Agricultura anuncia unha supertaxa duns 11 millóns de euros que afectará a 150 gandeiros

España pechou a última campaña láctea cunhas 40.000 toneladas de sobrepasamento, segundo os datos provisionais do Ministerio

Agricultura anuncia unha supertaxa duns 11 millóns de euros que afectará a 150 gandeiros

Un decreto facilitará o pago da supertaxa en tres anos, sen intereses.

A campaña láctea 2014-2015, a última na que estivo en vigor o sistema de cotas lácteas, concluiu en España cun sobrepasamento dunhas 40.000 toneladas, segundo as estimacións provisionais do Ministerio de Agricultura. Ese sobrepasamento xerará unha sanción, coñecida como supertaxa, duns 11 millóns de euros. Agricultura estima que a multa afectará a arredor de 150 gandeiros que produciron moi por riba do seu cupo.

A última campaña do sistema de cotas iniciouse na primavera do 2014 co sector en plena preparación para o mercado libre que se aveciñaba. Os primeiros meses do exercicio estiveron marcados polos fortes aumentos da produción, unha circunstancia que axiña acendeu as alarmas pola posible supertaxa que se podería xerar.

Conscientes do problema, a maior parte das explotacións levantaron o pé do acelerador e foron reducindo entregas, ata o punto de que os dous últimos meses da campaña, que rematou o 31 de marzo, pecháronse con entregas inferiores ás dos mesmos meses do periodo anterior.

Reparto da multa
Con todo, a produción final en España ascendeu a 6.540.000 toneladas, segundo os datos provisionais de Agricultura, o que supón un sobrepasamento de 40.000 toneladas. ¿Como se repartirá ese sobrepasamento entre os gandeiros?

Os datos de Agricultura de febreiro apuntaban a que arredor dunha terceira parte dos produtores pecharía a campaña con maiores entregas das que tiñan autorizadas. Sen embargo, esas entregas por riba do cupo compénsanse en gran medida cos dereitos de produción que deixaron ‘libres’ as explotacións que produciron por baixo da súa cota, co cal, ó final, serán moi poucos gandeiros os que se vexan afectados pola supertaxa, uns 150, segundo os cálculos iniciais de Agricultura, menos do 1% do total.

A multa recaerá en explotacións que produciron sen ningún control. En Galicia podería haber arredor dun cento de afectadas

A sanción, a razón de 27,83 céntimos por quilo de sobrepasamento, recaerá en especial en explotacións que produciron sen ningún control, coma se o sistema de cotas non fose con elas. En febreiro, o Ministerio tiña computados 453 gandeiros -300 en Galicia- que xa entregaran máis do dobre do volume de leite que tiñan autorizado. Con toda probabilidade, a maioría dos produtores afectados pola supertaxa estarán entre esas explotacións. Extrapolando eses datos, en Galicia podería haber arredor dun cento de gandeiros con supertaxa.

Facilidades nos pagos
O Ministerio de Agricultura ten previsto publicar un real decreto para facilitarlle o abono da supertaxa ás explotacións afectadas, que poderán facer un pago escalonado en tres anualidades (2015, 2016, 2017), sen ter que abonar intereses.

Polo de agora, Agricultura aínda está a elaborar o listado de produtores con supertaxa e a calcular as cuantías as que deberán facer fronte. De media, os 150 gandeiros multados terán que afrontar arredor de 75.000 euros de sanción.

Prezos medios
En marzo, o prezo medio do leite en España seguiu baixando e situouse en 32,3 céntimos, fronte ós 32,7 de febreiro. Galicia, un mes máis, continúa na cola das autonomías, cun prezo medio de 30,3 céntimos, fronte ós 30,6 de febreiro. Chama en especial a atención a comparativa do prezo galego co prezo de Asturias, de 34,2 céntimos.

Informe do Fondo Español de Garantía Agraria sobre a produción da campaña 2014-2015

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información