Amplíanse as agroambientais ó 2020 pero elimínase o apoio ó asesoramento técnico

A Xunta comprométese a que as ganderías cobren o próximo ano tanto a liña de agroambientais como a de zonas con limitacións naturais. O 2021 e o 2022 quedan á espera de que Bruxelas insufle cartos do novo periodo da PAC, unha cuestión aínda por negociar entre o conxunto de Estados Membros

Amplíanse as agroambientais ó 2020 pero elimínase o apoio ó asesoramento técnico

As axudas agroambientais apoian á gandería extensiva.

A reunión do comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, que se celebrou onte, permitiu aclarar que sucederá coas axudas do segundo piar da PAC, o ligado ós fondos de desenvolvemento rural. Todas as ganderías que cobran apoios por axudas agroambientais, de produción ecolóxica ou por zonas con limitacións naturais seguirán percibindo eses pagos no 2020; en tanto que o 2021 e 2022 quedan pendentes de que Bruxelas insufle cartos do novo periodo da Política Agraria Común (PAC), unha cuestión que se espera que quede resolta nos próximos meses por medio de negociacións entre o conxunto de Estados Membros.

A decisión da Xunta de ampliar tódalas axudas agroambientais ó 2020 calma en parte os ánimos no sector, pois no mes de outubro o director xeral do Fogga, Jorge Piñeiro, informara nunha reunión en Meira de que parte das ganderías xa non cobrarían nin as axudas agroambientais nin as de zonas con limitacións naturais no 2020. Iso finalmente non será así, logo da reprogramación de fondos do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020 exposta onte pola Xunta.

A Administración aumentará a partida das agroambientais en 23 millóns de euros para enfrontar os compromisos do 2020. A parte negativa é que se eliminan tódolos apoios ó asesoramento técnico, obrigatorio para tódalas ganderías que perciben agroambientais, que terán que pagalo do seu peto. O mesmo sucederá co resto de explotacións que queiran contar con apoio técnico.

Aforro nos pagos á montaña e a zonas desfavorecidas
Outro punto que queda aclarado é a retirada de fondos programados para as axudas a zonas con limitacións naturais (as antigas indemnizacións compensatorias). A Xunta propuxo onte reducir o gasto previsto para estas axudas en arredor de 22 millóns de euros porque son cartos que aforrou. Ese aforro vén de que lle pagou ás granxas menos dos topes que podería abonar.

A lexislación comunitaria permite para este periodo da PAC que as axudas para zonas con limitacións naturais cheguen ós 450 euros por hectárea en montaña e a 250 euros por hectárea en zonas desfavorecidas distintas da montaña. A Xunta, pola súa banda, decidiu aplicar pagos moi inferiores, unha decisión que é cuestionada desde o sector gandeiro. Así, no 2018 pagáronse 124 euros por hectárea para montaña e 58 euros para zonas desfavorecidas distintas da montaña.

Cómpre ter en conta, ademais, que estes pagos evolucionaron desde o 2016 de xeito decrecente, pois naquela campaña a Administración pagara 178 euros por hectárea en montaña e 72 en zona con limitacións distinta da montaña.

Desacordos
Parte das propostas trasladadas onte pola Xunta no comité de seguemento do PDR foron cuestionadas polo sector. É o caso, por exemplo, da eliminación das axudas para asesoramento técnico. A Administración abriu un prazo de alegacións ata o 18 de novembro, pero dáse por feito que ningunha alegación se terá en conta, pois o prazo para que a Xunta remita a Bruxelas a reprogramación do Plan de Desenvolvemento Rural finaliza o día 19.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información