A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Anova demostra que non é preciso gastar máis de 1.000 euros para ter unha máquina fiable, potente e duradeira”

Publicidade
“Anova demostra que non é preciso gastar máis de 1.000 euros para ter unha máquina fiable, potente e duradeira”

José Manuel Rey, xerente de Millasur

José Manuel Rey é xerente de Millasur, unha empresa galega que en apenas 15 anos conseguiu situar a súa marca, Anova, como unha das líderes no mercado español en maquinaria para bosque, horta e xardín.

A empresa con sede en Oroso (A Coruña) ten previsto seguir medrando e márcase como obxectivo dar o salto a América do Sur e a África.

¿Como e con que obxectivos naceu Millasur?
Millasur nace no ano 2002 froito da idea de dar un servizo completo e integral de venda de recambios e accesorios. Xa no ano 2005, e co obxectivo de dar resposta á demanda dos seus clientes por ofertar unha liña de maquinaria propia, Millasur crea Anova: unha marca especializada en maquinaria para bosque e xardín. Desde ese momento, Millasur experimenta un salto cualitativo e cuantitativo importante que a leva a ser hoxe en día un dos líderes no eido da maquinaria deste sector.

Non hai que esquecer que somos unha marca 100 % galega con sede en Galicia, desde onde se xestionan todo os procesos e pedidos. Ademais, a gran parte dos nosos clientes e distribuidores son tamén galegos.

¿Cales son os grandes datos da empresa a día de hoxe: facturación, número de traballadores, onde está o voso mercado?
Millasur conta cun equipo humano de máis de 65 persoas e cunha facturación actual superior aos 13 millóns de euros anuais, fitos que a converten nun dos líderes do sector no mercado español. O noso traballo vai dirixido a todo cliente potencial interesado no sector, enfocando o noso traballo de xeito especial ao particular esixente e ao traballador semiprofesional.

A vosa marca Anova é líder en bosque e xardín. Como xurdiu?
A marca Anova pretende dar resposta a todos os particulares esixentes ou usuarios semiprofesionais que buscan un produto de calidade a un prezo accesible.

Deste xeito, demostramos ao mercado que non é preciso gastar máis de 1000 € nunha máquina fiable, potente e duradeira. Pero, ante todo, o que pretendemos é ofertar o mellor servizo postvenda para que a relación co cliente non se circunscriba de xeito exclusivo ao proceso de venda-compra.

Que gama de produtos Anova ofrecedes e cales son as súas principais vantaxes?
Anova conta cun extenso catálogo con máis de 150 modelos de maquinas no que se pode atopar desde a maquinaria máis usual en bosque e xardín como motoserras, desbrozadoras, cortacéspedes ou cortasebes, ata outras máis pesadas como poden ser as motoaixadas ou vareadoras eléctricas, dando así resposta a un sector cada vez máis esixente e en demanda continua de innovación e novos produtos.

“Un dos produtos con máis éxito son as motoserras e desbrozadoras HXP”

Cales dos vosos produtos están a rexistrar mellores vendas?
Entre os produtos estrela deste período encóntranse, por exemplo, os motocultores MC500 e MC507, pero destaca especialmente a gama de motoserras e desbrozadoras HXP, unha gama de máquinas semiprofesionais con cinco anos de garantía.

Cal é o tipo de cliente ao que vos dirixides e que valoran máis dos vosos produtos?
Os nosos produtos van dirixidos aos particulares máis esixentes e aos clientes semiprofesionais que buscan un produto de calidade e con características de gama alta. O que máis valoran da nosa marca é a rápida resposta no servizo postvenda, xa que damos resposta inmediata a calquera problema que poida xurdir coa máquina.

Así mesmo, os nosos clientes descansan na tranquilidade dunha marca con recambios e garantía contrastados. Poden seguir confiando en nós e no servizo que lle ofrecemos se teñen calquera problema co produto despois da venda.

 “O que máis valoran de Anova é a rápida resposta no servizo postvenda e a facilidade para acceder a repostos”

Millasur tamén é distribuidor oficial para España e Portugal de marcas de recoñecido prestixio no sector. Cales son e que destacarías delas?
Actualmente, Millasur é distribuidor oficial para España e Portugal de Briggs & Stratton, Snapper, Murray e, máis recentemente, de Ferris.

Todas estas marcas son líderes e contan cunha bagaxe no sector dificilmente alcanzable. Os seus produtos, entre os que destacan cortacéspedes, tractores cortacéspede ou cortacéspedes de radio de xiro cero, están avalados no mercado pola súa calidade e polos innovadores sistemas que incorporan as súas máquinas. Para dar un dato, os motores da firma estadounidense Briggs & Stratton están montados no 80 % das máquinas de xardinaxe das marcas do mercado.

En que novos produtos ou proxectos estades a traballar?
A nosa prioridade actualmente é seguir mantendo a calidade na nosa liña de produtos e continuar dando resposta aos servizos que os nosos clientes demandan. Estamos facendo unha aposta grande pola maquinaria de batería, xa que está a alcanzar as esixencias do mercado en canto a potencia e rendemento, sen deixar de lado as vantaxes en canto a aforro se refire.

Porén, a nosa prioridade é a expansión internacional. Aínda que actualmente estamos presentes nalgúns países europeos como España, Portugal ou Francia entre outros, o noso obxectivo é dar o salto a América do Sur e a África, o que nos permitiría seguir expandindo a nosa marca e conseguir nova clientela.

“O noso obxectivo é dar o salto a América do Sur e a África”

Cal é a estratexia de futuro de Millasur para os próximos anos?
O que máis nos interesa como firma e como marca é seguir a medrar sen deixar de lado os piares fundamentais cos que comezamos: calidade, axilidade e garantía no servizo. Queremos seguir afianzándonos como un dos líderes no sector e que os nosos clientes nos sigan a ver como unha marca de confianza que lles proporciona sempre solución rápida e duradeira a calquera problema que poida xurdir.

Máis información:  https://anovamaquinaria.com/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *