Agricultura valora relaxar os requisitos para acceder a axudas da PAC

Unións Agrarias-Upa cuestiona a modificación da figura de agricultor activo, xa que considera que vai en contra da "profesionalización" da actividade agraria. Sostén que ese cambio beneficiará a "especuladores"

Agricultura valora relaxar os requisitos para acceder a axudas da PAC

O posible cambio da figura de agricultor activo preocupa no sector.

Para cobrar en España as axudas da Política Agraria Común (PAC) hai que ser agricultor activo. A normativa que define quen é agricultor activo especifica que un 20% dos ingresos da persoa deben provir da actividade agraria, sen contar as subvencións. Ese requisito xa era considerado bastante permisivo polo sector, polo que os plans do Ministerio de Agricultura para relaxar as esixencias acenderon as alarmas.

Unións Agrarias-Upa emitiu un comunicado no que se mostra “perplexo” por un borrador de real decreto que eliminaría requisitos para ser considerado agricultor activo e, por tanto, para acceder ás subvencións da PAC. Así, o borrador de decreto, orientado a concretar a aplicación da PAC no 2017, establece que unha persoa con menos dun 20% de ingresos agrarios poderá ser considerada agricultor activo se demostra que exerce a actividade agraria e asume o “risco empresarial” da actividade.

Inscripción no rexistro de explotacións
Agricultura tamén proxecta suprimir a esixencia de que o solicitante de axudas da PAC estea inscrito no rexistro de explotacións da súa comunidade autónoma, segundo cuestiona Unións.

Outra dos aspectos que preocupa á organización é que se queira eliminar a obriga de estar dado de alta no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) para acceder a dereitos de pago básico sobre pastos permanentes. “Estas disposicións van en contra da profesionalización da agricultura e dan pé a que especuladores sigan medrando á conta das axudas públicas da PAC”, cuestiona Unións Agrarias-Upa.

A organización remitiu alegacións ao Ministerio e oponse ao cambio da figura de agricultor activo. “Queremos que nos expliquen a que se deben estes cambios e que modifiquen de inmediato o borrador que nos remitiron”, advirten.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información