Agricultura estuda coa Interprofesional límites á produción de leite

O Ministerio advirte de que a medida non se poría en marcha antes de “dous ou tres meses”. Traballarase a partir de agora sobre posibles modalidades de aplicación

Agricultura estuda coa Interprofesional límites á produción de leite

Reunión da Interprofesional co Ministerio.

A alternativa aberta pola Comisión Europea para que organizacións de produtores, cooperativas ou interprofesionais establezan límites temporais á produción de leite xa está en estudo en España. O secretario xeral de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, mantivo un encontro coa Interprofesional Láctea, na que están representadas organizacións agrarias, cooperativas e industrias, para valorar a posibilidade de regular a produción no Estado.

Agricultura entende que o desaxuste entre oferta e demanda é un problema que está agravando a crise láctea, polo que é partidaria de analizar as posibles vías para limitar a produción con carácter temporal nun periodo que non sobrepasaría os 6 meses. A Interprofesional estivo de acordo en explorar esta vía e hai un compromiso firme de deseñar un procedemento para regular a produción en España.

Ó remate da reunión, celebrada onte, Carlos Cabanas advertiu de que en todo caso a medida non estaría lista para a súa aplicación antes de 2 ou 3 meses. Agricultura e a Interprofesional están pendentes das reunións do comité de xestión da Comisión Europea nas que se deseñarán as directrices para aplicar a regulación da produción.

O encontro de onte serviu tamén para que Cabanas informase á Inteprofesional do resto de medidas acordadas pola Comisión Europea en relación á crise láctea, como o aumento dos volumes de leite en po e manteiga que se intervirán a prezo fixo ou o aumento das axudas que Bruxelas autorizaría a cada Estado para paliar a crise.

Por último, Cabanas informou ó sector de que o decreto sobre cesión de prezos do leite entre industria e distribución prosegue a súa tramitación coa incorporación das observacións da Comisión Nacional de la Competencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información