Acruga retira provisionalmente un milleiro de animais do libro xenealóxico de Rubia Galega

A Asociación de Criadores iniciou no 2015 un programa de controis por xenotipado que revelou erros en arredor do 2,5% das reses inscritas. A entidade sostén que os problemas débense principalmente a unha incorrecta identificación de proxenitores

Acruga retira provisionalmente un milleiro de animais do libro xenealóxico de Rubia Galega

Acruga cancelou a súa última poxa por un resultado dubidoso no saneamento gandeiro dun animal.

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), que engloba a unhas 1.900 explotacións da comunidade, está depurar o Libro Xenealóxico da raza, no que están inscritos uns 40.000 animais. Acruga retirou provisionalmente arredor dun milleiro de reses do Libro ou pasounas do rexistro definitivo ao rexistro auxiliar, un proceso do que xa informou ás explotacións socias. O motivo da retirada provisional é que existen dúbidas sobre a filiación dos animais, é dicir, pénsase que os seus proxenitores están mal identificados.

O proceso de depuración do Libro Xenealóxico iniciouse a partir do 2015, cando comezaron os controis por xenotipado dos animais inscritos. Acruga sempre efectuou probas de paternidade, pero as novas técnicas incorporadas nos últimos anos, xunto a unha intensificación dos controis, permitiron detectar problemas que ata agora se pasaran por alto.

Os erros atopados, que afectan a arredor do 2,5% dos animais, céntranse nunha filiación incorrecta -segundo Acruga-, na maioría dos casos por fallos na inscripción das reses. “Se un gandeiro quere mercar unha xovenca, é importante que saiba con garantías se é filla dun touro ou doutro, pois as puntuacións dos touros en cuestións como morfoloxía ou rendemento da canal son distintas. Daí a importancia de ter un Libro Xenealóxico o máis correcto posible”, aclaran desde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega.

Acruga descarta que no Libro Xenealóxico estean inscritos exemplares cruzados, “salvo posibles casos puntuais” que se inscribiran por erro e que tamén se retirarían do Libro. “Os animais que se retiraron provisionalmente do rexistro son reses que responden ó prototipo racial de Rubia Galega, pero que non semellan ser dos proxenitores asignados no libro. Por tanto, retíranse en tanto non se poida comprobar a través das correspondentes probas cales son os seus proxenitores reais”, sostén Acruga.

Poxas de Acruga
A asociación defende ademais a pureza dos animais que teñen participado nas subastas de Acruga. “Todas as femias que entran no centro de recría da Granxa Gayoso Castro teñen filiación comprobada, compatible garantizada; é dicir, son fillas de pai e nai de raza Rubia Galega”, asegura a entidade nun comunicado que sacou onte, tras a publicación dunha información de La Voz de Galicia que informaba do proceso de depuración que se está executando no Libro Xenealóxico.

En relación á poxa prevista para o pasado 22 de decembro, que foi suspendida, Acruga sinala que a cancelación nada ten que ver coa depuración do Libro Xenealóxico, senón cun resultado dubidoso dun animal do centro de recría na campaña de saneamento gandeiro oficial. “Debido a iso, todos os animais da explotación quedaron inmobilizados temporalmente, ata a realización de novas probas sanitarias”, sostén a entidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información