Ábrese o prazo para solicitar axudas para a plantación de coníferas e frondosas caducifolias

Medio Rural destina á iniciativa sete millóns de euros, cos que espera que se planten unhas 4.000 hectáras. A Xunta resolveu tamén a convocatoria do 2018, con 133 beneficiarios e máis de 2.600 hectáreas a plantar

Publicidade
Ábrese o prazo para solicitar axudas para a plantación de coníferas e frondosas caducifolias

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190118/AnuncioG0426-261218-0001_gl.pdf

Prazo: Ata 18/02/2019

Resumo:

A Consellería do Medio Rural publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para a forestación de terras non agrarias con piñeiros ou frondosas caducifolias. Un dos requisitos para acceder ás subvencións é que as superficies a plantar non estivesen arboradas os últimos dez anos e que teñan unha fracción arborada non superior ó 20% do terreo. As parcelas deben estar catalogadas no Sixpac como Forestais, Pasto con arboredo (Pa) ou Pasto arbustivo (Pr), debendo ser tamén posible a súa plantación de acordo co Plan Xeral Municipal.

Outro dos condicionantes das axudas é que se precisa unha superficie mínima en couto redondo de 3 hectáreas, salvo no caso de propietarios particulares, ós que se lles esixe unha hectárea en couto redondo, e das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), que poderán sumar as 3 hectáreas en varios coutos redondos, cada un deles dun mínimo dunha hectárea.

A Administración destina ás axudas un total de 7 millóns de euros, cos que espera que se foresten arredor de 4.000 hectáreas a través duns 200 beneficiarios.

Os solicitantes das axudas poden ser, entre outras entidades, comunidades de montes veciñais, cooperativas agrarias, montes de varas, Sofor, propietarios particulares e agrupacións de propietarios particulares constituídas formalmente como asociación.

As actuacións subvencionables inclúen o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta, así como os gastos da plantación propiamente dita. Así mesmo, tamén son susceptibles de subvención as infraestruturas de acompañamento e as obras complementarias.

Poderán plantarse as seguintes especies. En coníferas, piñeiro do país, piñeiro insigne, piñeiro silvestre, piñeiro de Oregón e piñeiro laricio. En frondosas, ameneiro, bidueiro, freixo, castiñeiro, castiñeiro híbrido, cerdeiras silvestres e híbridos de produción madeireira, carballo, nogueira americana e híbridos de produción madeireira, e pradairo.

Axudas 2018
Medio Rural informa tamén de que vén de resolver a convocatoria 2018 de forestación de terras non agrarias, na que hai 133 beneficiarios, que plantarán un total de 2.666 hectáreas. Desta superficie, o 65,3% correspóndese á provincia de Ourense, cun total de 1.742 hectáreas, seguida pola provincia de Lugo con 481 hectáreas, Pontevedra con 415 hectáreas e A Coruña con 27 hectáreas. Analizando os beneficiarios, das 133 solicitudes aprobadas, 122 correspóndense a comunidades de montes veciñais en man común, 10 a particulares e unha a unha agrupación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información