Adega Sampayolo: crowfunding para recuperar os viñedos centenarios de Valdeorras

Javier García Arias, fundador de Adega Sampayolo, aposta pola recuperación dos vellos viñedos de Valdeorras e, en concreto, pola riqueza de matices que achega a variedade Garnacha. O seu “Chaira de Ramiriño”, elaborado a partir de uva de cepas centenarias, é froito dunha novidosa iniciativa de micromecenazgo.

Publicidade
Adega Sampayolo: crowfunding para recuperar os viñedos centenarios de Valdeorras

Javier García no viñedo "Chaira de Ramiriño". Foto: Lolita Vázquez/ LVG

Adega Sampayolo é unha das adegas de referencia da Denominación de Orixe Valdeorras. Situada no municipio de Petín, unha das súas apostas foi poñer en valor os viños elaborados a partir de cepas vellas que transmiten dunha forma única o “terroir” desta comarca. O seu “Chaira de Ramiriño”, elaborado a partir da uva de cepas centenarias da variedade Garnacha, é froito dunha nova iniciativa de crowfunging ou micromecenazgo. As xeadas que arrasaron os viñedos de Valdeorras, fan que proxectos como este de apoio social aos viticultores cobren se cabe máis valor.

A adega foi fundada no ano 2002 por Javier García Arias co respaldo incondicional de amigos e familiares. “A miña familia, desde os meus avós aos meus pais, levaban facendo viño toda a vida. Aquí en Valdeorras a viticultura é unha tradición cultural moi arraigada e chegou un momento en que decidín dar o paso dunha forma profesional”, explica.

Das súas 3 hectáreas de viñedos repartidos en máis de 15 parcelas polos municipios de Petín e A Rúa, así como dos viticultores da zona que lle fornecen uvas, sacou ao mercado a pasada campaña unhas 25.000 botellas. O 20% das variedades que cultiva son Godello, un 30% Mencía e o 50% restante Garnacha, unha variedade foránea pero que, introducida a comezos do pasado século XX, atopou en Valdeorras unha contorna ideal pola súa resistencia aos veráns cálidos e secos e pola calidade dos seus viños.

“Temos viñedos con cepas de Garnacha centenarias e recoñezo que son un namorado desta variedade porque cando son moi vellas permiten elaborar uns viños espectaculares, cunha gradación alta, por encima dos 13 graos, e con moita estrutura e matices”, destaca Javier García.

“A Garnacha vella permite elaborar uns viños con moita estrutura e matices”

Precisamente destes viñedos centenarios de Garnacha, a maioría dos cales se perderon nos procesos de reestruturación vitícola das últimas décadas, sae ao mercado a súa edición limitada de “Chaira de Ramiriño”, en honra á parcela que foi adquirida en 2015 mediante unha nova iniciativa de micromecenazgo.

En canto á variedade raíña de Valdeorras, a Godello, esta adega elabora o seu “Godello Sampayolo”, un viño froito dunha selección de uvas das viñas situadas nas ladeiras máis solleiras de Sampaio, Seadur, Vilamartín e A Rúa. Fermentado sobre lías e repousado durante 7 meses en depósitos de aceiro inoxidable, as súas notas de cata defíneno como “limpo e brillante amarelo dourado verdoso, con intensos aromas a froita madura, marcadas notas vexetais e fondo floral”.

Tamén destaca o seu “Godello Sampayolo Barrica”, envellecido durante 4 meses en barricas de carballo francés e americano ao 50%, unha pequena obra de arte, da que soamente saen ao mercado unhas 1.000 botellas, e na que se logrou que a achega de madeira intégrese cos recordos froiteiros propios da variedade godello.

E en tintos, hai que citar o seu “Sampayolo Mencía”, envellecido en barrica e elaborado cun 95% desta variedade autóctona galega e un 5% de Garnacha, que segundo Javier García Arias “achégalle estrutura e lonxevidade”.

Futuro: incrementar a produción e ampliar a gama de produtos a licores, augardentes e viño ecolóxico

En canto ao mercado, “Adega Sampayolo” vende o 60% da súa produción na Comunidade galega e o 40% no resto de España, fundamentalmente en Madrid, Barcelona, Canarias e Bilbao.

Os plans de futuro de Adegas Sampayolo S.L. pasan por conseguir ser cada vez máis autosuficientes, producindo máis do 70% da uva nos seus propios viñedos; alcanzar unha dimensión mínima, cunha produción de 50.000 botellas anuais, e ampliar a gama de produtos a licores, augardentes e viño ecolóxico.

“O máis difícil é lidar coa Administración, que para os que vivimos no campo e da agricultura obríganos a dedicar case a metade do tempo a trámites bucocráticos”, lamenta Javier García. “Pero seguirei nisto pois para min a viticultura é algo vocacional e enormemente satisfactorio porque o viño é un produto vivo, que vai evolucionando e que creas ti”, conclúe.

Chaira de Ramiriño: unha experiencia de micromecenazgo aplicado á viña

Mecenas clavando unha estaca ao lado da vide que apadriñaron.

Mecenas clavando unha estaca ao lado da vide que apadriñaron.

En abril de 2015 Javier García lanzou unha campaña de micromecenazgo na plataforma lanzanos para reunir os 9.000 euros que lle custaba adquirir unha viña de garnacha centenaria no municipio de Petín, chamada Chaira de Ramiriño.

A iniciativa foi todo un éxito con máis de 200 persoas que decidiron colaborar, con achegas que foron desde os 20 aos 100 euros. E deles, ao redor de 50 desprazáronse ata o viñedo para poñer o seu nome a unha das 600 cepas centenarias da finca; xente procedente de diferentes puntos da xeografía española, pero tamén de Italia, Francia e mesmo Brasil.

Todos eles recibiron na pasada colleita 2016 as botellas de garnacha vella “Chaira de Ramiriño”: un total de 1.970 botellas elaboradas a partir dos 1.450 litros que deu a vendima nesta leira emblemática de Adega Sampayolo.

Os participantes están convidados a visitar o viñedo para apadriñar unha cepa e reciben unha botella de viño

Na segunda edición, que se celebra este ano participaron na iniciativa de apadriñamento un total de 214 persoas, tanto a título individual como restaurantes, de Galicia e todo o territorio español, así como de Brasil, Francia ou de Estados Unidos.

“A colleita de 2016 viuse bastante minguada polos ataques de mildeu na primavera, polo que o rendemento foi menor, e no mes de decembro, antes de Nadal, enviarémoslles a todos os mecenas unhas 1.000 botellas”, explica Javier García.

«Do que se trata é de convidar ao mecenas ou ao amigo para continuar o proxecto; coa recompensa de que se seguen confiando no proxecto, terán este viño en exclusiva. Ademais, todos os mecenas están convidados a visitar a viña de Chaira de Ramiriño e a espetar unha estaca á beira de cada cepa co seu nome. É como apadriñar unha vide”, destaca este viticultor.

As xeadas que arrasaron os viñedos de Valdeorras, fan que proxectos como este de apoio aos viticultores cobren máis valor

Este singular proxecto comezou en 2015 coa recuperación da finca, o abonado do terreo, e as podas en verde. «Estaban as cepas practicamente mortas e agora teñen bastante vigor», asegura José García. Despois, chegou a segunda parte de plantación en 2016. «Alí onde non había cepa vella, replantamos cepa de garnacha co mesmo clon da cepa vella. Está claro que a cepa nova non vai dar a calidade da cepa vella, pero o día de mañá aquí seguirá habendo garnacha vella», destaca este viticultor.

As xeadas que arrasaron a pasada semana boa parte dos viñedos de Valdeorras, tamén afectaron seriamente aos de Adega Sampayolo. Neste sentido, Javier García relata que “na zona de val case o 100% dos viñedos resultaron danados, pero nesta parcela de Chaira de Ramiriño, como está nun terreo elevado e en pendente, foi das que mellor aguantou e diría que afectou ao 50% das vides”.

As previsións para este ano, son por tanto dun descenso considerable da uva vendimada en Valdeorras e tamén do viño que se repartirá entre os participantes no mecenado deste viñedo. Desta forma, cobra máis valor este exemplo de iniciativa que logra implicar aos consumidores para que valoren todo o traballo e a tradición que hai detrás dunha copa de viño, apoiando aos viticultores nos momentos máis difíciles.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información