Dominio galego na xenética Holstein de España

Xenética Fontao lidera o ránking dos mellores touros nas probas de CONAFE do mes de xuño, con 7 dos dez mellores touros. Sjonny Supertoro, Zandenburg Evan Mellor e Suprem ET encabezan a lista de mellores touros xenómicos

Dominio galego na xenética Holstein de España

Apina Delano. Foto: Xenética Fantao

A mellor xenética Holstein de España é galega. Así o confirman as avaliacións xenéticas correspondentes ao mes de xuño que ven de publicar a Confederación Nacional de Frisona Española (CONAFE), e nas que Xenética Fontao lidera un ano máis o ránking de touros probados.

En concreto, no ránking dos 50 mellores touros de propiedade española, Xenética Fontao copa o primeiro posto e o 70% dos 10 mellores touros e máis do 60% dos 50 mellores por GICO.

Delano, de novo número uno

Delano (MOM x Shottle, da familia “Elsa”), que xa foi un touro xenómico destacado no seu día e que debutou como touro probado nas pasadas avaliacións de novembro de 2014, onde ocupou o posto número 3, repite como líder da clasificación dos mellores touros probados españois e é o único de todos eles en superar a barreira dos 3.700 puntos de GICO. Presenta unha proba moi equilibrada con excelentes rasgos de saúde, moi bo tipo e destacadas producións de leite, con porcentaxes positivas de graxa e proteína. Os resultados de Delano non foron os únicos bos obtidos polos sementais de Xenética Fontao, pois tras el e no selecto grupo do TOP 10 español incorpóranse os primeiros e mellores fillos de Snowman probados en España: Brandson (3.º posto), Falco (4.º) e Harmónico (5.º), seguidos de Torrel (6º) e Gilette (7º posto), ambos soben máis de 200 puntos de GICO. No caso de Torrel debido á incorporación das súas fillas de segundo grupo que non fan máis que confirmar o enorme potencial leiteiro deste semental (case +2.000 kg de leite na súa proba!) combinado cun gran tipo xeral (+2,45) e excelentes patas e pés (+2,53), para ambos os trazos é o absoluto número 1 do TOP 100 de touros probados españois.

Mellores touros para produción  

Para quilos de leite destaca Torrel como un dos mellores touros do panorama nacional seguido de preto polos fillos de Snowman que reciben a súa primeira proba oficial: Brandson, Falco e Harmónico, xa mencionados, ademais de Stop, Cancelara, ou Lemos. Gilette é un touro cun peculiar pedigrí (Niagra x Roumare) que tamén destaca neste trazo. Para quilos de graxa imponse de novo Thos, á cabeza neste rasgo, seguido de Brandson, Harmónico, Torrel e Delano.

Gilette é o touro Nº 1 en kg de proteína do TOP 100 seguido de Harmónico, Delano, Minnesota e Torrel

Mellores touros para tipo

Torrel, con máis de 500 fillas na súa proba de tipo confirma os seus datos e é o número 1 de touros probados para este rasgo cun 99% de fiabilidade. Tamén o é para o trazo de patas e pés. Irrompen con forza tamén neste campo algúns fillos de Snowman como Harmónico, Stop e Cancellara, que xunto con Curtis (Gerard x Bolton) son os mellores recentemente chegados ao club dos touros probados para tipo e ubres, ademais de Matcho, un irmán materno de Delano, o líder, moi destacado en ubres.

Touros que confirman a súa hexemonía de probas anteriores nos rasgos de tipo xeral e ubres son Xilo (Xacobeo x Duplex), e Elsar (Super x BW Marshall), que xa foi no seu día un touro moi destacado para ubres na primeira proba xenómica española oficial.

Mellores índices de saúde

Thos é o mellor touro español para a saúde da ubre do TOP 50 GICO, é o touro probado que máis baixos recontos celulares transmite ás súas fillas. Destacan tamén para este carácter Brandson, Falco e Minnesota. No ránking de Lonxevidade aparecen entre os mellores Delano, Minnesota, Falco, Beariz, Stop, Cancellara e Matcho. Minnesota e Delano atópanse entre os mellores touros probados para o trazo de días abertos (fertilidade de fillas)

Dominancia dos touros de Xenética Fontao no último top 50 xenómico

Se a hexemonía de Xenética Fontao na listaxe dos touros probados é clara, no ránking dos touros xenómicos non o é menos. Os máis coñecidos seguen destacando nas súas probas, pero, ademais, un novo elenco de animais do centro irrompe con forza no TOP 100 xenómico publicado en xuño por Conafe.

Como ocorría no ránking de touros probados, no de touros xenómicos, ao redor do 60% dos mellores animais son propiedade de Xenética Fontao. Os cinco primeiros postos da listaxe son todos touros de Xenética Fontao:

* 8 touros de XF no TOP 10
* 16 touros de XF no TOP 25
* 29 touros de XF no TOP 50
* 49 touros de XF no TOP 100

No TOP 100 xenómico figuran touros de “última fornada”, con pedigríes de rabiosa actualidade. Se no ránking de touros probados irrompían os primeiros fillos de Snowman aquí, no capítulo de xenómicos chegan os fillos de Supershot, Missouri e Galaxy fundamentalmente.

O flamante novo número 1 do top xenómico é o touro de XF “Supertoro”, que responde ao moderno pedigrí de Superhot x Meridian, seguido de Mellor é un Missouri x Supersire que se sitúa no posto número 2 do ránking, ademais de ser o número 1 indiscutible para kg de leite dos touros xenómicos españois (+2.448 kg!).

No posto número 3 aparece o ben coñecido Suprem, (Shotglass x Altagreatest), que foi o número 1 na anterior avaliación e cuxas primeiras fillas xa están nadas e chaman realmente a atención pola súa corrección morfológica. Suprem segue sendo o mellor touro español para rasgos de saúde (número 1 en lonxevidade e 2 en RCS), o seu potente potencial de transmisión non soamente reflíctese vía femia senón tamén vía macho, demóstrao o feito de que Suprem ( un touro con apenas 2 anos e medio de idade) xa ten un fillo no centro cun altísimo nivel xenético. Este xato responde ao pedigrí de Suprem x Gillespy x Snowman.

Arion é o número 4 da listaxe xenómica e é un Missouri x Mogul e Marea Branca é o número 5 e responde ao pedigrí Missouri x Picanto.

Por último outra novidade destacable é o xato “Happy” un Mccutchen x Meridian x Atwood da prestixiosa familia de vacas das Cinderellas ( rama europea da familia americana Roxy ). Happy reúne os mellores xenes para tipo entre os touros novos deste país, por iso é o número 1 absoluto para este trazo ( +3,44) e o número dous para ubres (+3,54).

Consulta aquí toda a información:

– 50 mellores touros españois por ICO.
– 100 mellores touros xenómicos españois.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información