Advirten de que coas treboadas multiplícase o risco de mildeu no viñedo

Publicidade
Advirten de que coas treboadas multiplícase o risco de mildeu no viñedo

Síntomas de mildeu no acio. Foto: Estación do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, advirte no seu aviso fitosanitario deste venres de que as condicións son extremadamente favorables para o mildeu en viñedo, polo que recomenda tratar tan pronto deixe de chover.

Aínda que as condicións de temperatura que se rexistraron estes días nas horas centrais non foron favorables á enfermidade (e máis ben deberían ter freado as infeccións ao limitar a vitalidade dos esporanxios), “a realidade -advirten dende Areeiro- é que a humidade relativa do aire tampouco foi baixa nas horas máis frescas, e ademais as tormentas que se están producindo implican condicións extremadamente favorables ao patóxeno a partir de agora”.

Por tanto, recomendan que “tendo en conta que a uva se atopa nun momento moi sensible á enfermidade, é necesario tratar tan pronto o permitan as precipitacións”.

No caso de ter tratado recentemente, aínda que teoricamente estea a viña protexida polo compoñente funxicida que non é de contacto, recordan que é fundamental comprobar a efectividade da intervención, confirmando que non aparezan novos síntomas e que nos antigos non aparecen zonas de avance

Naquelas viñas que presenten un exceso de vexetación débese ser máis coidadoso na aplicación para asegurar que o produto acade tamén os órganos que están máis encerrados na frondosidade

Oídio:
En canto ao oidio, recomendan que se se aplica algún outro tratamento neste momento, pódese engadir un funxicida antioídio. “Nos demais casos -engaden- só é preciso incrementar a vixilancia, xa que as choivas fortes que acompañan ás tronadas non favorecen ao fungo”.

O risco de oídio débese estimar, ademais de polas condicións climáticas, segundo a situación da parcela (son máis sensibles as pouco aireadas), os seus antecedentes e a variedade de uva dominante. Canto ás condicións ambientais, o patóxeno ten un desenvolvemento óptimo a temperaturas de 25 a 30 °C, e a un 40 a 100% de humidade relativa. “Choivas finas e luz difusa (por néboas ou nebulosidade) son favorables, e a partir de agora sabemos que entramos nun período no que soen ocorrer episodios con estas condicións”, advirten dende a Estación de Areeiro.

No caso de que houbese que realizar un tratamento e que volva haber temperaturas moi elevadas (que non están previstas para os próximos días), recorda que o xofre é fitotóxico a temperaturas superiores a 28-30 ºC

Botrite:
En canto á botrite, dende Areeiro informan de que non se observou estas semana síntoma algún desta enfermidade. Aínda así, advirten de que o incremento da humidade consecuencia destas tronadas incrementa o risco, en especial nas fincas onde aínda non se desprenderon os capuchóns florais.

“Por este motivo, convén revisar as viñas (sobre todo se hai variedades sensibles) despois destas choivas para comprobar o estado dos acios, e se se observa o micelio do fungo haberá que tratar”, recomendan os técnicos de Areeiro.

Enfermidades da madeira:

Brazo con sintomas de enfermedad de madeira

Brazo con sintomas de enfermidade de madeira

Nesta semana volvéronse observar síntomas de alteracións da madeira nalgunha parcela, “sen dúbida a consecuencia do estrés derivado das temperaturas altas rexistradas, e nunha finca mesmo atopamos secado dalgúns brazos”.

No caso de que o síntoma estea restrinxido, pode procederse despois da floración (e en tempo seco) a unha poda do brazo afectado, desinfectando moi ben a tesoira e aplicando un funxicida sobre o corte. Se non é así, aconséllase que xa se proceda ao marcado das plantas pensando en telas ben identificadas para o seu tratamento diferenciado no momento da poda invernal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información