europa chámase nematodo. É unha praga capaz de causar en poucas semanas a morte das árbores, polo que a súa contención na zona fronteiriza con Portugal, onde xa se deron os primeiros casos, convertiuse nos últimos anos nunha prioridade.

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán traballa a contrarreloxo desde o 2013 para identificar familias galegas de piñeiro que teñan unha menor mortandade ante o nematodo. De entre as 91 familias de piñeiro do país (Pinus pinaster) con que traballa, este ano seleccionou 16 candidatas que parecen presentar unha menor susceptibilidade.

A coordinadora da investigación do CIF, Raquel Díaz, considera viable atopar familias ou individuos con resistencia ou tolerancia á praga. Os ensaios dos próximos anos serán claves para concretar as boas expectativas que xeraron as probas realizadas nestos últimos anos.

Expansión da praga
O tempo apremia, pois o nematodo do piñeiro, unha especie de gusano minúsculo que actúa no interior das árbores, está xa case completamente extendido polo país veciño. A praga entrou en Europa no 1999 por Setúbal (sur de Portugal), probablemente por vía marítima, e foi expandíndose a modo de mancha ata a zona norte do país.

En Galicia detectáronse polo de agora 2 focos, nas Neves (2010) e en Salvaterra do Miño (2016), nas proximidades coa fronteira lusa. No resto de España tamén apareceron tres focos dende 2008, dous en Extremadura e un en Salamanca, todos eles próximos ó país veciño. En todos os casos, a continuidade de masas de piñeiro a un e a outro lado da fronteira representa un claro factor de risco.

Arredor do 40% do territorio galego presenta temperaturas medias no verán superiores a 19,4º, propicias para a expansión do mal

Os investigadores sobre a praga, que onte se deron cita nunhas xornadas organizadas polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, consideran que existe un perigo certo de que o nematodo teña un impacto alto na zona norte e centro de España.

O problema exténdese a través dun insecto vector, o Monochamus galloprovincialis, que se ben adoita moverse en radios curtos, xeralmente non maiores ós 3 quilómetros, pode percorrer grandes distancias axudado polo factor humano. Boa parte de Galicia presenta ademais condicións óptimas para a propagación do nematodo, pois segundo calculan os investigadores, arredor dun 40% do territorio da comunidade acada no verán temperaturas medias superiores ós 19,4 graos, valor a partir do cal se considera que hai un risco medio de expansión da praga.

Problema estrutural
As actuacións en Galicia ante o nematodo, a parte da vixilancia en todo o seu territorio e, especialmente, na zona fronteiriza, céntranse na busca de árbores que sexan resistentes ou tolerantes á praga, unha estratexia similar á seguida en Xapón.

Xapón, que non puido conter a expansión do nematodo, destina cada ano millóns de euros a investigación e produción de plantas resistentes

Este país asiático sofre o mal desde hai un século e dende o principio fixo un gran investimento no control do insecto vector, non sendo capaz de erradicar a enfermidade nin de evitar a súa expansión. Por este motivo, Xapón iniciou un programa de mellora xenética no 1978 e na actualidade este programa é unha forte aposta do goberno xaponés para loitar contra o nematodo. Cada ano destina millóns de euros para a investigación e produción de centos de miles de plantas resistentes.

Cando xurdiu o primeiro caso de nematodo en Galicia, no 2010, había no sector forestal esperanzas de que se tratase dun problema puntual, pero agora, co novo positivo e coa evolución da enfermidade no país vecino, pénsase que a praga poderá constituir un problema serio nas masas de piñeiro.

O traballo que realiza o Centro de Investigación Forestal de Lourizán para atopar familias galegas de piñeiros con resistencias ó nematodo é, por tanto, capital. Os primeiros ensaios comparativos que se fixeron non foron moi esperanzadores. O piñeiro marítimo ou do país (Pinus pinaster), o piñeiro insigne (Pinus radiata) e o piñeiro silvestre (Pinus sylvestris), os tres con maior presenza en Galicia, constatáronse como os máis susceptibles ó ataque do nematodo nun ensaio comparativo con máis especies de piñeiro.

Comportamento dos piñeiros galegos
Nunha segunda proba, seleccionáronse piñeiros marítimos (Pinus pinaster) de distintas procedencias para comparar resultados. O ensaio incluíu piñeiros de Galicia Costa e doutros lugares da Península Ibérica e Francia. Os de Galicia Costa foron os que presentaron maior mortandade. “Temos piñeiros ideais para a produción de madeira de calidade, pero existe o problema de que son máis susceptibles ó ataque do nematodo”, explica a investigadora Raquel Díaz.

“Temos piñeiros ideais para a produción de madeira de calidade, pero son tamén os máis susceptibles á praga” (Raquel Díaz)

En Lourizán, sen embargo, non perderon a esperanza e decidiron facer ensaios comparativos con 91 familias de piñeiros do país que forman parte do programa de mellora xenética da especie. As primeiras probas constataron unha mortandade media do 37%. Cos datos recabados neses experimentos, seleccionáronse as familias que presentaban menor mortandade e, acompañadas doutras intermedias e de alta mortandade, fíxose outro ensaio que aportou conclusións para a esperanza. A mortandade media baixou ó 29%, movéndose nun arco do 7 ó 54%.

Para os ensaios do 2017, o CIF de Lourizán elixiu as 16 familias que mellor comportamento presentaron. De xeito paralelo tamén se está traballando coas familias galegas de piñeiro radiata. O Centro agarda identificar en poucos anos cales son os piñeiros recomendados para a súa plantación no monte, de cara a incentivar a súa produción a gran escala. Serán a esperanza para facer fronte ó nematodo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información