Apoios da Deputación da Coruña para as organizacións de produtores lácteos

O organismo provincial destinou 107.000 euros para financiar as actividades de Aprolact, ligada ás cooperativas, e de Ulega, impulsada por Unións Agrarias

Apoios da Deputación da Coruña para as organizacións de produtores lácteos

As organizacións de produtores integran en Galicia a arredor de 4.000 explotacións.

As organizacións de produtores lácteas tiveron polo de agora escaso éxito en Galicia. Malia que as dúas organizacións existentes, Aprolact, ligada ás cooperativas, e Ulega, impulsada por Unións Agrarias, aglutinan á metade dos gandeiros da comunidade, non lograron polo de agora que as industrias lácteas se sentaran a negociar con elas prezos e contratos.

Ambas organizacións mantéñense sen embargo operativas, coa perspectiva nun futuro de lograr unha interlocución coas industrias. Co obxectivo de apoiar as súas actividades, a Deputación da Coruña vén de concederlles unha axuda de 107.000 euros.

A concesión da subvención foi publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia. As axudas, segundo indica a Deputación, buscan apoiar ás sociedades de produtores lácteos en cuestións como servizos de orientación e formación práctica, fomento da realización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, gastos de persoal e de funcionamento ou gastos derivados do asesoramento técnico necesario para acadar os obxectivos de venda e estabilidade dos prezos do leite.

A provincia coruñesa produce o 41% do leite galego

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, manifestou que “a través destas axudas, a Deputación ten como finalidade estimular as actividades gandeiras e impulsar economicamente o sector lácteo, especialmente estratéxico na provincia da Coruña, onde se concentran 5.000 explotacións e unha produción de 900.000 toneladas anuais, o que representa o 41% da produción galega de leite”.

Así mesmo, González Formoso afirmou que estas achegas “amosan o compromiso da Deputación cos produtores, para que poidan financiar proxectos innovadores que permitirán unha maior eficiencia na produción de leite e aumentar a competitividade das industrias lácteas galegas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información