Agaca súmase a unha rede europea para promover a innovación no sector lácteo

O proxecto, no que participan 10 granxas piloto de Galicia, busca mellorar a eficiencia de recursos e a situación socioeconómica das explotacións. Colaboran na iniciativa o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e o Ligal

Agaca súmase a unha rede europea para promover a innovación no sector lácteo

Presentación de Eurodairy en el Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Como serán as granxas de leite do futuro? Vinte entidades europeas de 14 países están a traballar en conxunto para analizar as liñas de innovación que son rendibles e beneficiosas para as explotacións. En Galicia, é socia do proxecto a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que conta para as tarefas de investigación coa colaboración do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

A iniciativa presentouse nunha xornada en Mabegondo na que se expuxeron as principais liñas de actuación. O obxectivo básico céntrase en mellorar a eficiencia dos recursos das explotacións, así como a súa situación socioeconómica.

A partir dos 300 días de lactación, as vacas empeoran a relación entre a cantidade de alimento inxerido e o leite que producen


Eficiencia de recursos

A mellora da eficiencia pasa por traballar en cuestións como a alimentación de precisión, o correcto aproveitamento do nitróxeno e do fósforo, a eficiencia enerxética ou a redución da pegada de carbono. O investigador do CIAM César Rech desgranou, a modo de exemplo, algúns aspectos de alimentación nos que se pode mellorar.

Así, Rech expuxo datos de control leiteiro nos que se amosa a evolución dos días de lactación en Galicia, que de 300 días hai 20 anos pasaron a 365 días de media. As investigacións, sen embargo, demostran que a partir dos 300 días de lactación aumenta a cantidade de materia seca que inxire a vaca por litro de leite producido, polo que a tendencia a alongar a lactación que se dá en Galicia hai que poñela en cuestión.

Granxas piloto
Dez explotacións galegas participan no proxecto como granxas piloto xunto a outros 110 produtores do resto de Europa. Á hora de seleccionar os participantes galegos na rede, Agaca buscou elixir explotacións que presentaran un manexo moi diferente. Hai dúas grandes explotacións cun manexo en intensivo, dúas explotacións en ecolóxico e, entre medias, granxas en pastoreo e outras intensivas no aloxamento do gando pero extensivas en canto á produción de forraxes propias.

A mellora do coidado animal e da conservación da biodiversidade son outras cuestións que se consideran de importancia para o futuro

Xunto coa mellora no uso de recursos e na situación socioeconómica das gandeirías, o proxecto Eurodairy abordará tamén a conservación da biodiversidade e o coidado animal. Cuestións como a redución do uso de antibióticos, o benestar animal ou novas técnicas de aloxamento son de interese tanto a nivel de produción como tendo en conta a previsible evolución das políticas públicas. Rech recordou ademais a importancia de coidar a percepción social sobre a produción láctea.

Interviu tamén na presentación do proxecto o director xerente do Ligal, Roberto Lorenzana, que recordou que o centro que dirixe ten a investigación entre os seus cometidos fundacionais. O Ligal é coñecido no sector polas súas funcións de análise do leite para os pagos por calidade, pero o seu traballo vai máis alá.

En canto ó proxecto Eurodairy, Lorenzana incidiu na importancia de usar unha mesma metodoloxía e idénticos indicadores a nivel de toda Europa, de xeito que haberá unha cooperación entre todos os socios á hora de identificar as mellores prácticas. A transferencia dos resultados ó sector produtor é outro dos aspectos de importancia que contempla o proxecto Eurodairy.

Iniciativas locais
Desde Agaca quérense impulsar iniciativas locais de innovación a partir dos traballos que se vaian desenvolvendo no proxecto, se ben a Asociación lamentou nas xornadas de onte a falta de financiación por parte da Consellería do Medio Rural. “Denegáronnos axudas do Plan de Desenvolvemento Rural para este proxecto, que é algo que non entendemos, sendo a innovación do sector lácteo unha prioridade para Galicia”, lamentouse desde Agaca.

Á clausura das xornadas estaba prevista a asistencia da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que finalmente non puido asistir por problemas de axenda. En Mabegondo esperábanlle tanto as peticións de Agaca como o malestar que hai no propio Centro pola perda de ata un terzo do seu persoal investigador nos últimos anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información