Alerta nos viñedos polas xeadas que se prevén a próxima semana

Publicidade
Alerta nos viñedos polas xeadas que se prevén a próxima semana

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) ven de emitir un aviso en relación ás xeadas que se prevén a vindeira semana e os danos que poden provocar nos viñedos.

Reproducimos a continuación o aviso emitido por este centro público dependente da Consellería de Medio Rural:

O viñedo iniciou o seu agromar na maioría das zonas vitícolas galegas atopándose as variedades de ciclo curto, como o Godello ou o Albariño, en fases de punta verde ou de follas estendidas, e nos casos máis precoces con acios incipientes ou visibles.

Nestes estados a vide é sensible aos efectos das xeadas primaverais. Segundo as predicións facilitadas por Meteogalicia, nestes días producíranse -sobre todo nas noites do luns ao martes e na do martes ao mércores- xa as primeiras xeadas por inversión térmica que poden producir danos no viñedo.

Son consecuencia de noites despexadas, con ausencia de vento e escasa humidade ambiente, que determinan que a calor acumulada na superficie ascenda ás capas superiores da atmosfera e as máis frías sediméntanse nas capas inferiores, e danen os tecidos novos das plantas.

A previsión de presenza de masas de aire frío para inicio da semana pode propiciar as coñecidas como xeadas negras ou xeadas de  advección. Adoitan ser fenómenos puntuais, difíciles de predicir e con efectos drásticos para o viñedo, sobre todo en viñedo con elevado desenvolvemento da vexetación.

Recomendacións para as zonas de risco: 

Diante do risco  meteorolóxico de que se produzan xeadas a próxima semana no interior de Galicia, lémbranse as recomendacións preventivas para zonas de risco

1. Evitar a utilización de parcelas de val para o cultivo do viñedo en zonas máis proclives ás xeadas

2. Cultivo de variedades de ciclos máis tardíos

3. Realizar as podas tardías para retardar o inicio da brotación en variedades de ciclo curto

4. Practicar labra do chan na primavera nas zonas sensibles.

5. Manter o terreo húmido xa que diminúe a perda de radiación nocturna

6. Utilización e ter a punto os sistemas anti xeada como a rega por micro-aspersión,  os ventiladores, ou os calefactores.

Recomendacións para o tratamento dos viñedos afectados por xeadas:

1. Non actuar inmediatamente despois da xeada, agardar e observar a resposta da viña

2. En plantas con baixo número de acios afectados: Unha vez que se produza o brote dos netos, elixir o mellor e podar os demais.

3. En plantas cun alto número de acios afectados, pero coa base do  pámpano verde, no que pode haber rebrote de netos:  Repodar ao nivel da base, para inducir o rebrote de conos secundarios. Neste caso utilizaranse produtos cicatrizantes e que preveñan de podremias (Folpet), unha vez realizada a  repoda, e despois aplicar estimulantes e fertilizantes a base de  aminoácidos.

Informe elaborado por:

-Emilia Díaz. Técnica viticultura da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega)

-Juan Carlos Vázquez. Técnico viticultura da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Eeve – Evega)

-Xan Taboada. Técnico de Meteogalicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información