Agricultura presentará un informe trimestral sobre o cumprimento do acordo lácteo

O Ministerio establece un protocolo para evaluar a implementación do pacto asinado por distribución, industria e gandeiros

Agricultura presentará un informe trimestral sobre o cumprimento do acordo lácteo

O sector mantén opinións divididas sobre as perspectivas que se abren co acordo.

As organizacións que asinaron o acordo lácteo do 23 de setembro mantiveron un primeiro encontro, baixo coordinación do Ministerio, para evaluar a marcha do pacto. Na reunión, o secretario de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, solicitou un esforzo de industrias, distribución e gandeiros para que o mercado amose o antes posible os primeiros indicios de cambio de tendencia. Agricultura tamén anunciou onte que elaborará un informe trimestral para medir o cumprimento do acordo.

O Ministerio elaborou un protocolo de seguemento do acordo para valorar o grao de avances. A primeira das evaluacións de seguemento presentarase antes de fin de ano. De xeito previo á presentación dese informe, as organizacións asinantes do pacto volverán ter un novo encontro. No de onte, no que participaron a patronal das industrias (Fenil), as da da distribución (Asedas, Anged e Aces) e Asaja e Cooperativas Agroalimentarias pola parte do sector produtor, o Ministerio destacou o clima de traballo constructivo entre as partes.

Os maiores avances, segundo Agricultura, estanse a rexistrar na posta en marcha dun protocolo para evitar a venda do leite nos supermercados a prezos excesivamente baixos e para implementar un contrato tipo homologado de compra venda de leite no campo.

Valoracións do sector produtor
Entre tanto, no sector gandeiro continúan as opinións divididas sobre as perspectivas que se abren co acordo asinado en setembro. Desde unha das organizacións que non asinou o pacto, o Sindicato Labrego, fixeron unha rolda de prensa onte á mañá para calificar o acordo como “papel mollado” e para demandar unha reapertura das negociacións.

Distinta é a opinión doutras organizacións, como Unións Agrarias-Upa, que se ben tampouco asinou, é partidaria de dar un tempo ata comprobar se se producen avances a pé de campo.

Na Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), asonante do pacto a través de Cooperativas Agroalimentarias de España, o seu xerente, Higinio Mougán, considera que o acordo é o mellor que se puido lograr. “Todos sabemos o que queremos, pero a cuestión é ata onde nos poden dar. Temos o contexto internacional de prezos que temos e unha lexislación de competencia restrictiva que impide a negociación de prezos directa”, valora.

“Todos sabemos o que queremos; a cuestión é ata onde nos poden dar” (Higinio Mougán, Agaca)

Agaca valora que xa se rexistraron algúns avances, que se deberían seguir plasmando nos próximos meses. “O leite subiu nos supermercados ata os 59-60 céntimos, que é unha boa noticia porque pensamos que esa suba acabará chegando alomenos en parte ó produtor” -prevé Higinio-. “Polo de agora, no prezo do leite no campo, houbo movemento na parte baixa de prezos. Salvo casos puntuais, non temos xa gandeiros que cobren por baixo dos 25 céntimos. A maioría está nos 26-27 céntimos e as miñas perspectivas persoais son que haxa unha suba de alomenos un par de céntimos durante os próximos meses”.

A evolución do mercado internacional condicionará en parte as posibles melloras. Logo dun setembro e dunha primeira parte de outubro marcada pola recuperación das cotizacións internacionais, a última subasta de lácteos do Global Dairy Trade, a plataforma de Fonterra, rexistrou unha lixeira caída dos prezos. As perspectivas son de incertidume.

Situación de prezos nas industrias

O Sindicato Labrego presentou onte, na rolda de prensa que celebrou en Lugo, un balance dos prezos que están a pagar as distintas industrias. A organización critica que mentres subiu o prezo do leite no supermercado, as industrias seguen sen trasladar esas subas nos novos contratos. Este é o balance que fai o Sindicato Labrego:

– Entrepinares e Iparlat, entre as que máis subiron o leite, cun alza dun céntimo.

– Leche Celta: paga a 27’5 céntimos o litro, cando antes das mobilizacións pagaba a 27 céntimos.

– Larsa: paga a 25-26 céntimos de media, tendo en conta que utiliza a fórmula 80-20: 80% do leite a prezo de mercado e 20% a un prezo derivado da cotización internacional do leite. Antes das mobilizacións, quería introducir a fórmula 70-20-10, onde o 10% pagaríase a prezo de intervención pública.

– Leite Río, arredor dos 27 céntimos.

– Celega: 25,5 céntimos.

– Reny Picot, entre 24 e 26 céntimos, cunha fórmula 60-40, 60% a prezo de mercado e 40% a prezo de leite en po.

– Primeiros compradores (intermediarios), como Lácteos Deza, 22 céntimos.

O Sindicato Labrego tamén critica os impagos de varias industrias, como Lácteos Pérez (Santa Comba), que está en preconcurso de acreedores, segundo a organización agraria, e que mantén entre 4 e 5 meses de impagos ás explotacións que lle fornecen o leite. Tamén se detectan impagos entre as explotacións que traballan con Lácteos Ortegal. Ante esta situación, o SLG demanda do Ministerio que regule a figura dos primeiros compradores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información