Agromuralla anuncia actos na distribución tras a tractorada do xoves en Lugo

A asociación convoca mobilizacións de carácter indefinido, que incluirán entregas gratuitas de leite entre consumidores e visitas ós supermercados

Agromuralla anuncia actos na distribución tras a tractorada do xoves en Lugo

Os tractores concentraranse de novo este xoves na Ronda da Muralla a partir das 12 do mediodía. / Arquivo.

A asociación Agromuralla, promovida polo grupo que encabezou a tractorada de Lugo en setembro, anuncia mobilizacións con carácter indefinido a partir do xoves 10 de setembro, día para o que ten convocada unha tractorada na Ronda da Muralla. En días sucesivos, Agromuralla programou actos ante a gran distribución e repartos gratuitos de leite para concienciar ós consumidores, así como unha manifestación a pé na cidade

O acto do xoves en Lugo comezará cunha concentración previa de tractores no polígono de San Fiz, na contorna da Policía Local, para acudir despois en conxunto, en torno ó mediodía ata a Ronda da Muralla, na que se prevé deixar un carril para a circulación. Unha vez asentados os tractores, procederase á lectura dun comunicado. Nos seguintes días, o colectivo ten previsto facer visitas informativas á distribución e entregas gratuitas de leite, actos cos que quere trasladarlle ós consumidores a situación real do sector, segundo indica en nota de prensa.

As mobilizacións de Agromuralla, igual que as da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, oriéntanse a pedirlle explicacións á distribución pola suba dos prezos do leite no supermercado. Os gandeiros queren saber onde foron parar eses cartos, pois no campo a situación de prezos é similar a hai catro meses. Desde Agromuralla tamén requiren á Administración galega para que explique por que aínda non se puxo en marcha unha comisión de seguemento do acordo asinado en Madrid.

A asociación, por último, incide en que a súa protesta non trata de “dividir”, como se lles recriminou desde a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Desde Agromuralla, que aposta por actos independentes das organizacións agrarias, convidan “a todos os grupos que están traballando para a solución da crise do sector lácteo a que veñan a Lugo, a fin de seguir aumentando a unión e a forza de cara á consecucións das solucións”. O colectivo convida ós gandeiros a sumarse á tractorada do xoves e sinala que o fin de todos os produtores é o mesmo, “vivir dignamente da nosa profesión”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información