Aprobadas o 86% das solicitudes de incorporación e o 43% dos plans de mellora

Medio Rural presentou hoxe no Consello da Xunta a resolución de ambas liñas de axudas, así como a destinada a apoiar pequenas explotacións. O conxunto de subvencións aprobadas é de 1.312, por un importe total de 57,2 millóns de euros

Aprobadas o 86% das solicitudes de incorporación e o 43% dos plans de mellora

A maioría de expedientes de incorporación e plans de mellora corresponden a vacún de leite.

A Consellería do Medio Rural presentou hoxe no Consello da Xunta a resolución de tres liñas de axudas para o agro, a de incorporación de persoas mozas, que beneficiará a 466 produtores, dun total de 540 solicitantes; a de plans de mellora de explotacións, con 692 expedientes aprobados de 1.610 solicitudes; e a de pequenas explotacións, con 154 peticións aceptadas.

O conxunto dos apoios de Medio Rural a estas liñas de axudas é de 57,2 millóns de euros. A maior partida adícase ós plans de mellora, con 40 millóns de euros e un importe medio por beneficiario de 57.783 euros. A gandería de vacún de leite representa o 42% dos expedientes aprobados, en tanto a de vacún de carne un 28%.

A resolución dos plans de mellora xenerou polémica este ano, igual que o pasado, pois máis da metade dos solicitantes quedan fóra. Desde as organizacións agrarias advirten de que os criterios da Consellería están a reservar na práctica estas axudas para granxas que teñan incorporacións nos últimos cinco anos, o que deixa fóra a outras explotacións profesionalizadas que precisan seguir invertindo para modernizarse.

En incorporacións, Medio Rural apoiará a 466 persoas mozas, cunha achega media por beneficiario de 32.000 euros e un total de 14,9 millóns de euros comprometidos. O 32% das incorporacións corresponde ó vacún de leite e un 26% ó vacún de carne. Na liña dirixida a pequenas explotacións, a aportación de Medio Rural é de 15.000 euros por expediente, cun total de 154 beneficiarios de sectores moi diversos (vacún de carne, apicultura, viticultura ou novas producións como kiwi e arando, entre outras).

A Xunta destaca que estas subvencións contribúen a rexuvenecer o tecido agrario e a apoiar ó conxunto do medio rural, pois os investimentos nas explotacións requiren da participación de técnicos e empresas do entorno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información