Apoio da Comisión ó almacenamento privado nos sectores de carne e leite

Ante o impacto da crise do coronavirus, a UE decide tamén autorizar excepcións na normativa de competencia nos sectores lácteo e de flor e pataca. Os cambios deberán ser consensuados cos Estados membro

Apoio da Comisión ó almacenamento privado nos sectores de carne e leite

Canais de vacún en matadoiro. / Arquivo.

A Comisión Europea decidiu adoptar unha serie de medidas excepcionais á vista das consecuencias da crise do coronavirus nos mercados agrarios. Tal e como pediran a maior parte de ministros de Agricultura da UE, a Comisión concederá axudas para o almacenamento privado de carne (vacún, ovino e caprino) e de produtos lácteos (leite desnatada en po, manteiga e queixos).

A decisión de apoiar ó almacenamento privado permitirá a retirada temporal de excedentes do mercado durante un mínimo de 2-3 meses e un máximo de 5-6 meses, segundo sinalan desde a UE.

Outra medida adoptada, pendente da súa ratificación polos Estados membros, é a de autorizar excepcións á normativa de competencia no sector lácteo e na flor e pataca. A Comisión entende que os operadores destes sectores deben ter capacidade para autoorganizar o mercado. Por exemplo, indica que no sector lácteo poderán planificar colectivamente o nivel de produción, en tanto que nos sectores de flor e pataca poderán retirar produtos do mercado, segundo sinala a Comisión en nota de prensa.

Estas medidas de excepcións á normativa de competencia serán válidas durante un periodo de 6 meses, segundo a proposta da Comisión. A intención da UE é que as propostas sexan aprobadas a finais de abril.

Por último, o comisionado de Agricultura anunciou tamén cambios nos programas de apoio ó mercado para viño, froitas e verduras, aceite de oliva, apicultura e consumo escolar de leite, froitas e verduras. O obxectivo é reorientar prioridades de financiación para a xestión da crise en tódolos sectores afectados.

O paquete anunciado onte súmase así a outras medidas xa adoptadas, como permitir maiores anticipos de pagos e o seu adianto no tempo, así como unha reducción da carga administrativa para agricultores e Gobernos en relación ás normas da Política Agraria Común (PAC).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información