Adegas Terras Gauda prevé duplicar as súas exportacións a Estados Unidos

Publicidade
Adegas Terras Gauda prevé duplicar as súas exportacións a Estados Unidos

Bodega de Terras Gauda no Rosal

O Grupo Terras Gauda impulsa de forma cualitativa e cuantitativa o seu crecemento no mercado estadounidense subscribindo un exclusivo acordo de distribución comercial con Trinchero Familiy Estates, unha das referencias en importación de viños Premium, que representa a máis de 50 marcas internacionais recoñecidas de viños e bebidas espirituosas e é a segunda adega familiar máis grande do mundo. A compañía de Estados Unidos comercializa 20 millóns de caixas anualmente e conta cun persoal de máis de 1.000 traballadores.

A operación, que xa está en marcha, fraguouse durante o exercicio pasado e desenvólvese en dúas fases: na primeira, Trinchero Family Estates incluíu na súa carteira de distribución os viños de Terras Gauda e Quinta Sardonia, que empezarán a comercializarse baixo a súa distribución no mes de marzo. Na segunda, introducirá tamén os de Bodegas Pittacum e Heraclio Alfaro.

O Grupo Terras Gauda destina a exportacións en torno ao 34% da súa produción. Reino Unido, Noruega e Estados Unidos son os mercados de referencia no exterior. Con esta alianza estratéxica, a compañía prevé duplicar as vendas a este país nos próximos anos.

Unha alianza coa segunda adega familiar máis grande do mundo

A posición de privilexio de Trinchero Family Estates sustentouse na fidelidade a unhas raíces con 70 anos de antigüidade, que descansa sobre unha saga familiar chegada a EEUU desde Italia, e actualmente cedeu a testemuña á terceira e cuarta xeracións. Precisamente, nesta alianza primou o carácter familiar de Terras Gauda e a súa aposta pola diferenciación. A comezos da pasada década, Trinchero comezou un proceso de expansión asociándose con prestixiosos grupos de Francia, Australia, Nova Zelandia, Arxentina e Chile, entre outros países, que elaboran viños de alta gama.

A elección por parte da compañía orixinaria de Napa Valley do Grupo Terras Gauda para inaugurar o seu catálogo Premium significa unha oportunidade única para a súa expansión ao dispor dunha destacada presenza nas grandes cadeas de distribución de EEUU e tendas especializadas, sendo moi relevante tamén o seu posicionamento en restauración. En canto a prestixio, Terras Gauda compartirá portfolio con marcas recoñecidas en todo o mundo e terá acceso ás principais contas do país.

O presidente e director executivo de Trinchero Family Estates, Bob Torkelson, resaltou: “Aumentamos o noso portfolio con algunhas das adegas máis admiradas de España. Esta operación subliña o noso plan a longo prazo para dispor dunha oferta de viños Premium diversa e relevante”.

Pola súa banda, José María Fonseca, presidente do Grupo Terras Gauda, manifestou a súa satisfacción por ratificar esta alianza cun grupo familiar que basea o seu plan de expansión en asociarse con adegas que comparten a visión de elaborar viños únicos e diferenciados.

A filosofía do Grupo Terras Gauda, que imprime unha marcada singularidade e autenticidade a todos os seus viños, nos que se identifica a orixe e a procedencia, foi unha das claves na elección de Trinchero Family Estates.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información