AGACA lidera un proxecto con cooperativas de España, Francia e Portugal que buscan abrir mercado en China e EEUU

Avanzarán en estratexias de márketing dixital e proxectos piloto de internacionalización. O orzamento supera o millón e medio de euros, financiado nun 75% polo Feder

Os participantes no proxecto Agrosmart global, este martes co conselleiro de Industria, Francisco Conde

Os participantes no proxecto Agrosmart global, este martes co conselleiro de Industria, Francisco Conde

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias ( AGACA) lidera o proxecto europeo AGROSMARTglobal, que facilitará a internacionalización de produtos de cooperativas de España, Francia e Portugal aos mercados de China e Estados Unidos mediante estratexias dixitais.

AGROSMARTglobal é un proxecto europeo cofinanciado polo Programa InterregSudoe 2014-2020 dentro do eixo prioritario de fomentar a competitividade e a internacionalización das pemes do Suroeste europeo. Conta cun orzamento total de 1.598.000,00 € e está cofinanciado, nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto contempla, entre outros resultados o establecemento de relacións comerciais con China e Estados Unidos e o desenvolvemento de estratexias de marketing dixital, programas formativos e proxectos piloto de internacionalización.

As dez rexións do espazo europeo SUDOE que abarca o proxecto son, en España: Galicia, Castela-A Mancha, País Vasco e A Rioxa; en Francia: Nova Aquitania e en Portugal: Norte, Algarve, Centro, Lisboa e Alentejo.

Potenciar a presenza no mercado online de produtos agroalimentarios

As principais actividades de AGROSMARTglobal, que finaliza en setembro de 2022, desenvolveranse ao redor de tres vertentes. Por unha banda potenciarase a capacidade de diferenciación dos produtos das cooperativas agroalimentarias e tratarase de definir medidas para protexer e promover as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e as Denominacións de Orixe (DOP) nos mercados dixitais. Doutra banda, crearanse servizos de apoio á internacionalización dixital, a través dunha plataforma online onde acceder a ferramentas TIC e servizos de consultoría. Tamén se traballará coas cooperativas para desenvolver estratexias de márketing dixital para introducir e posicionar os seus produtos en plataformas de comercio dixital B2 B e desenvolver misións comerciais a China e Estados Unidos onde establecer lazos empresariais.

José Montes, presidente de AGACA destaca o impacto social do proxecto: “Enfrontámonos ao maior cambio visto en materia de vendas en mercados locais e internacionais, as novas tecnoloxías democratizan o acceso a alimentos de calidade e as cooperativas deben estar aí para achegar ese valor aos nosos pobos e zonas rurais e que o valor non quede en intermediarios.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información