A Xunta reforzará o control das análises de mostras de leite do gando vacún de Galicia

Para este 2016, a Xunta destinará algo máis de 425.000 euros para incrementar as mostras, permitindo facer ata un total de 1.465.689 analíticas. O Ligal pon a disposición dos gandeiros material xenético de alta calidade para obter animais máis selectos e eficientes na produción de leite

A Xunta reforzará o control das análises de mostras de leite do gando vacún de Galicia

Ángeles Vázquez na súa visita ao LIGAL

A Xunta reforzará o control das análises de mostras de leite do gando vacún de Galicia realizadas no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, Ligal. Así o destacou esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na visita que realizou a este centro.

A titular deste departamento autonómico indicou que este reforzo ten como principal obxectivo mellorar a seguridade, calidade e trazabilidade do leite producido na nosa Comunidade, de forma que se incrementen, tamén, as garantías dos gandeiros de dispoñer dun sistema óptimo de control leiteiro. Deste xeito, a Consellería responde tamén ao compromiso adquirido cos gandeiros nos diferentes encontros que mantén habitualmente co sector.

En 2016 o LIGAL realizará case 1,5 millóns de analíticas

Ademais, neste mesmo contexto, Ángeles Vázquez asegurou que a obtención de datos para avaliar xenéticamente aos reprodutores e poder desenvolver o Programa de Mellora Xenética de Frisón de Galicia é fundamental para que o sector siga sendo rendible e de calidade. Sinalou que para este 2016 a Xunta destinará algo máis de 425.000 euros para incrementar as mostras, permitindo facer ata un total de 1.465.689 analíticas.

Con este programa de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o LIGAL ponse a disposición dos gandeiros galegos material xenético de alta calidade producido na nosa Comunidade para obter animais máis selectos e eficientes na produción de leite e, deste xeito, mellorar a súa competitividade.

A conselleira, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, coñeceu de primeira man o traballo que se realiza nestas dependencias, reivindicando o compromiso e traballo da Xunta a prol do sector lácteo galego.

Aproveitando a súa estancia en Mabegondo, a conselleira tamén visitou as instalacións do Centro de Investigacións Agrarias, cuxa actividade se centra na investigación agraria, a transferencia de coñecementos ao sector agrario e a conservación dos Recursos Fitoxenéticos de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información