Advirten da propagación do Black-rot polos viñedos de Galicia

Publicidade
Advirten da propagación do Black-rot polos viñedos de Galicia

Black rot en viñedo da provincia de Pontevedra. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir o seu boletín fitosanitario, no que informa da situación sanitaria dos viñedos na provincia e ofrece unhas recomendacións para o coidado das viñas.

Mildio

Nos días transcorridos desde o aviso anterior a climatoloxía foi a que nos ven acompañando desde hai semanas: temperaturas mínimas relativamente elevadas, na contorna dos 12-15 ºC practicamente todos os días; humidades relativas medias próximas ao 100%; moitas horas de humidade foliar e choivas alternando con períodos de claros con evidente ascenso térmico.

Estas condicións favorecen ao fungo do mildio e por iso recomendan que se renoven os tratamentos de ser preciso. Segundo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, nos próximos días continuará a inestabilidade atmosférica, pero en principio con certa baixada nas temperaturas mínimas ao inicio da semana e choivas de tipo chuvasco, en xeral de menor contía que en xornadas anteriores.

Con estas previsións os técnicos da Estación de Areeiro aconsellan que ”aínda que o risco poida ser menor que nos días pasados, segue a ser alto mentres non cambie a tendencia”. “Por estes motivos -subliñan-, a vixilancia das viñas debe ser máxima, co fin de renovar os tratamentos se hai síntomas novos ou, moi importante, frutificación ou zonas de avance nos antigos”.

Black-rot

Sen dúbida foi esta enfermidade a que máis avanzou, en canto á presenza de síntomas, nas viñas visitadas polos técnicos esta semana, “e do mesmo nos informaron outros técnicos e viticultores, non só de diferentes zonas de Pontevedra senón tamén de Lugo e Ourense”, aseguran.

En concreto, nas que visitaaron “o número de follas afectadas por planta foi superior ao observado ata agora practicamente en calquera campaña anterior, e mesmo nalgunha viña había síntomas no 30% delas”.

Os síntomas nas follas son manchas de cor parda-avermellada de forma circular ou lixeiramente poligonal bordeadas cunha liña marrón marxinal. As manchas obsérvanse sobre as dúas caras da folla e uns días despois de aparecer presentan uns puntiños negros que soen formar círculos e que corresponden á frutificación do fungo.

Nun inicio de campaña coma este, onde as temperaturas son suaves e as choivas continuadas, podíase esperar que máis tarde ou máis cedo houbera síntomas abundantes, e dado que parece que van continuar as precipitacións convirá estar moi alerta, porque os síntomas nas follas non soen revestir gravidade pero son a fonte de contaminación das inflorescencias e futuros froitos.

Por este motivo, dende a Estación de Areeiro recomendan que “convén aplicar un tratamento se observan nas súas viñas unha elevada densidade de manchas”. “Debido a que os produtos autorizados para o control desta enfermidade están entre algúns antimildio e outros antioídio, con esta potencial aplicación actuarían igualmente fronte a estas outras patoloxías”, explican.

Oídio

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro seguen sen observar evidencias desta patoloxía en ningunha das viñas que visitaron.

“Sabemos que algunhas delas non recibiron tratamento algún, e non coñecemos as aplicacións que poden levar o resto das que atopamos nos nosos percorridos pero a intensidade coa que están caendo algunhas choivas non favorecen ao fungo”, aseguran. Aínda así, lembran que hai que manter a vixilancia.

Botrite

Nas viñas que visitaron os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro non observaron síntomas, pero os ventos moderados ou fortes que se rexistraron algúns días pasados romperon varios pampos, e mesmo en viñas novas afectaron tamén a parte da madeira.

“Sabemos que entre as condicións preferidas polo fungo para as contaminacións está precisamente a presenza de feridas ou lesións ademais da temperatura e da precipitación, polo que é preciso incrementar a vixilancia”, advirten.

Pragas de artrópodos, caracois e lesmas

AREEIRO dano por caracoles AREEIRO_Os caracois esta primavera seguen sendo constantes

Nesta semana observaron un novo incremento de erinose nalgunhas viñas, pero o máis problemático é a proliferación de caracois e lesmas. “Volvemos referirnos a estes animais cuxa presenza, non só na viña senón tamén nas plantas de horta, é xeral neste inicio de campaña. Porén, no caso das vides adultas xa non hai que esperar danos polo bo desenvolvemento da vexetación a estas alturas, pero en plantas novas, máis próximas ao solo e polo tanto máis accesibles, hai que vixiar a evolución dos posibles síntomas”, aseguran.

Máis información sobre prevención e tratamento do Black Rot en viñedo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información