Agricultura anuncia que os custos de produción determinarán o prezo nos contratos agrarios

O Ministerio prevé modificar a Ley de la Cadena Alimentaria para impoñer o factor de custos como condicionante dos prezos no campo. Fará públicas as sancións que dicte no futuro, tal e como pedía o sector desde hai anos

Agricultura anuncia que os custos de produción determinarán o prezo nos contratos agrarios

Os contratos do leite incluirán no futuro custos de produción das granxas, segundo anuncia o Ministerio.

A crise xeral de prezos que atravesan grandes sectores agrarios coma o olivareiro ou o hortofrutícola están a obrigar ó Ministerio a mover ficha en dúas direccións. Unha, a das negociacións inmediatas con cadeas de distribución, organizacións agrarias e gobernos autonómicos. A segunda, cambios lexislativos para correxir a formación de prezos no campo.

Na liña lexislativa, o secretario de Agricultura do Ministerio, Fernando Miranda, anunciou hoxe que se modificará a Ley de la Cadena Alimentaria para “impoñer a obrigatoriedade da inclusión dos custos de produción como factor para o establecemento de prezos nos contratos agrarios”, unha cuestión que xa se está a abordar en contratos agrarios doutros países europeos.

A modificación da Ley busca evitar a destrucción de valor dos produtos agrarios ao longo da cadea. Tamén se prevé darlle publicidade ás sancións a empresas que incumpran a normativa nos contratos cos agricultores e gandeiros. Esta é unha cuestión que as organizacións agrarias viñan reivindicando desde hai anos, de cara a que exista tamén unha presión de imaxe pública para as empresas, a parte das sancións económicas.

Grupo de traballo do sector lácteo
Tras unha reunión do Observatorio da Cadea Alimentaria, o secretario de Agricultura do Ministerio, Fernando Miranda, anunciou ademais a creación de grupos de traballo de tódolos sectores agrarios, priorizando o aceite, as froitas e hortalizas e o sector lácteo. O obxectivo é crear grupos de traballo que estuden a cadea de valor de cada sector, de xeito que eses estudos poidan servir de base para determinar os custos de produción no campo, unha cuestión clave nos futuros contratos agrarios.

Queda por ver se o Ministerio reactiva ou non a comisión de seguemento do Acordo Lácteo, que só tivo unha reunión no último ano. Desde Unións Agrarias xa pediron unha convocatoria urxente da comisión para buscar un acordo inmediato coas cadeas de distribución. Entre tanto, convocaron unha mobilización na Coruña para o próximo 19 de febreiro e valoran tractoradas ante os supermercados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información