Africor desenvolve a primeira APP de España para consultar a produción láctea

Unha vez descargada a APP, non se necesita conexión a internet. Está dispoñible para dispositivos móbiles con sistema Android e tamén para Windows.

Africor desenvolve a primeira APP de España para consultar a produción láctea

Africor Lugo desenvolveu, en colaboración coa Diputación Provincial, a primeira aplicación para dispositivos móbiles (APP) activada en España que permite aos gandeiros consultar datos sobre a produción de leite das súas reses, co obxectivo final de facilitar a xestión das explotacións e aumentar a súa competitividade.

A APP ten dúas seccións: un apartado de acceso público e outro só aberto aos 1.700 socios de Africor Lugo, para que poidan acceder en tempo real aos resultados do Control Leiteiro e a consellos sobre reprodución, coa finalidade de mellorar a xenética da cabana e evitar a consanguinidade.

Para obter datos sobre cada un dos animais da explotación, o gandeiro só ten que introducir os últimos catro díxitos do crotal que levan as vacas nas orellas.

Unha vez descargada a APP, non se necesita conexión a internet

O director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, explicou que unha vez descargada a APP, os gandeiros poden obter a información que necesiten sen dispoñer de conexión a Internet. Esa circunstancia, pode ser realmente útil, engadiu, porque poderán consultar datos en zonas rurais con pouca cobertura ou ata dentro das cortes, onde poida que a cobertura tampouco sexa boa.

En canto ao apartado de acceso público, calquera usuario poderá atopar información de carácter xeral sobre o sector lácteo en Galicia, tanto sobre normativas e axudas públicas como sobre a venda de animais, o que tamén contribuirá, en opinión dos promotores desta iniciativa, a “dinamizar a compra de reses criadas nesta provincia”.

Dispoñible para Android e Windows

A aplicación xa se pode descargar de forma gratuíta no teléfono móbil, a través de Apple Store ou en Google Play –para os teléfonos que utilizan o sistema Android-, e está dispoñible tamén na tenda de Microsoft para dispositivos que utilizan o sistema operativo Windows.

O proxecto foi subvencionado pola Diputación de Lugo cunha axuda de 6.000 euros, unha cantidade que supuxo máis da metade do orzamento investido no desenvolvemento da APP.

A presentación da APP aos medios desenvolveuse en SAT Os Foros, no municipio da Pastoriza pero ao público en xeral e aos gandeiros de leite, en particular, seralles presentada de forma máis pormenorizada nas VIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, organizadas por Africor, que se desenvolven mañá na Facultade de Veterinaria de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información