Agricultura avoga por non autorizar feiras locais de alimentos

O ministro Luis Planas considera que nos supermercados existen "maiores garantías sanitarias" para os consumidores e que pode haber un maior control do aforo que evite aglomeracións

Publicidade
Agricultura avoga por non autorizar feiras locais de alimentos

Mercado de Teo en meses pasados.

A celebración das feiras locais de alimentos, nas que multitude de agricultores venden os seus produtos tódalas semanas, está a verse seriamente afectada polo coronavirus. Tanto o Sindicato Labrego como a Fruga pediron na última semana a autorización dos mercados de proximidade, unha cuestión que incluso tivo o respaldo da Xunta, pero o ministro de Agricultura, Luis Planas, vén de pronunciarse en rolda de prensa contra a celebración de feiras locais de alimentos.

En resposta a unha pregunta da organización agraria UPA, Planas avogou por non autorizar feiras locais de alimentación, no marco das restriccións dictadas no Real Decreto do estado de alarma. “Para os consumidores, hai máis garantías sanitarias e de control do aforo nun supermercado que nunha feira local, na que se poden producir aglomeracións”, sostivo o ministro.

Indignación nos produtores pola cancelación do mercado de Teo

O Mercado do Alimento Labrego, que cada sábado se celebra en Teo (A Coruña), acaba de sumarse á lista de mercados e feiras de proximidade que se suspenden con motivo da crise do coronavirus. Pese ás peticións de diferentes entidades agrogandeiras, como o Sindicato Labrego Galego (SLG), para que estas actividades continúen, xa que son punto de venta de produtos de primeira necesidade, cada vez son menos os mercados de alimentos de proximidade que se están a celebrar.

No caso do Mercado do Alimento de Teo, tal e como informou o Sindicato Labrego, estaba previsto que se celebrase este pasado sábado, logo de que os produtores contaran cunha orde do Concello referente ás medidas de seguridade e hixiene que debían adoptarse. Porén, a menos de 24 horas a Garda Civil advertiu á Administración Local que non estaba permitido desenvolver actividades de venda directa, polo que se suspendeu.

“Con esta cancelación de última hora estase a privar ós consumidores dun produto local de calidade, seguro e respectuoso co medio, mentres nos supermercados de todo o estado se suceden as aglomeracións”, recriminan os produtores deste mercado. Ademais, quixeron agradecer á clientela a súa fidelidade á par que informaron que continuarán co servizo a domicilio e “volveremos instalar os nosos postos no mercado en canto se nos autorice”, aseguran.

A decisión de evitar a celebración destes mercados de alimentación de proximidade chega despois de que a Consellería de Medio Rural lle trasladara ó Ministerio a súa aposta por permitir a venda ambulante e en feiras locais para as persoas que se dedican á distribución de produtos alimentarios de proximidade. Tamén se incluían os vexetais, tanto ó por maior como ventas a particulares para a plantación de hortas. A Consellería apelaba a permitir a celebración de mercados municipais, só de produtos básicos de alimentación e respectando as distancias para evitar aglomeracións.

“Os mercados de alimentos de proximidade comercializan produtos e primeira necesidade e fano nunhas condicións máis idóneas que os supermercados ou os comercios en locais pechados, sen aglomeracións e ó aire libre”, defenden dende o Sindicato Labrego.

Outros mercados locais de alimentos

Ó igual que o mercado de Teo hai outros moitos mercados municipais en Galicia que se prohibiron polo estado de alarma e que, segundo apuntan dende o SLG contradín as recomendacións da Comisión Europea e mesmo as indicacións do goberno estatal. Mentres, noutras comunidades como Valencia a propia Delegación do Goberno permite continuar coa venda ambulante de produtos de primeira necesidade, como a alimentación e a droguería relacionada coa hixiene e limpeza.

Nalgúns casos, mesmo se está solicitando ós Concellos que manteñan os postos de agroalimentación nos mercados municipais, xa que é unha medida para garantir o abastecemento alimentario da cidadanía. Así o están entendendo, por exemplo nas Illas Baleares.

En Galicia tamén hai municipios nos que se están mantendo estes mercados de proximidade, como é o caso de Allariz (Ourense), onde o pasado sábado celebraban como é habitual o chamado Mercado da Biosfera, centrado en produtos de alimentación de proximidade. Porén, suspenderon as feiras que se celebran dúas veces ó mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información