Agromuralla celebra este mércores a súa asemblea xeral

Agromuralla celebra este mércores a súa asemblea xeral

Directiva de Agromuralla.

A asociación Agromuralla, xurdida das tractoradas de finais do 2015, ten previsto celebrar na tarde deste mércores a súa asemblea xeral, á que están convocados os arredor dos 400 socios con que conta. A asemblea, que se celebrará en Lugo, servirá para facer balance dos catro anos do colectivo, nos que Agromuralla tentou defender os intereses do sector.

Presidida por Roberto López e cunha ampla representación no sector lácteo de Lugo, así como nalgunha comarca gandeira da Coruña, Agromuralla destaca de si mesma “a absoluta independencia á hora de velar polos intereses dos gandeiros e gandeiras de Galicia”, segundo indica en nota de prensa.

O colectivo considera que durante a súa curta vida ten feito un traballo importante para a “visibilización do sector produtor de leite e dos problemas do rural” por parte da sociedade.

Repaso ó sector lácteo
Durante a asemblea, está previsto que se faga un repaso polos asuntos que máis preocupan ás granxas de leite, tales como a incertidume polas esixencias medioambientais relativas ó uso do purín, os danos da fauna salvaxe ou o aumento de custos derivados da suba de gasoil e electricidade.

“A isto engádese -conclúe Agromuralla- un problema de relevo xeracional e de falta de persoal en moitas granxas e a unha lexislación que non garante a igualdade de condicións nas relacións entre os gandeiros e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca un reparto desigual da cadea de valor que prexudica aos gandeiros e gandeiras”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información