AGA organiza un curso básico de apicultura

AGA organiza un curso básico de apicultura

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) organiza un curso básico de apicultura, cunha parte teórica que se impartirá online a través de internet, e unha parte práctica que será presencial. Esta actividade está dirixida a persoas que queiran iniciarse ou actualizar coñecementos, que incluirá tamén prácticas presenciais durante o verán.

Debido á cancelación do programa de formación proposto para esta primavera, preparouse este formato alternativo para poder seguir ofertando esta formación tan demandada tódolos anos. O curso combinará a teoría online, a partir do 27 de maio cun mes de duración, e prácticas en apiarios durante o verán, nas que se seguirán as pautas indicadas polas autoridades sanitarias para protexerse ante o COVID-19. O prazo para inscribirse remata o 22 de maio.

O prezo é de 50 euros e de balde para os socios e socias de AGA. Máis información chamando ao 981 508 142, escribindo ao email info@apiculturagalega.es ou na web www.apiculturagalega.es.

Día Mundial das Abellas

As  Nacións Unidas declararon o Día Mundial da Abella o 20 de maio co obxectivo  de concienciar á sociedade sobre a importancia no medio ambiente das abellas e a súa indispensable contribución á agricultura, alimentación e biodiversidade. Tamén esta xornada vai dirixida a denunciar as ameazas ás que se enfrontan as abellas na actualidade, entre elas o uso de pesticidas, os incendios ou a chegada de novos inimigos a causa da globalización, como por exemplo o tártago asiático (Vespa velutina), e polo tanto sensibilizar sobre a necesidade de protexelas.

AGA leva celebrando esta importante e necesaria cita tódolos anos nesta data con actividades principalmente para nenos e nenas en diferentes lugares de Galicia. Nesta ocasión, ante a imposibilidade de facelo de forma presencial, decidiu convocar igualmente ó público infantil a participar na celebración pero a distancia, enviando un debuxo sobre a importancia das abellas, que será publicado no facebook da asociación durante o Día Mundial das Abellas.

E como recompensa, os participantes poderán visitar o museo O Enredo do Abelleiro en Arzúa coa súa familia de balde e recibir un agasallo con produtos das abellas, para o cal AGA contará coa importante colaboración do Museo O Enredo do Abelleiro e a cooperativa Erica Mel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información