Aguas de Mondariz, do balneario á mesa con selo de calidade

Esta firma envasadora distribúe auga galega mineromediciñal a 40 países. Coñecemos como comezou apegada ó balneario para logo facerse un oco no mercado con distincións de prestixio que a fan única

Aguas de Mondariz, do balneario á mesa con selo de calidade

Instalacións de Aguas de Mondariz.

Decatarse das necesidades do mercado é unhas das claves para o éxito dunha empresa e foi un dos motivos para que Aguas de Mondariz sexa a día de hoxe unha das firmas destacadas en augas embotelladas. Esta empresa pontevedresa comezou a envasar auga polo empeño dos visitantes do Balneario de Mondariz por levar para as súas casas esas augas saudables. Pero manterse no tempo, chegar ós 145 anos de historia e distribuír auga galega a 40 países do mundo é froito tamén doutros factores.

Asentados nos municipios de Mondariz e Mondariz Balneario, na conca hidrográfica do río Tea, afluente do Miño, os mananciais dos que se abastece Aguas de Mondariz teñen unha mineralización equilibrada, “moi característica galega”, como apuntan dende a empresa. Estas son augas carbogaseosas e con ferro, que discorren por un substrato moi granítico que as diferenza dos seus competidores, ó outorgarlle “uns brillos dourados que amplifican a súa transparencia. En boca teñen unha entrada moi elegante, evoluciona moi ben ó largo do tracto dixestivo e deixa un retrogusto a eses matices minerais que ademais lle dan as propiedades saudables, xa que se trata dunha auga mineromedicinal”, concretan.

Aguas de Mondariz é a única auga do mundo que conta con dous Diamond Taste Award

Estas características, á par de facer especiais estas augas fixéronas merecentes de contar con dous Diamond Taste Award outorgados polo prestixioso Instituto Internacional de Sabor y Calidad (iTQi), de Bruxelas. Ademais, é a única auga do mundo que conta con esta distinción por partida dobre.

Mananciais en plena Rede Natura

“Os labores de extracción, envasado, distribución e comercialización lévanse a cabo dende o máis absoluto respecto ás normas internacionais de calidade, baixo as que estamos certificados, pero tamén respectando ó medio ambiente”, explican desde a empresa. A planta de envasado atópase dentro da Rede Natura. “Se despois de 130 anos de actividade industrial, aínda existen valores naturais a protexer é que fixemos as cousas razonablemente ben”, argumentan.

“Se despois de 130 anos de actividade industrial aínda existen valores naturais a protexer é que fixemos as cousas razoablemente ben”

Dada a riqueza das fontes tamén se estableceu un perímetro de protección mineira de 43 millóns de metros cadrados, onde está limitada a actividade humana, que debe ser planificada e controlada para evitar danos na calidade das fontes. Este foi un aspecto no que levan tempo investindo, pois parte dos seus beneficios van a investigacións hidroxeolóxicas nese espazo.

Neste senso de respecto ó medio, hai 20 anos que se adheriron ó Sistema de Ecoauditorias EMAS da Unión Europea, que certifica a aquelas empresas que son un exemplo na xestión das súas actividades.

Antigo proceso de envasado da auga.

Antigo proceso de envasado da auga.

Os mesmos mananciais pero co selo da evolución tecnolóxica

En Augas de Mondariz levan empregando o mesmo acuífero dende fai 145 anos e ó longo deste tempo o que mudou foi a tecnoloxía e o volume de extracción “para adaptarse á demanda dos nosos clientes”, sinalan. Agora realizan unha extracción e condución da auga a través de mecanismos automáticos de alta tecnoloxía.

Precisamente a tecnoloxía foi un dos cambios máis significativos na traxectoria da marca, cando pasaron de envasar, taponar, etiquetar, colocar en caixas e cargar botellas e caixas a man a facelo de maneira automática. Ademais de aumentar a produción, isto permitiulles incrementar os estándares de calidade. Na actualidade envasan 120 millóns de unidades ó ano.

Defensores de “devolver o casco”

Outro dos feitos máis significativos a nivel industrial foi a chegada do plástico a un sector que tradicionalmente envasaba exclusivamente en vidro. “Mondariz sempre se mantivo fiel ó vidro, pero a evolución do mercado e das necesidades dos clientes e consumidores demandáronnos os formatos de plástico”, comentan.

Botellas-vidro-Aguas-de-Mondariz-

Botellas de vidro de Aguas de Mondariz.

Mondariz entrou no mercado dos envases de plástico dun xeito tardío, xa que non sería ata os anos 90, o que lle permitiu manter unha boa porcentaxe de ventas en vidro reutilizable. “A maior parte do vidro que se vende en Mondariz é retornable. Somos fieis defensores do sistema de depósito, devolución e retorno, o sistema de ‘devolver o casco’ que se empregou toda a vida”, sentencian.

Centrarse no envasado da auga

Aínda que Aguas de Mondariz xurdiu ligado ó Balneario de Mondariz, as particularidades de cada un dos negocios, un turístico e outro industrial, con canais e clientes diferentes e necesidades propias, fixeron que se xestionasen de forma independente dende o 1994.

Outro dos cambios máis destacados que se levaron a cabo foi o traslado da fábrica de embotellamento. Inicialmente a planta de Auga de Mondariz atopábase no centro urbano de Mondariz Balneario, pero por razóns urbanísticas e turísticas trasladáronse ó termo municipal de Mondariz, a escasos 800 metros da ubicación orixinal. Esta ubicación actual acolleu inicialmente a segunda marca da firma, Fuente del Val. Esta marca conta tamén cunha dilatada traxectoria, posto que a data de Declaración Pública foi en 1897, é dicir, ten 121 anos. A fusión de ambas empresas, no ano 1973 prodúcese pola compra de Aguas de Mondariz por parte de Fuente del Val.

Non sería a última adhesión que rexistraría Aguas de Mondariz, xa que en 1995 a catalana Vichy Catalán adquiriu o 60% do capital da compañía galega.

Vivir da auga

Hai quen vive do aire… e quen vive da auga, como nesta zona de Pontevedra. E é que en Aguas de Mondariz levan máis de 140 anos comprometidos cun proxecto común onde a auga ten un papel esencial dende a máxima calidade do produto. Por iso é tamén unha das empresas que conta co selo de Galicia Calidade.

Boa proba disto é a expansión que tivo Aguas de Mondariz. No 1877, cando a familia Peinador Vela comeza a embotellar esta auga a súa distribución era realmente moi limitada. Pero xa a comezos dos século XX empezaron as exportacións a Cuba e Estados Unidos. Nestes momentos está presente xa en 40 países de todo o mundo cunha presencia moi significativa en Marrocos e Centro América. As exportacións representan a día de hoxe o 15% das vendas de Mondariz.

Augas con sabores, a súa última aposta

Unha das últimas apostas de Aguas de Mondariz foron as augas con sabores. “Tendo a mellor auga do mundo podemos facer bebidas extraordinarias. Por iso apostamos por innovar no concepto de mercado de bebidas saudables, é dicir, sen azucres engadidos”, puntualizan. Defenden que non son refrescos, senón bebidas que manteñen as propiedades da auga pero con sabores.

refrescos-Mondariz-

Nesta aposta polas bebidas con sabores valoran tamén o emprego de edulcorantes naturais como a estevia, aínda que como ten un amargor “é difícil empregala só nunha bebida polo que o ideal é combinala con outros edulcorantes para dar maior estabilidade na súa percepción en boca”, concretan. Ademais, tamén elaboran zumes.

En canto ós retos de futuro, Augas de Mondariz recoñece que “son posiblemente os mesmos que en 1873: atender as necesidades cambiantes dos nosos clientes”. Con ese obxectivo afrontan a dixitalización da produción para adaptarse ós novos tempos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información