Acruga poxa este martes seis xovencas en Pedradita do Cebreiro

Os exemplares parten cun prezo de saída de 1.800 euros, con axudas de 200 euros pola compra de cada animal

Acruga poxa este martes seis xovencas en Pedradita do Cebreiro

Poxa de Acruga en Boimorto (A Coruña)

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, acode eses martes a Pedradita do Cebreiro para celebrar unha nova edición da poxa de xovencas preñadas, que comezará ás 12.30 da mañá. Acruga levará seis exemplares, todos eles de idades comprendidas entre os 22 e os 25 meses e cunha preñez de entre catro e seis meses.

Como xa é habitual nas poxas organizadas por Acruga, os animais proceden da granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, onde en colaboración coa Deputación de Lugo a asociación traballa no centro de recría para lograr unha coidada selección de animais, co que forma un rabaño de elite, avalado polas boas características xenéticas, produtoras, morfolóxicas e reprodutoras.

Os prezos de saída para estas seis xovencas preñadas fixáronse en 1.800 euros, cunha axuda á compra de 200 euros, grazas ao apoio da entidade Caixa Rural. A retirada de cartóns poderase facer unha hora antes, desde as 11.30, no mesmo recinto feiral.

O presidente da Acruga, César Dorado, lembra os resultados de feiras anteriores para falar das boas perspectivas para esta feira, xa que nas dúas poxas celebradas en abril e setembro de 2015, adxudicáronse todas as xovencas preñadas presentadas á poxa. As razóns que, segundo César Dorado, levan aos gandeiros para adquirir estas xovencas son as boas características das mesmas e as garantías que supón a súa procedencia do centro de recría.

“Son xovencas preñadas que se adquiren cunha media de 24 meses de idade, o que supón un importante aforro nos custos de mantemento que se requiren para recriar unha novilla destas características. Ademais, a axuda á compra de 200 euros tamén é un incentivo para os gandeiros que deciden poxar por un destes exemplares”, explica Dorado Pin.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información