Agricultura presenta o proxecto de revisión do paquete lácteo

O borrador da reforma prevé obrigar á comercialización en común do leite comprometido cunha organización de produtores. Implantarase un sistema de mediación voluntario entre gandeiros e industrias. Esixiráselle unha fianza de 150.000 euros ós primeiros compradores intermediarios

Agricultura presenta o proxecto de revisión do paquete lácteo

Fernando Miranda e Carlos Cabanas, do Ministerio de Agricultura, nunha reunión do sector lácteo. / Arquivo.

O paquete lácteo, un conxunto de medidas implantado no 2012 pola Comisión Europea, afronta unha nova revisión en España. O Ministerio de Agricultura presentoulle ao sector un borrador do decreto que reformará o paquete lácteo en aspectos como as organizacións de produtores, os contratos ou as normas sobre primeiros compradores intermediarios. O obxectivo é mellorar o funcionamento do sistema, que demostrou eivas nos últimos anos.

O chamado paquete lácteo naceu hai cinco anos coa intención de fortalecer a posición das granxas na cadea do leite por medio, principalmente, da creación de contratos e de organizacións de produtores (OPs). Eran dous instrumentos cos que se pretendía impulsar a negociación entre as industrias lácteas e as granxas, se ben, na práctica, o seu resultado foi desigual.

En Galicia, as dúas organizacións de produtores (OPs) existentes, Ulega, impulsada por Unións Agrarias, e Aprolac, polas cooperativas, non lograron ata o de agora ningunha negociación real coas industrias. Entre tanto, os contratos que as industrias lles trasladan ós gandeiros tampouco están a implicar unha negociación entre as partes na maioría dos casos.

Para correxir esa situación, as organizacións de produtores viñan reivindicando que se lle prohibira ás industrias negociar de xeito individual coas explotacións ligadas a unha OP. É unha das cuestións que recolle en principio o borrador de decreto proposto polo Ministerio. O documento, aberto ás alegacións e propostas do sector lácteo, sinala que a granxa inscrita nunha OP deberá emitir un mandato no que concrete as cantidades de leite comprometidas coa organización de produtores.

Unha vez emitido o mandato, o produtor non poderá negociar individualmente as condicións de contratación do leite. Con esta medida, búscase reforzar a posición negociadora das organizacións de produtores.

Sistema de mediación

Cando se poña en marcha un proceso de negociación entre unha organización de produtores e unha industria, se non houbese acordo nas condicións do contrato, e sempre e cando exista unha oferta por escrito, o Ministerio propón que ambas partes, “de mútuo acordo”, poidan acollerse a un sistema de mediación.

Fianza para primeiros compradores

Outro punto da reforma do paquete lácteo afectaralle ós primeiros compradores intermediarios que non sexan cooperativas. O borrador do Ministerio establece que os primeiros compradores intermediarios deberán depositar unha fianza de 150.000 euros co obxectivo de facerlle fronte a posibles impagos as súas granxas proveedoras.

Esa fianza será executada pola Administración en caso de que sexan denunciados e verificados casos de impagos.

Tamén se lle esixirá ós primeiros compradores que informen sobre as cantidades que lle venden a cada comprador e sobre o prezo de venda, a fin de que o Ministerio dispoña de tódolos datos de prezos ó longo da cadea láctea. Ata o de agora, a Administración tiña información dos prezos de venda entre gandeiros e industrias ou primeiros compradores, así como dos prezos de venda das industrias ás cadeas de distribución e dos prezos de venda no punto final. Quedaban na escuridade os prezos que lle pagaban as industrias ós primeiros compradores.

Valoracións
As primeiras valoracións sobre a proposta de revisión do paquete lácteo chegaron de Unións Agrarias, que trasladou nunha rolda de prensa un avance das súas alegacións.

En primeiro lugar, Unións considera que o sistema de mediación proposto polo Ministerio é insuficiente. “O borrador de decreto di que ten que haber acordo entre as partes para que a mediación se chegue a producir, polo que a industria pode dicir que non se acolle á mediación. Tampouco se trata dunha mediación vinculante. Se o mediador falla a favor da organización de produtores, a industria pode facer caso omiso”, cuestiona Óscar Pose, responsable de Servizos de Unións, que interviu na rolda de prensa xunto a Javier Iglesias, responsable de Vacún de Leite.

A organización aspira tamén a unha maior concreción de quen ten que desempeñar a labor de mediación. “En Francia, a mediación leva tempo funcionando doutro xeito. Encárgase dela un funcionario de Facenda e a mediación obriga as dúas partes a chegar ós acordos que marque a mediación”, destaca Pose.

Outro dos puntos a correxir sitúao Unións nos contratos entre industrias e gandeiros. “Agora mesmo os contratos móvense na lei da selva, con primas e penalizacións arbitrarias, polo que sería preciso un maior consenso e que non se utilicen para reducirlle o prezo ós produtores”, demanda a organización agraria.

Desde Unións critican tamén a fianza que se lle esixirá ós primeiros compradores intermediarios, pois 150.000 euros, valoran, non chegan nin para facerlle fronte a un mes de débedas dalgúns operadores. “150.000 euros é a metade do aval que tiñan que depositar os primeiros compradores para facerlle fronte a posibles supertaxas”, comparan.

Por último, sobre a reforma que obrigaría ás explotacións socias dunha OP a comprometer a comercialización de cantidades do seu leite coas organizacións de produtores, Unións considera que se trata dun avance, se ben é partidaria de que todo o leite dos socios dunha OP se teña que negociar a través da organización de produtores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información