Agromuralla limita a suba do leite ás granxas con prezos máis baixos

A asociación constata que para boa parte das explotacións non houbo suba das cotizacións nos últimos meses pola negativa das industrias a reformular os contratos vixentes

Agromuralla limita a suba do leite ás granxas con prezos máis baixos

Representantes de Agromuralla, nunha rolda de prensa. / Arquivo.

A asociación Agromuralla considera que a tendencia de suba de prezos do leite no campo está a chegar só ás explotacións que tiñan as cotizacións máis baixas. O colectivo sinala ademais que aínda son centos os gandeiros que están cobrando o leite por debaixo dos 28,2 céntimos, prezo medio en Galicia do leite no campo segundo os datos do Ministerio de Agricultura.

O último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), órgano dependente do Ministerio, revelaba unha suba dun céntimo nas cotizacións do leite correspondentes ó mes de setembro. Agromuralla entende que esa mellora débese a que xa non hai granxas cobrando o litro no arco dos 12-19 céntimos, como chegou a haber na primavera-verán, pero nega que exista un repunte xeneralizado.

A asociación advirte de que hai moitas explotacións que asinaron contratos ata xaneiro-febreiro antes de que se disparara a recuperación de prezos dos produtos lácteos industriais, polo que non se beneficiaron desa tendencia de mellora do mercado. “Cabe destacar que ditos contratos poderían modificarse se media común acordo entre os asinantes, vontade que non se dá por parte das industrias lácteas”, lamentan en nota de prensa.

A asociación considera que hai que frear polo de agora as expectativas excesivamente optimistas e dar unha marxe de tempo máis ampla para ver como seguen a evolucionar mercado e prezos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información