AGAGA impulsa a oferta en conxunto do leite das cooperativas primeiro compradoras

Dende as cooperativas galegas critican a demora do Ministerio en publicar e que entre en vigor o Decreto de prezos de cesión, así como o contrato homologado entre primeiros compradores e industria.

AGAGA impulsa a oferta en conxunto do leite das cooperativas primeiro compradoras

Asemblea de AGACA

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) está a impulsar “unha acción conxunta e unitaria entre todas as cooperativas leiteiras socias” para facer unha oferta conxunta á industria do leite que comercializan como primeiro compradoras.

Actualmente unhas 600.000 toneladas de leite, aproximadamente o 20% da produción láctea de Galicia, é comercializado por unha vintena de cooperativas primeiro compradoras que actúan de intermediarias entre os gandeiros socios das cooperativas e a industria.

Sen embargo, a difícil situación pola que atravesan os produtores lácteos -cun mercado español e europeo desregulado-, está a castigar especialmente ás cooperativas primeiro compradores, con algunha, como Codegui, á que a industria lle vai deixar de recoller o leite.

“Queremos actuar sobre a oferta, pero a figura non ten por qué ser unha organización de produtores”

Neste sentido, a reacción de AGACA é impulsar a oferta en conxunto á industria do leite destas cooperativas, para lograr maior capacidade de negociación de prezos para os gandeiros asociados. “Sería unha solución a curto prazo para os próximos dous ou tres anos, non estamos a falar de proxectos industriais”, sinalan fontes de AGACA, ao tempo que precisan que “a ferramenta xurídica para actuar sobre a oferta non ten porqué ser unha organización de produtores”.Hay que lembrar que AGACA impulsou a súa propia organización de produtores, Aprolac, inactiva ao igual que a outra creada en Galicia, Ulega, esta última promovida por Unións Agrarias.

“O propósito a alcanzar -explica AGACA a través dun comunicado- é o fortalecemento das cooperativas ante a anemia que padece o mercado, a inacción do Ministerio e un Acordo Lácteo a medio desenvolver e aplicar que, así, non resulta nin operativo, nin axeitado para o sector lácteo de España”.

Críticas ao Ministerio pola non aplicación do Acordo Lácteo no seu conxunto

En concreto, dende AGACA critican que “o Acordo Lácteo a medio implantar desequilibra a balanza en contra dos intereses dos primeiros compradores lácteos”, caso das cooperativas.

“O Ministerio non actuou sobre a parte difícil do acordo lácteo: prezos de cesión e contratos entre industrias e primeiro compradores”

“O Ministerio actuou con moita hipocrisía co acordo lácteo pois só desenvolveu a parte fácil pero non a difícil, que son os prezos de cesión e os contratos homologados entre industrias e primeiros compradores como as cooperativas, algo que é urxente desenvolver e que entre en vigor”, denuncian fontes das cooperativas galegas. “De continuar así, poden producirse máis impagos do leite aos gandeiros”, advirten dende AGACA.

Ademais, dende esta asociación reclaman que “o Ministerio aborde unha modificación da figura das Organizacións de Produtores para facelas efectivamente reguladoras nun mercado libre e sen excedentes puntuais”.

AGACA pide a “implicación total” do Goberno galego ante a difícil situación que se aveciña

Por último, AGACA advirte de que a difícil situación actual aínda pode agravarse xa que “os primeiros compradores galegos están recibindo mensaxes claras por parte dalgunhas industrias: de cara á primavera, estas serán incapaces de asumir a totalidade do leite producido e non descartan que quede leite sen recoller e transformar”.

O problema vese incrementado ao superar nun 20% o leite que se transforma fóra de Galicia. A este respecto, dende AGACA advirten de que “non sería algo inimaxinable que Gobernos doutras CCAA esixan, á dita industria, dar prioridade á recollida e transformación do leite da propia Comunidade Autónoma”.

“Por iso, demandamos unha implicación total do Goberno Galego na defensa do mercado”, conclúe a asociación galega de cooperativas agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información