A adega Terras Gauda reduce un 20% o uso de fitosanitarios e abonos grazas á informática

A análise e a interpretación de datos do software deseñado “ad hoc” por Seresco e a adega, implementado pola plataforma Cultiva, permite actuar de inmediato no viñedo optimizando a aplicación de abonos e tratamentos

Publicidade
A adega Terras Gauda reduce un 20% o uso de fitosanitarios e abonos grazas á informática

José María Fonseca Moretón, presidente do Grupo TERRAS GAUDA; Antón Fonseca, vicepresidente; Enrique Costas Rodríguez, director xeral; e Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Adegas TERRAS GAUDA

Terras Gauda conseguiu minimizar ata un 20% o impacto ambiental no viñedo á vez que avanzou na súa aposta polo I+D+i grazas ao desenvolvemento do proxecto europeo FOODIE durante os tres últimos anos. No marco deste estudo, deseñouse un software “ad hoc” para a adega, que analiza e interpreta en tempo real a información obtida por sensores instalados no viñedo, os datos solicitados dos satélites europeos e o rexistro de actividades actuais e de anos previos na viña.

Os resultados deste proxecto foron presentados este martes na sede da adega por parte de José María Fonseca Moretón, presidente do Grupo TERRAS GAUDA; Antón Fonseca, vicepresidente; Enrique Costas Rodríguez, director xeral; e Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Adegas TERRAS GAUDA

A viticultura de precisión é unha realidade en Terras Gauda despois de dúas campañas traballando co software e a plataforma Cultiva, cuxos beneficios se constataron en catro aspectos de vital importancia: unha maior sustentabilidade ambiental pola optimización dos tratamentos e abonos; mellora no rendemento das parcelas, tanto no potencial cualitativo como de produción da uva; a inmediatez na toma de decisións relativas á intervención no viñedo e unha maior eficacia na xestión dos recursos.

Un 20% menos de aplicación de fitosanitarios e un 15% menos de abonos

Consciente do valor da terra e da importancia da conservación da contorna, unha das cuestións que Adegas Terras Gauda primou co desenvolvemento deste proxecto é minimizar o impacto ambiental asociado á súa actividade no viñedo. Un obxectivo conseguido debido a que se axustaron ao máximo as necesidades de abonos e tratamentos. Ao dispoñer de recomendacións tan precisas, diminuíu nun 20% o número de aplicacións fitosanitarias e un 15% o emprego de abono. A estes logros hai que engadir un menor consumo de combustible da maquinaria necesaria para estas intervencións, co que se reduciron as emisións de CO2 á atmosfera e obtívose, ademais, unha maior eficacia na xestión de recursos e custos de produción.

Ao recoller, asimilar e interpretar a información en tempo real, a toma de decisións é inmediata. Ante unha incidencia no viñedo, actúase no momento, cando anteriormente transcorría un período maior desde que se detectaba a incidencia ata que se interviña.

Grazas aos datos achegados polos satélites, sensores e aos algoritmos de predición desenvolvidos por Seresco e a Misión Biolóxica-CSIC, Terras Gauda logrou mellorar o estado do viñedo en momentos clave como a floración, o callado do froito e a maduración, o que repercutiu de forma positiva na calidade, estado e produción da uva, posto que a plataforma achega recomendacións totalmente precisas e por parcelas para poder actuar segundo as necesidades de áreas de viñedo moi definidas.

Proporciona alertas temperás de meteoroloxía, maduración, incidencias na vide; achega indicadores de vigor, humidade, choiva acumulada ao instante; realiza unha análise da evolución histórica tendo en conta todas as variables: zonas, variedades, etc. Tamén establece o momento óptimo e a orde para vendimar e mesmo predicir a produción por parcelas.

Co desenvolvemento deste proxecto, o Grupo Terras Gauda continúa no seu afán por matizar aínda máis as peculiaridades dos seus viños, de marcada singularidade e personalidade. É o obxectivo fixado pola adega do Rosal na súa longa traxectoria apostando polo I+D+i, na maioría dos casos en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia – CSIC. Como no seu proxecto conxunto máis recente, o proceso pioneiro protexido baixo a figura de “segredo industrial” de titularidade mixta, un traballo co que conseguiron potenciar de forma natural as propiedades biosaudables dos viños ao aumentar de forma substancial a concentración de Flavanois extraídos da uva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información