A Unión Europea aproba a Indicación Xeográfica Protexida para o Pan Galego

A Unión Europea aproba a Indicación Xeográfica Protexida para o Pan Galego

Pan galego da Tahona de Melide

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe a inscrición definitiva no Rexistro Comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Así, o regulamento da Comisión polo que se produce a inscrición da IXP entrará en vigor dentro de 20 días e para entón o Pan Galego contará xa con esa protección no ámbito europeo a todos os efectos.

A Consellería de Medio Rural quere agradecer todo o traballo e esforzo que lle supuxo ao sector consolidar o seu produto, dando así por finalizada unha vella aspiración dos panadeiros galegos, organizados a través da Federación Galega de Panaderías (Fegapan), que viron necesaria a creación deste selo para facilitarlle aos consumidores a identificación no mercado do auténtico pan galego e frear a competencia fraudulenta do pan que se vende como galego, tanto na comunidade como no resto de España, sen ter sido elaborado en Galicia.

Características

As características que deberá ter o pan para poder acollerse a esta Indicación están recollidas no correspondente prego de condicións. Trátase dun pan de codia dura e triscante, miolo esponxoso e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –cando menos un 25% do total– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos, recuperados grazas ao traballo do equipo de investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade de auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

O prego de condicións establece tamén os diferentes formatos tradicionais que se admiten, os rangos de pesos que poden ter as pezas e define as características da codia e da miga, así como o aroma e sabor do produto.

O pan presentarase ao consumidor en envases individuais que incluirán o logotipo da IXP.

pan galego logo estandar

Una idea sobre “A Unión Europea aproba a Indicación Xeográfica Protexida para o Pan Galego

  1. Juan Castro

    A Consellería volve a ignorar e desprezar, na súa nova na paxina web, o gran traballo de xeracións de investigadores do CIAM, e as posibilidades que ten o Banco de xermoplasma deste Centro de Investigación Agrario e público da Xunta de Galicia, con máis de 131 anos de historia, onde se gardan case 200 ecotipos de trigo autóctono galego, dos cales sairon xa dúas variedades Rexistradas: o Callobre e o Caaveiro, en colaboración cos panadeiros. Que podemos esperar do “escaparate do rural” previsto en Sergude se os que nos gobernan non son capaces de comprender o traballo dos investigadores e valorar a importancia do patrimonio xenético para o futuro do rural Galego?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información