Alternativas técnicas para cumprir o decreto de xurros

Explicamos as alternativas existen para cumprir o decreto do Ministerio que penaliza nas axudas da PAC o esparexido do xurro mediante sistema de prato, abano ou canón.

Alternativas técnicas para cumprir o decreto de xurros

Sistema de esparexido en bandas mediante un sistema de tubos colgantes

Dende o 1 de xaneiro deste ano a aplicación de xurros gandeiros nas superficies agrícolas non poderá realizarse mediante sistemas de prato ou abanico nin canóns, o utilizado maioritariamente ata agora. Esta restrición afecta aos gandeiros profesionais que perciben axudas directas da PAC e están suxeitos ás normas de condicionalidade. De incumprir esta norma serán penalizados nas axudas.

A Consellería do Medio Rural xa adiantou que pedirá unha excepción ao Ministerio de Agricultura atendendo ás características propias de Galicia (pendentes, parcelas pequenas…etc) que dificultan moito o cumprimento desta nova normativa. De ser aceptadas as alegacións da Xunta e doutras comunidades como Asturias, Cantabria ou Castela e León gran parte das ganderías de vacún quedarían exentas durante un período.

Dende a Consellería do Medio Rural explican que “estes cambios teñen como obxectivo reducir os niveis de emisión de amoníaco á atmosfera que se produce a partir do nitróxeno do xurro, pois España sobrepasou os límites permitidos nos últimos anos chegando a pasar por riba do 34% no ano 2015”. “Estes índices débense, no 80% dos casos, ás emisións que se realizan a través da gandaría e agricultura, de aí que se teñan que tomar medidas nestes sectores”, engaden.

Porén, o que non se di dende a Xunta e que si recoñece o propio Ministerio é que a principal causa deste incremento das emisións de amoníaco é a cabana porcina, non o sector de vacún de leite. Sirva como exemplo, que dende 1990 a cabana porcina de Aragón pasou de 2 millóns de cabezas a case 8 millóns no ano 2015 , e en Cataluña duplicouse. Un incremento espectacular que provocou que se disparasen as emisións de amoníaco, o que contrasta co vacún de leite, cuxa cabana incluso diminuíu en España.

Pero ¿cales son as alternativa que existen ao esparexido do xurro mediante prato, canón ou abano? Dende Medio Rural aclaran que “non é correcto dicir que a única alternativa existente é por inxección no terreo, xa que o único que di a norma é como non se pode botar”.

En canto ás técnicas permitidas para reducir as emisións de amoníaco dos xurros gandeiros, algunhas delas son:

-Espallalo en bandas mediante un sistema de tubos colgantes:

O sistema con tubos colgantes (aplicación a ras do solo) consiste nunha serie de conducións que rematan en tubos colgantes flexibles que depositan o xurro sobre o solo.

Dende a Consellería de Medio Rural destacan que este sistema “ten un rendemento de aplicación superior ao do abanico (anchura de traballo de ata 30 metros) e unha diminución importante de malos cheiros e perdas de nitróxeno amoniacal, de entre o 40 e o 50% respecto ao sistema tradicional sen enterrado posterior”. E ademais, destacan que “falamos de prezos moito máis asequibles que o de inxección, pois estes equipos acoplados estarían entre os 1.500 e 3.000 euros”.

O problema está en que non se adapta ben para manobrar en parcelas pequenas ou en costa. E tamén o seu custo, segundo Manuel Otero, propietario de Talleres Moga, unha empresa galega especializada na fabricación de cisternas para uso gandeiro. “Unha cisterna de 10.000 litros, cun adaptador con tubos colgantes e unha bomba que triture o xurro para evitar atascos pode andar entre os 10.000 e os 12.000 euros. O tractor tamén debería ter máis potencia, cun mínimo de 100 cavalos, para levar este dispositivo acoplado á cisterna”, explica.

– Sistema espallado en bandas mediante zapatas colgantes:

CIAM_XURRO_BANDAS_HERBA_2O mesmo que o anterior só que incorpora uns patíns que abren un pequeno rego e permiten unha inxección do xurro superficial.

– O sistema de discos de inxección superficial:

incorpora o xurro a profundidades de 1 a 6 cm, conforme ao seu axuste previo, mediante o sistema de discos que leva incorporado, deixando o rego aberto, producindo un enterrado parcial do xurro. A súa inferior anchura de traballo produce un menor rendemento de aplicación en parcela (ha/h).

Porén, este sistema ten un custe do equipo maior que o sistema de tubos colgantes e as anchuras de traballo son inferiores, polo que o rendemento tamén é inferior. O seu mantemento é máis custoso que nos sistemas anteriores.

CIAM_XURRO_INXECCION_1A grande vantaxe é que o xurro queda cuberto, de forma que as emisións de xurro ao ambiente chegan a reducirse, segundo unha investigación do centro Neiker-Tecnalia, a ata o 93% respecto ao sistema tradicional en abanico.

A dificultade para aplicar este sistema en Galicia ou na Cornixa Cantábrica é a mesma que no anterior de espallado en bancas, e ademais “a potencia necesaria do tractor tería que aumentar ata os 140 ou 150 cavalos”, explican dende Talleres Moga.

Acidificación dos xurros:

Engádese acedo sulfúrico ao xurro para diminuír o seu pH ata 5,5, de forma que aumenta a concentración de amonio e reduce as emisións de amoníaco libre. A adición pode levar a cabo nun tanque específico, seguido de aireación e homoxenización. O sistema debe estar totalmente automatizado para evitar riscos sobre os operarios ou os animais

Reduce as emisións amoníaco (70%) e redución tamén os cheiros, así como as emisións de metano. Aumenta o valor fertilizante do xurro. Os inconvenientes son que a manipulación dos ácidos (por exemplo, acedo sulfúrico) debe realizarse baixo os protocolos de seguridade.

Ademais, a adicción do ácido sulfúrico pode ter consecuencias negativas segundo o tipo de formigón dos tanques, polo que hai que prestar especial atención na súa elección. Tamén sole producir espuma nos tanques e fosas de xurro.

Esparexido do xurro e enterrado mediante grade: un sistema efectivo pero que se exclúe do Decreto do Ministerio

CIAM_XURRO_DISCOS_1Sen embargo, no que incide o decreto do Ministerio é unicamente en restrinxir como se esparexe o xurro, e non en se este foi tratado para emitir menos amoníaco.

A normativa do Mapama tamén exclúe un sistema que se viña realizando nos últimos anos en Galicia, e que foi recomendado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM): o enterrado do xurro de forma inmediata mediante unha grade de discos despois de ser esparexido mediante abano ou prato. Non debe pasar máis de 2 ou 3 horas dende que se esparexeu, xa que o 50% das perdas de nitróxeno amoniacal ocorren nas primeiras 5-6 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información