Agricultura abre 110 expedientes na cadea alimentaria

A Axencia de Control e Información Alimentaria realizou 555 inspeccións desde xaneiro do 2014, das que 80 corresponden ó leite. O organismo lembra que non investiga a ‘venda a perdas’

Agricultura abre 110 expedientes na cadea alimentaria

Leite semi a 56 e enriquecida a 66 céntimos, este ano nun supermercado galego.

O control gubernamental sobre a cadea alimentaria saldouse coa apertura de 110 expedientes sancionadores desde xaneiro do 2014, se ben a principal reclamación do sector produtor, a venda a baixos prezos do leite e doutros produtos agrarios, non é investigada nin sancionada pola Axencia de Control e Información Alimentaria (AICA), que lembra que non ten competencias na materia. A AICA, dependente do Ministerio de Agricultura, está a facer un exhaustivo seguemento sobre cuestións coma os prazos de pago ou a existencia de contratos entre os distintos operadores, pero no sector produtor interprétase que o seu labor está a quedar a medias.

A Axencia de Control Alimentario iniciou a súa actividade en xaneiro do 2014 para velar polo cumprimento da Ley 12/2013 de la Cadena Alimentaria. Desde entón e ata o 30 de abril, a Axencia realizou un total de 555 inspeccións e abriu 110 expedientes sancionadores. Deses expedientes pecháronse 23, con 9 sancións; en tanto os 87 casos restantes están en fase de alegacións.

A AICA recibiu 78 denuncias, 40 delas correspondentes ó sector lácteo

Case todas as sancións se deberon a que as empresas non contestaron ós requerimentos da AICA, salvo dúas multas motivadas pola falta de contrato.

A maiores das inspeccións realizadas de oficio, a Axencia comproba as denuncias recibidas. Desde xaneiro do pasado ano e ata o 30 de abril do 2015, chegaron á AICA 78 denuncias, 40 delas correspondentes ó sector lácteo. Das denuncias recibidas, 57 están en investigación, 13 foron desestimadas e abríronse 3 expedientes sancionadores, un xa concluido cunha infracción leve por non contestar a empresa ós requerimentos do organismo.

En total, xa que logo, a AICA propuxo polo de agora 10 sancións, das que 7 afectaron á distribución minorista e 3 á maiorista.

Denuncias por vendas a perdas
Un dato a destacar das denuncias recibidas pola Axencia é que o 45% delas se corresponde coa comunicación de posibles vendas a perdas de produtos agroalimentarios nas cadeas de distribución. A Axencia, no balance de resultados que vén de presentar, advirte de que non ten competencias para investigar a venda a perdas, prohibida pola Ley del Comercio Minorista, pero non pola Ley de la Cadena Alimentaria.

Ante esta situación, a AICA actúa trasladándolle toda a información ós correspondentes gobernos autonómicos, con competencia na materia. Ata agora, Agricultura envioulle 260 comunicacións ás consellerías autonómicas para que investiguen estas prácticas e apliquen as sancións oportunas, de ser o caso.

O Ministerio envioulle 260 comunicacións ós gobernos autonómicos sobre posibles casos de vendas a perdas

Entre o sector produtor, hai reticencias a esa delegación das sancións nas autonomías, pois enténdese que algúns dos grandes polos de consumo, caso de Madrid, poden ter máis en conta o beneficio que supón para o consumidor un baixo prezo antes que o perxuízo que provoca nos produtores. Polo de agora só se coñecen sancións por vendas a perdas en Murcia e Cantabria.

En Galicia denunciouse recentemente a venda de leite a 50 céntimos nunha cadea de supermercados, sen que por agora trascendese ningunha actuación ó respecto. A AICA adoita resolver os expedientes nunha media de 5 meses, un prazo moi inferior ós 12 meses de marxe que ten por lei.

Inspeccións por sectores
Das 555 inspeccións realizadas pola AICA, 352 foron no sector de froitas e hortalizas, 87 no aceite de oliva, 80 no leite e 36 na carne de polo.

A actividade inspectora do organismo céntrase nos maioristas -principalmente nos de froitas e hortalizas-, que acumulan o 72% das inspeccións. O segundo polo de control son as cadeas da distribución comercial (hipermercados, tendas de desconto, supermercados, etc.), co 24% do total. Industria agroalimentaria, co 2%, e produtores, con outro 2%, completan o labor do organismo.

A maioría dos expedientes abríronse contra maioristas e distribución. Hai un caso contra unha industria láctea

Os expedientes sancionadores abertos a raíz das inspeccións manteñen porcentaxes similares. Dos 110 expedientes abertos, 79 correspóndense a maioristas, 27 á distribución comercial, 2 a produtores de froitas e hortalizas e 2 a industrias agroalimentarias, unha de carne de polo e outra de leite.

O 80% dos expedientes débese ó incumprimento de prazos de pago e/ou á falta de contratos, en tanto os restantes casos veñen motivados sobre todo pola falta de resposta ós requerimentos da Axencia.

Máis información
Informe completo da actividade inspectora da AICA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información