Acruga leva sete xovencas do centro de recría á poxa deste domingo de Pedradita do Cebreiro

As xovencas preñadas parten cun prezo de saída de 1.800 euros, mentres que o resto sairán á poxa a 1.700.

Acruga leva sete xovencas do centro de recría á poxa deste domingo de Pedradita do Cebreiro

Poxa organizada por Acruga en Boimorto

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega acode este domingo, día 5, a Pedradita do Cebreiro para celebrar unha nova edición da poxa de xovencas, que comezará ás 12.30 da mañá. Acruga levará sete xovencas, preñadas e sen preñar, de entre 17 e 26 meses de idade, procedentes todas elas da granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, onde en colaboración coa Deputación de Lugo traballa na selección de animais para formar un rabaño de elite no devandito centro de recría.

Os prezos de saída para os sete exemplares presentados a poxa fixáronse en 1.800 euros, no caso das xovencas preñadas, mentres que os exemplares sen preñez, parten cun prezo de 1.700 euros. Os gandeiros que adquiran algunha destas reses contarán cunha axuda á compra de 200 euros, grazas ao apoio da entidade Caixa Rural. A retirada de tarxetas poderase facer unha hora antes, dende as 11.30, no mesmo recinto feiral.

O presidente de Acruga salienta que “mercar estas xovencas sae máis rendibles que crialas na casa”

Os responsables de Acruga esperan uns bos resultados e unha poxa animada, cun bo número de tarxetas posto que á feira de Pedradita adoitan acudir compradores de toda a provincia e tamén dos municipios próximos de León.

Ademais, Pedrafita do Cebreiro é un dos municipios de montaña con maior número de asociados, preto de cincuenta e case unhas setenta explotacións con exemplares de raza Rubia galega, e máis de 2.000 cabezas de gando.

O presidente da Acruga, César Dorado, animou os gandeiros a asistir a Pedrafita e a tomar parte nesta poxa. “Trátase de reses de moi boa calidade e a uns prezos moi alcanzables. Hai que ter en conta que nestas poxas se poden adquirir xovencas preñadas por 1.600 euros, o que sae moito máis rendible que recriar unha xovenca ata os 24 ou 26 meses, porque se aforra en mantemento e nos gastos que requiren a súa recría,”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *