“Temos un enorme valor no grelo galego que non se está aproveitando”

Champivil Castelo exporta dende Vilalba conservas de vexetais e cogumelos de temporada de Galicia aos principais mercados de España e Europa. Veñen de innovar coa venda de estrugas envasadas e unha gama de cervexas artesás de ortiga, grelo e trompeta dos mortos

“Temos un enorme valor no grelo galego que non se está aproveitando”

Luz Divina Castelo, segunda xeración de Champivil Castelo

Árnica, tortilla de caldo ou cervexa de ortiga, de grelos e de trompeta dos mortos. Adicada a envasar produtos autóctonos de Galicia, Champivil Castelo, unha empresa asentada en Vilalba, non para de sorprendernos desde que Luz Divina se sumou ao negocio familiar.

Luz Divina Castelo leva iso que agora se chama emprender nos xenes porque a ela venlle de familia. A súa avoa Divina Campello foi pioneira en Galicia na compra-venda de setas silvestres alá polo ano 1949 na tenda taberna que tiña na aldea vilalbesa de Distriz. Seguindo a tradición, o seu pai Andrés Castelo fundaba en 1977 unha empresa de exportación de produtos silvestres e comezaba a buscar novos mercados dentro e fóra de Galicia logrando entrar nos mellores mercados europeos (Italia, Suíza, Francia) e abastecer con cogumelos galegos ás principais zonas consumidoras deste produto dentro de España (Comunidade Valenciana, País Vasco e Cataluña). No ano 1982 nunha nave pegada á casa familiar, na parroquia de San Xián de Mourence, Andrés crea unha pequena zona de fabricación de conserva e comeza a envasar para marcas francesas.

Pero é no ano 2001 coa incorporación da súa filla Luz Divina cando se produce a gran revolución de Champivil, ao crear unha marca propia (Castelo) coa que etiquetar e distribuír as súas conservas e pouco a pouco ir ampliando a gama de produtos até abarcar na actualidade unha importante variedade: cogumelos, grelos, berzas, marmeladas, preparados para tortilla, arroz con setas, crema de grelos, licores de setas e agora tamén estrugas e cervexa artesá.

“A nosa filosofía é envasar só produtos de tempada”

E cunha única filosofía: todos produtos son de tempada. Champivil traballa por campañas e cada unha no seu tempo: setas no outono, grelos no inverno, estrugas e árnica na primavera e marmeladas no verán. Por iso Luz Divina é moi crítica coa actual denominación de orixe Grelos de Galicia, “que permite vender como grelos o que non o é, as nabizas, e producilas durante todo o ano”. “O grelo do verán é coma o tomate do inverno que ven de Marrocos, que non sabe a nada”, exemplifica.

Outra das claves da empresa é non deixar de innovar. Nos últimos tempos o interese do consumidor por probar novos produtos naturais aumentou, polo que Luz Divina pensa que é bo momento para sacar novos produtos ao mercado.

Lembra que cando Champivil comezou a vender grelos en conserva, no ano 2003, as tendas ás que levaban a mercadoría recibían o produto con escepticismo. Hoxe, unha ducia de anos despois, venden unhas 200.000 latas de grelos ao ano.

“Xa venden unhas 200.000 latas de grelos ao ano”

E todo iso nunha pequena nave de 800 metros cadrados na que traballan 9 persoas: Artina, Marciana, Yésica, José, Hafdira, Divina, ela (Luz Divina), o seu pai Andrés e a súa nai Mari Luz (que o fai en horas soltas porque en canto pode escapa cos netos).

Como a fábrica non é moi grande van variando as máquinas (case todas feitas á medida en Navarra e adaptadas á súas necesidades) en función dos produtos cos que están a traballar en cada época do ano e deste xeito teñen capacidade para fabricar até 12.000 latas ao día. A base principal de Champivil seguen a ser as setas e os grelos, pero foron diversificando e hoxe fan desde preparados para tortilla a caldo, arroces ou verzas.

Cogumelos en fresco desde Galicia para os principais mercados de Europa

“As conservas danche para vivir se vendes moitas, pero tes que ter un negocio paralelo que é o do produto fresco, que é o de máis calidade e ao que lle sacas máis marxe”, explica a responsable da empresa. Da súa man as setas silvestres de Galicia chegan aos principais mercados de Europa, sobretodo Francia, Alemania e Italia, onde a competencia dos produtos procedentes dos países do leste é cada vez maior.

Malia que nos últimos tres anos a produción foi menor, por Champivil pasan ao ano entre 80 e 90 toneladas de setas de 5 variedades diferentes: boletus, níscalo, cantarela, língua de vaca e trompeta dos mortos. Luz Divina está a favor da regulación da recollida de setas nos montes para asegurar a trazabilidade do produto, pero non para poñer trabas á xente que ten como afección a micoloxía, “porque o produto que non se recolle pérdese”. “Hai que regular para mellorar a trazabilidade, saber quen recolle as setas e onde” porque, di, “de toda España Galicia é a zona de máis produción de boletus pero en Zamora hai 15 empresas transformando boletos edulis de Galicia e vendéndoos como setas de Zamora con denominación de orixe”, denuncia.

CHAMPIVIL_GRELOS

Proceso de envasado do grelo

“O grelo é grelo e a nabiza é nabiza”

Cando veñen as primeiras xeadas do inverno, normalmente a finais de xaneiro, Champivil comeza a ir polas casas da Terra Chá a recoller os grelos que os seus provedores (moitos deles persoas maiores que cultivan pequenas leiras) lles van apañando. Ao chegar á planta de envasado o proceso, malia ser a gran escala, é igual ao que se fai nas casas (lavado, escaldado, escorrido e arrefriado). A partir de aí ou ben van para as latas (o proceso de enchido é manual) ou ben para conxelar (10.000 quilos para marcas como Troulo ou López Freire). Son grelos ao natural, sen ningún tipo de conservante nin edulcorante que poida alterar o seu olor ou sabor.

Son grelos 100% de Lugo (semente da variedade nabo branco de Lugo, apañados e envasados na provincia) pero Castelo ten prohibido vendelos como grelos de Lugo. E iso porque a Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia non lles deixa. Luz Divina foi das que no ano 2003 comezou cos trámites para poñer en marcha a denominación de orixe pero en 2014 decidiu abandonala porque a ve máis coma un problema que como algo positivo xa que a IXP inclúe a todo o territorio galego dentro da mesma denominación e non distingue o grelo da nabiza. “Isto o que fai é desprestixiar o produto, porque pode haber grelos todo o ano e en calquera lado”, critica.

“Deberíase fixar na IXP un período para a súa recollida e diferenciar o grelo da nabiza”

Neste sentido, a responsable de Champivil aposta por un modelo de denominación de orixe semellante á do espárrago e o pemento de Navarra, onde se fixa só un mes como período de recollida. Iso permitiría incrementar o valor do grelo, que é un produto estacional que dura até o mes de marzo ou comezos de abril, xusto antes da súa floración. “Hoxe estamos pagando aos produtores a 50 céntimos o quilo de grelo pero se apostásemos polo modelo de Navarra ese sería o prezo da nabiza pero o do grelo multiplicaríase por dous e iso incentivaría a súa produción en terras que hoxe están baldías”, afirma Luz Divina, que aposta por diferenciar claramente o grelo da nabiza, “porque no grelo hai un valor que hoxe en día non se está aproveitando”.

De feito, grandes marcas de conservas vexetais coma Findus, Gutarra ou Celorrio xa están aproveitando esa unificación que fai a denominación de orixe galega para vender como grelos o que son nabizas producidas en lugares como Extremadura. “Non podemos deixar que todo o mundo fóra de Galicia venda grelos que non son, para iso debería estar a Denominación de Orixe”, insiste a responsable da marca Castelo.

Marmeladas de culler

No verán Champivil fai marmeladas que chama “de culler”. Por que lles chaman así? Pois porque son máis ben líquidas ao cocer os froitos co mínimo de azucre posible e non engadir ningún tipo de espesante. De momento fan marmeladas de arandos, de framboesa, de mora, de grosella e unha mestura de todas elas. “A xente non coñece a que sabe por exemplo a grosella, porque só a probou en marmeladas industriais que todas saben doce porque están cargadas de azucre”, di Luz Divina.

O obxectivo da empresa é ir recuperando mediante as conservas eses produtos tradicionais galegos que nalgúns casos xa se deixaran de cultivar. Cando se puxo á fronte da empresa pensouna como unha industria para transformar os excedentes agrarios dos pequenos labregos da zona. Pero hoxe mercan materia prima en tres provincias galegas (ademais de Lugo, na Coruña e en Ourense).

E grazas a eles xente moza coma Sonia López decidíronse polo sector agrario. Ela vai ter este ano a súa primeira colleita de arandos, que Champivil merca tamén na Fonsagrada, igual que as framboesas veñen de Ourense e as setas de case toda Galicia.

O problema dos provedores téñeno solucionado en Galicia, pero o atranco co que se atopan é o da distribución. “Para a comercialización tes que caer nas mans das cadeas de distribución”, admite Luz Divina. Os produtos Castelo están desde 2006 nos Eroski e Carrefour de Galicia, nos Corte Inglés da zona norte e desde hai un ano tamén nos Gadis.

Recuperando a árnica

Luz Divina está tamén tratando de recuperar a árnica, unha planta medicinal coñecida popularmente como quina dos pobres polas súas virtudes antiinflamatorias. A súa recollida é un negocio cunha longa tradición na comarca da Terra Chá pero que foi indo a menos. A contaminación, a renovación das terras para forraxe para o gando e as malas prácticas á hora de recollela (arrincando a planta de raíz e sen respectar o seu ciclo de crecemento) provocan a desaparición desta planta que até non fai moito tempo abundaba nos prados galegos.

Nos anos 50, ao tempo que comezaba coas setas, a avoa de Luz Divina iniciou tamén o negocio da árnica. A experta da familia á hora de recoñecer as flores amarelas da árnica é agora a súa nai, Mari Luz Rey, que leva recollendo esta planta medicinal desde que era cativa. A familia Castelo nunca deixou de apañala pero desde finais dos 80 foi moito a menos. Hai media ducia de anos que decidiron volver a apostar por esta planta orixinaria do lado norte dos Pirineos pero que nace soa nos prados e veigas galegas e na última campaña recolleron unhas 6 toneladas de flor de árnica, que seca queda nuns 1.000 quilos.

A época de recollela vai desde xuño a mediados de xullo e é un “traballo de chinos”, collendo unha por unha as pequenas flores amarelas. Unha vez apañadas, as flores sécanse ao aire libre e a temperatura ambiente sobre o chan. Champivil vende despois a árnica a un importante laboratorio de Valladolid que fai con ela todo tipo de antiinflamatorios (cremas, champús ou xeles).

As novas apostas: estrugas e cervexa

A Luz Divina a cabeza non lle para e non deixa de innovar. Cando ten un oco entre produto e produto proba cousas novas. Desas probas, como se tivese un importante departamento de I+D+i na súa empresa, saen produtos coma o preparado de tortilla de caldo. De entrada a mestura sorprende. Pero, como naceu? Pois probando a fusionar dous produtos básicos na cociña galega. Na casa o único que hai que facer é abrir o bote, baleirar o preparado nunha tixola e quentalo mentres se baten os ovos cos que se mesturará para facer a tortilla. Así de sinxelo. A de caldo é unha das seis variedades de tortilla que preparan en Campivil; haina tamén de pataca con cebola, de pataca con verduras, de pataca con boletos edulis de pataca con grelos e de pataca soa.

“Fomos pioneiros na comercialización de estrugas”

As últimas invencións de Champivil xurdiron de colaboracións con outra xente. Xunto a Martín Álvarez, profesor de cociña e responsable do Museo da Ortiga de Celanova, a empresa chairega foi pioneira na comercialización de estrugas hai agora un ano. As ortigas son unha planta moi común no campo galego e que ten un alto valor nutritivo, semellante ao das espinacas, ricas en iodo e en cinc e con vitaminas A, B, C, e D. Necesitan terreos húmidos e por iso en Galicia abundan.

Esta planta posúe propiedades diuréticas e estimulantes para a pel que a fan recomendable fronte a moitas doenzas. Por exemplo, é boa para frear a alopecia, as hemorraxias e para a tiroide e está aconsellada para problemas renais. Até agora o seu uso culinario estaba pouco estendido, pero nos últimos anos estase a demostrar como un bo ingrediente para ensaladas e revoltos, polo que é un produto novidoso pero con moito futuro na gastronomía galega.

Na primavera é cando saen as ortigas novas, que son as que Champivil selecciona para envasar. As ortigas séganse e rípanselle as follas, que son as que se usan. Unha vez lavadas en varias augas, as follas escáldanse para que non resulten urticantes e déixanse arrefriar antes de envasalas para que endurezan. Unha vez metidas no bote, métense nunha máquina que fará o proceso de selado e na que pasarán 20 minutos a unha temperatura de 118 graos. Esa calor vailles acabar por sacar toda a acidez que tiñan inicialmente.

A finais deste mes sacarán ao mercado cervexas artesás de ortiga, grelo e trompeta dos mortos

Doutra colaboración sairá a finais deste mes o último dos produtos de Champivil, unha gama de tres cervexas artesás de ortiga, grelo e trompeta dos mortos. Aínda que se comercializará baixo a marca Castelo e a empresa de Vilalba será a que subministre parte da materia prima necesaria, da súa fabricación encargarase Pablo Casanova, que comezou a súa andadura como mestre cervexeiro caseiro no ano 1997 e foi o primeiro artesán galego da cervexa que obtivo o rexistro sanitario para a fabricación deste produto, no ano 2005, nas instalacións que a firma cervexeira Monte Rei ten na localidade ourensá de Estevesiños.

Luz Divina avanza que a máis sorprendente será a de trompeta dos mortos, porque esta variedade de seta dálle á cervexa unha cor negra semellante á Guiness. Haberá logo que probala.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información