Aprolact apraza a asociación das dúas organizacións galegas de produtores de leite

As dificultades de chegar a acordos coas industrias lácteas e a incertidume ante o novo escenario sen cotas, argumentos expostos por Aprolact para suspender o proceso de converxencia con Ulega

Aprolact apraza a asociación das dúas organizacións galegas de produtores de leite

Imaxe de arquivo dun acto de Agaca.

O proceso de asociación entre as dúas organizacións galegas de produtores de leite, Ulega e Aprolact, suspéndese por decisión da asamblea de Aprolact, que optou por aprazar polo de agora a converxencia. O periodo de incertidume que se abre co final das cotas lácteas, que desaparecen esta noite, e a difícil situación de mercado, con prezos á baixa e cun ambiente enrarecido entre gandeiros e industrias, levaron a Aprolact a paralizar a unión, segundo explicou onte o xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán.

En Galicia operan como organizacións de produtores de leite Ulega, ligada a Unións Agrarias, e Aprolact, constituida por nove cooperativas, entre elas algunhas das máis dimensionadas do sector, como Feiraco, Icos, Os Irmandiños ou Melisanto. Entre as dúas organizacións suman arredor de 3.500 produtores e teñen capacidade legal para negociar coas industrias en representación dos seus asociados.

A asociación entre Ulega e Aprolact xurdiu coa idea de gañar peso ante a industria. Ulega xa aprobara a semana pasada a converxencia con Aprolact, pero a asamblea de onte de Aprolact desbotou polo de agora esta asociación.

“Decidiuse aprazar a asociación. O sector está á expectativa de como vai funcionar o novo sistema de contratos e de como se vai reconfigurar o mercado trala desaparición do sistema de cotas” -explicaba onte o xerente de Agaca, Higinio Mougán-. “Pódese pensar que o inicio do periodo sen cotas era o momento de chegar a unha unión con Ulega para impulsar as negociacións en conxunto, pero entre as cooperativas tamén había voces que consideraban que a negociación en conxunto debería ser o punto final do proceso de cambio que estamos atravesando”.

“Estamos nun intre de tremenda debilidade do sector produtor. Neste contexto, é difícil negociar” (Higinio Mougán, Agaca)

Dificultades de negociación
Desde Agaca incídese tamén nos problemas que xenera nunha posible negociación a actual situación de mercado, con prezos á baixa e cun aumento estacional da oferta.

“Estamos nun intre de tremenda debilidade do sector produtor e por parte das industrias tampouco vemos disponibilidade á negociación” –valora Higinio Mougán-. “Entre as industrias hai enfado por como quedou o sistema de contratos de compra venda de leite e temos un clima de mal ambiente que non é propicio para o diálogo. Con este contexto, quen asume a responsabilidade de negociar?”, pregúntase o xerente de Agaca.

Xa non se trata só do aprazamento da unión entre Aprolact e Ulega, senón que o propio papel individual que podería xogar Aprolact no diálogo coas empresas lácteas está tamén en cuestión. “Queda por agora en stand-by”, apunta Higinio.

A ausencia de diálogo coas industrias pon en cuestión a garantía de recollida do leite no campo

Garantías de recollida
A ausencia de negociacións reais entre o sector mesmo pon en cuestión esta semana a garantía de recollida do leite nas gandarías. Os contratos trimestrais entre gandeiros e industrias conclúen hoxe e as empresas transformadoras estiveron estes días trasladándolles novos contratos ás explotacións coa advertencia de que debían asinalos se queren que se lles siga recollendo o leite. As organizacións agrarias, pola súa banda, instaran ás explotacións lácteas a non asinar novos contratos, á espera da apertura dun proceso negociador coa industria.

A cuestión está en que, coa lei na man, as industrias entenden que non poden recoller o leite se non media un contrato de por medio. “A lexislación é clara. Ningún comprador pode recoller leite se non hai un contrato asinado. Sempre nos pronunciamos en contra desa obriga, que non existe en ningún outro país de Europa, pero é así”, defende o coordinador da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Pedro Ramos-. “Como se fagan despois eses contratos depende de cada industria e de cada produtor”, apunta Ramos, que renuncia a valorar a posibilidade de que haxa explotacións que queden estes días co leite sen recoller.

As organizacións agrarias solicítanlle a Medio Rural que convoque unha reunión urxente de todo o sector

Reaccións nas organizacións agrarias
Ante esta situación, Unións Agrarias solicitou de Medio Rural a convocatoria dunha reunión urxente de todo o sector lácteo, en tanto o Sindicato Labrego critica que a imposición dos contratos obrigatorios continúa sen resolver os problemas da falta de negociación no agro e da imposición unilateral de prezos por parte das industrias.

“Co final do sistema de cotas, as industrias están aumentando a presión para obrigar ás explotacións a asinar contratos a prezos base que andan entre os 26 e os 28 céntimos por litro. Dende o Sindicato Labrego Galego temos constancia de industrias que ameazaron a familias gandeiras con deixar de recollerlles o leite se non asinan contratos nesas condicións antes do 1 de abril”, apunta o Sindicato Labrego en nota de prensa emitida onte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información