A apicultura galega busca atraer visitantes no Xacobeo 2021

A apicultura galega busca atraer visitantes no Xacobeo 2021

Alvariza en Zobra (Lalín)

A Asociación Galega de Apicultura AGA presentará este domingo, 15 de setembro en Allariz, con motivo da II Feira dos Produtos Apícolas, o proxecto Apiturismo Xacobeo 2021, que forma parte do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia. Con esta iniciativa preténdese divulgar entre os visitantes o rico patrimonio apícola galego.

O proxecto Apiturismo Xacobeo 2021 ten como obxectivo principal atraer visitantes á oferta de apiturismo de Galicia,  en especial a apicultores pero tamén peregrinos e turistas. Para iso, o proxecto inclúe unha serie de materiais e actividades que se están desenvolvendo durante este ano, con fin de difundir a oferta de apiturismo especialmente de cara a celebración do Xacobeo 2021.

Por un lado, realizarase unha publicación sobre apiturismo que se distribuirá a nivel internacional, eventos con degustación dos meles galegos, un vídeo promocional e unha exposición de fotografías. Para lograr unha continuidade do proxecto, contémplase tamén a creación dun centro de información sobre apiturismo, que estará ubicado no Centro de Divulgación do Queixo e do Mel en Arzúa, coa misión de ofrecer información ós diferentes públicos, organización de visitas e actividades de divulgación.

As alvarizas, patrimonio da humanidade

Entre as atraccións da apicultura galega destacan as alvarizas, construcións apícolas tradicionais de Galicia, foron declaradas «patrimonio inmaterial da Humanidade» pola UNESCO en novembro do 2018, como parte das construcións en pedra seca tradicionais de varias rexións de Europa.

Trátase dunha apicultura única no mundo, que ten en común o uso de construcións en pedra seca, de granito ou lousa, ben sexa para defenderen as colmeas dos osos nas montañas orientais de Galicia, ben sexa para delimitaren o recinto do apiairo ou impediren o paso do gando silvestre ou doméstico a el.

Presentación do proxecto en Allariz

A Asociación Galega de Apicultura presentará os contidos e obxectivos deste proxecto o vindeiro domingo 15 de setembro en Allariz, con motivo da celebración da II Feira dos Produtos Apícolas. O acto terá lugar ás 11.30 h. no local da Paneira (Praza Maior) e incluirá a proxección dun vídeo promocional e a intervención de Suso Asorey, voceiro de AGA, e outras persoas vinculadas co apiturismo en Galicia.

A actividade tamén inclúe unha exposición de fotografías e unha degustación de meles, que terá lugar na Praza de Abastos, xunto coas demais actividades programadas na II Feira dos Produtos Apícolas: obradoiros, demostracións, espazo infantil, sorteos e moito máis.

apiturismo 15_09 Allariz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información